Por Galicia Confidencial | Mondoñedo | 12/11/2017 | Actualizada ás 12:00
Veciños e veciñas das parroquias de Lindín e Santa María Maior (Mondoñedo) recentemente constituíron a asociación “Afectados polas louseiras do Val do Río Baos”. Unha entidade que quere denunciar as irregularidades que unha empresa de lousas está cometendo no concello.
Os veciños decidiron constituírse en asociación logo de reunións previas de posta en común da problemática da mala convivencia que, a causa de varios accidentes, están a crear as louseiras asentadas nestas parroquias, ámbalas dúas da empresa Pizarras Veira do Río S.L. (PIVERI).
Unha decisión que tomaron “ante o reiterado incumprimento por parte da empresa dos acordos de convivencia, e a uns métodos de traballo desta que impiden o resto das actividades económicas, danan as propiedades privadas, contaminan o medioambiente e sobre todo poñen en perigo a seguridade da cidadanía”. Por iso, acordan iniciar os trámites de información e denuncia ante os organismos pertinentes (Consellería de Economía, Emprego e Industria e concellos de Mondoñedo e Lourenzá) das prácticas ilegais que a empresa a cometer tanto nos seus proxectos como nos espazos públicos de convivencia.
Neste sentido, denuncian que este mesmo sábado a empresa efectuou a descarga de maquinaria pesada en vías públicas titularidade da Deputación de Lugo e do Concello de Mondoñedo. “Obviamente sen os permisos oportunos ao carecer dos métodos preventivos necesarios, xa que se causaron estragos no firme da estrada recentemente aglomerada (LU-P-3103) e se esnaquizou a rede de saneamento fluvial ao seu paso”, din.
Así, lembran que ditas vías foran acondicionadas tanto por a Deputación coma por o Concello nos últimos 4 meses, cun importante orzamento económico dos dous erarios públicos “que a entendemento da Asociación debe ser resarcido por a empresa”. Ademais alertan de posibles derrubes de vías pola realización de escavacións de máis de 20 metros que provocaron fendas.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.