Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 05/11/2017 | Actualizada ás 13:22
A Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) alertou que a mortalidade por incendios forestais en Galicia "triplicouse" nos últimos anos, circunstancia que "a falta dunha análise máis profunda", podería estar causada pola proximidade de masas de eucaliptos e acacias a núcleos con alta densidade de poboación.
Así o sinala un comunicado emitido pola entidade ecoloxista no que repasan os falecidos en lumes forestais desde o ano 1988 até a actualidade.
Deste xeito, entre 1988 e 2001 rexistráronse sete falecementos polos 14 mortos en episodios relacionados cos incendios acontecidos desde comezos de século até o pasado mes de outubro, cando catro persoas perderon a vida na vaga de incendios que calcinou máis de 49.000 hectáreas.
Ademais, a SGHN analiza os datos por provincias, sendo Pontevedra a zona de Galicia que maior taxa de mortalidade presenta, con 1,06 vítimas por cada cen mil habitantes.
Segundo esta entidade, logo de aclarar que debería facerse unha "análise máis pormenorizada" das causas deste índice, a mortalidade en Pontevedra podería explicarse porque esta provincia concentra zonas con alta densidade de "frondosas perennifolias" —eucalipto e acacias— que coinciden con áreas de "alta densidade de poboación".
Todo iso, continúa a SGHN, súmase á "grave desordenación do territorio, cun caos crecente no que se mesturan propietarios plantando eucaliptos á beira dos núcleos de poboación e veciños construíndo vivendas entre eucaliptales".
Ademais, pon o foco en que a velocidade de propagación do lume nas masas deste tipo de árbores é o dobre que nunha 'carballeira' ou un 25% máis rápido que nun piñeiral.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.