Darío Campos tampouco acudirá ao Parlamento para presentar os orzamentos da Deputación de Lugo

Súmase así a decisión adoptada pola presidenta da Deputación de Pontevedra e compañeira de partido, Carmela Silva. O PP garante a Silva que non terá "trato vexatorio" na Cámara logo de chamarlle "covarde" por non acudir á Cámara.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/11/2017 | Actualizada ás 11:18

Comparte esta noticia

O presidente da Deputación de Lugo, o socialista Darío Campos, tampouco acudirá ao Parlamento de Galicia o venres para explicar os seus orzamentos para o ano que vén. Así o avanzaron a Europa Press fontes da contorna do mandatario provincial, e esta decisión prodúcese dous días despois de que a súa homóloga na Deputación de Pontevedra, a tamén socialista Carmela Silva, anunciase que non acudiría.

Carmela Silva.
Carmela Silva.

Partindo da premisa de que a comparecencia das Deputacións no Parlamento para explicar o orzamento provincial é voluntaria; Darío Campos adiantou este xoves que remitirá o documento completo do Orzamento para 2018 con todos os detalles ao Parlamento. Pero tamén dixo que este ano non comparecerá na Cámara por dúas razóns: a “nula colaboración institucional e económica” da Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo e a “total falta de transparencia e obxectividade” dos investimentos da Xunta que o Goberno galego decide facer “en tan só nuns poucos Concellos da provincia de Lugo de xeito discriminatorio e partidista”. 

"Levo dous anos comparecendo no Parlamento galego para explicar as liñas xerais do Presuposto da Deputación de Lugo nun exemplo de absoluta transparencia e colaboración institucional, que nin é recíproca, nin acadou ningún resultado. Despois de dous anos, segue sen existir unha relación económica e colaboradora da Xunta de Galicia coa Deputación de Lugo para impulsar proxectos que fomenten as infraestruturas, o emprego e o benestar nunha provincia, como a de Lugo, eminentemente rural, envellecida e cunha forte dispersión xeográfica, que require da atención da que é a principal administración en Galicia, a Xunta, para, verdadeiramente, atender, dende o público, aos máis de 300.000 veciños dos 67 Concellos lucenses”, denunciou. 

Que os presidentes provinciais detallen as súas contas na Cámara galega non é unha actuación obrigatoria por lei, aínda que se levou a cabo de forma ininterrompida desde hai unha década.

De feito, hai que remontarse aos inicios do Goberno bipartito para atopar un precedente: en 2007, os presidentes populares de Lugo, Ourense e Pontevedra opuxéronse a comparecer na sede do Lexislativo autonómico.

Darío Campos
Darío Campos

O PP pide a comparecencia

Por outra banda, a deputada popular Paula Prado reclamou este xoves ao presidente da comisión de Economía, Abel Losada, que realice as "xestións oportunas" ante a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, co obxectivo de que compareza no Parlamento para presentar as contas do organismo despois do anuncio de que non o fará.

Ao comezo da comisión de Economía deste xoves --coas comparecencias previstas de varios organismos--, Prado pediu a palabra para apuntar que os deputados populares atópanse "sorprendidos" pola negativa de Carmela Silva a comparecer o venres en comisión. Asegurou que "non se lle dispensará ningún trato vexatorio nin malos tratos". Unha petición que chega logo de que os populares teñan acusado a Silva de "covarde".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta