Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 03/11/2017 | Actualizada ás 09:57
A xenética está a escribir con precisión a historia de millóns de persoas que, contra a súa vontade, foron capturados en África para a súa explotación como escravos en países suramericanos. O relato dun dos capítulos máis dramáticos e tristes da historia da humanidade, o comercio de escravos transatlántico, conta agora con novos datos da man da colaboración internacional Eurotast na que o equipo do xenetista da Facultade de Medicina da Universidade de Santiago (USC) Antonio Salas Ellacuriaga é o único representante español, informa a institución académica.
Nun artigo na revista American Journal of Human Genetics, o equipo do doutor Salas estuda xeneticamente por vez primeira un conxunto de poboacións humanas actualmente asentadas na Güiana Francesa e no país veciño de Surinam. As comunidades estudadas “representan os denominados cimarróns (noir marron), descendentes de escravos africanos rebeldes que conseguiron escapar e vivían refuxiados nos ‘palenques’ ou ‘quilimbos’”, concreta Antonio Salas.
Os últimos estudos xenéticos demostran que parte da actual poboación destes dous países son “descendentes directos” destes escravos. O traballo é unha mostra de que “a xenética é unha fonte de información adicional á documentación escrita preservada daquela época, achegando unha visión biolóxica do proceso”.
Concretamente, o traballo realizado nesta ocasión permite aclarar información sobre o lugar de orixe de hipotéticos descendentes daqueles escravos africanos en América. A modo de exemplo, os datos do doutor Salas mostran que en Colombia e Brasil, o principal evento de mestizaxe cos europeos data do ano 1749-1796, “un achado da xenética que é consistente coa documentación histórica” explica. Nestas poboacións, engade o xenetista da USC, evidéncianse patróns de mestizaxe diferenciais en canto ao xénero, “cunha proporción maior de compoñente masculino procedente de Europa”. A análise xenética de poboacións de ‘cimarróns’ e de comunidades de afro-colombianos mostran afinidades coas poboacións do outro lado do Atlántico, particularmente coas orixinarias de Golfo de Benín e Costa do Marfil. Por outra banda, as poboacións de afro-brasileiros de Río de Xaneiro manterían afinidades coa poboación bantú do Golfo de Biafra e do centro-oeste africano (Camerún, Gabón, Angola).
O traballo dos investigadores evidencia o labor da xenética para trazar a orixe de quen foi explotado en réxime de escravitude e a desenredar os problemas que se derivan do feito de que na maior parte das situacións documentadas, nos portos de escravos en África embarcaban persoas capturadas a centos ou miles de quilómetros e de moi diferente orixe étnica e cultural.
4,3 MILLÓNS DE MARCADORES XENÉTICOS
A análise de 4,3 millóns de marcadores xenéticos en poboacións de descendentes de persoas nativas de África son a base hoxe do estudo realizado para identificar os avatares de grupos humanos que permaneceron xeográfica e culturalmente illados e case sen mesturar coas poboacións veciñas dende os tempos da súa fundación. Estes grupos representan “un laboratorio xenético sobre o que estudar de maneira fidedigna o que ocorreu hai entre 300 e 400 anos durante o proceso do tráfico de escravos”, aclara Salas.
Dada a natureza das mostras así como o volume de datos manexados, “o aspecto computacional e matemático do traballo é complexo porque se trata de manexar millóns de variantes xenéticas en miles de individuos, o que conleva lidiar con problemas relacionados coa dimensión dos datos”, engade. Neste senso, o investigador explica que ademais da información procedente de afrodescendentes, analizáronse igualmente poboacións de referencia nos continentes africano e europeo, “xa que estas serven de marco de referencia sobre as que a xenética de poboacións reconstrúe os feitos históricos”.
EUROTAST
Recoñecido como un crime contra a humanidade internacionalmente, durante catro décadas o comercio de escravos transatlántico mobilizou contra á súa vontade máis de sete millóns de persoas para traballar como escravos en plantacións e minas. Como recorda o investigador da Facultade de Medicina, España foi un dos maiores responsables da trata e explotación.
O investigador da USC encabeza o único equipo español, neste caso emprazado no Instituto de Ciencias Forenses Luis Concheiro da USC, implicado no proxecto Eurotast, unha rede europea de investigación na que teñen cabida o mundo académico europeo e especialistas de África occidental e o Caribe para examinar as consecuencias do tráfico de escravos, en perspectiva histórica, conducido polas grandes potencias europeas da época.
As investigacións presentadas son o froito dun proxecto de investigación do profesor Antonio Salas financiado no ano 2012 cunha axuda Marie Curie Initial Training Network, coñecido como Eurotats. É unha convocatoria altamente competitiva e o proxecto foi o primeiro concedido na súa categoría a un investigador da USC. Supuxo unha dotación económica de 4,3 millóns de euros e con el apoiouse a formación de quince novos investigadores en Europa.
Eurotast é un proxecto colaborativo que xunta o esforzo investigador de dez institucións e sete países europeos, entre elas as universidades de Copenhague (Dinamarca), Bristol e York (Inglaterra), o CNRS (Francia) ou DeCode Genetics (Islandia). O proxecto é multidisciplinar e cobre distintas disciplinas como a historia, a arqueoloxía, a xenética e xenómica ou a antropoloxía social. A rede, ademais dun forte carácter científico, ten un compoñente divulgativo importante, xa que un dos obxectivos é facer chegar os resultados do proxecto aos medios de comunicación, museos ou escolas, entre outros.
Como sinala Antonio Salas, “no grupo da USC, centrámonos na parte xenómica deste proxecto e ademais dos seus obxectivos primarios no ámbito da historia e a xenética de poboacións, buscamos aplicacións en terreos moi diferentes e ao mesmo tempo fortemente relacionados”. A modo de exemplo, “no ámbito da xenética forense e a investigación policial, é cada vez máis relevante o que pode achegar a xenética na busca de evidencias que axuden a investigar posibles sospeitosos de ter cometido un delito”. Ademais, “nos nosos proxectos clínicos investigamos como o acervo xenético dunha persoa predispón a unha enfermidade, e como en boa parte esta predisposición ten unha base ben cimentada sobre a historia e arquitectura xenómica individual”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.