Por Galicia Confidencial | Compostela | 21/11/2017 | Actualizada ás 10:55
PuntoGal, o dominio galego en internet, aproveita o Venres Negro, ou Black Friday, deste ano para ofrecer os seus dominios a tan só 5 euros máis IVE. Esta promoción estará aberta ata o ciber Luns (Cyber Monday), o día 27. Unha oferta que é estensible aos .cat, .eus e .barcelona.
Para poder mercar os .gal a este prezo tan reducido haberá que acudir, como sempre, ás páxinas dos rexistradores acreditados que participan nesta acción. Na web http://dominio.gal/promotion/ está toda a información e un resumo do ofertado polas diferentes empresas rexistradoras. Nesta ocasión participan Dinahosting, Entorno Digital, CoreHub, CdMon, Nominalia e Arsys. No caso de Dinahosting, o desconto en prezo vai acompañado dunha oferta propia do rexistrador galego no seu paquete de hosting especial, cos hosting a menos da metade de prezo e máis descontos nos servizos dedicados.
PROMOCIÓNS CONXUNTAS
A promoción forma parte das accións acordadas cos rexistradores que traballan habitualmente con PuntoGal, cos cales o dominio mantivo unha reunión de traballo en Santiago de Compostela o pasado mes de outubro. Nesa xuntanza, na que tamén estiveron presentes os rexistros .eus (Euskadi) e .barcelona e .cat (Cataluña) propuxéronse distintas liñas de colaboración para optimizar a comercialización dos dominios.
PuntoGal, que conta a día de hoxe con máis de 4.200 dominios, finaliza con esta oferta as súas promocións do ano 2017. A anterior acción foi a realizada en colaboración co Museo do Pobo Galego co gallo do seu corenta aniversario. Sen embargo, o dominio participará antes de fin de ano noutras actividades. Unha das máis destacadas será a participación no mes de decembro na feira Culturgal en Pontevedra, onde terá stand propio por terceiro ano consecutivo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.