Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/11/2017 | Actualizada ás 19:14
A formación política Cerna apoia ao Goberno lexítimo da Generalitat de Cataluña e solidarízase cos seus membros encadeados polo "redivivo TOP franquista". "En Cerna estamos polas liberdades e polos dereitos das persoas e dos pobos, estamos polo tanto pola democracia radical e non podemos menos que solidarizármonos co pobo catalán e co seu goberno lexítimo nun momento de dura represión", apuntan nun comunicado.
Así, denuncia que "está claro que non existe división de poderes" e que "a xustiza forma parte do aparello de represión do Réxime". "Perséguense ideas políticas, encadéanse gobernos elixidos polos cidadáns, todo isto implica que a democracia española está finiquitada con este revival do franquismo a estas alturas do século XXI", indica.
Por iso, e ante esta decisión "represora" da fiscalía, entende que ao Goberno Catalán "non lles queda máis que facer un Goberno no exilio" tal e como tiveron que facer coa caída da República ante o levantamento faccioso do 36.
Ante esta situación, Cerna fai un chamado a todos os demócratas a mobilizarse en defensa da democracia, á unidade do todas as demócratas para iniciar procesos constituíntes cara unha república confederal ibérica.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.