Os Bolechas sóbense ao Centro Oceanográfico de Vigo

O Instituto Español de Oceanografía presenta o libro 'Os Bolechas: O centro Oceanográfico de Vigo'.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 30/11/2017 | Actualizada ás 12:23

Comparte esta noticia

Coincidindo co Día da Acuicultura, e no marco das actividades do Centenario do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía (IEO), este xoves tivo lugar a presentación oficial do libro de 'Os Bolechas: O centro Oceanográfico de Vigo'.

Libro 'Os Bolechas: O centro Oceanográfico de Vigo'.
Libro 'Os Bolechas: O centro Oceanográfico de Vigo'.

Os Bolechas é unha serie infantil de libros en galego que narran as aventuras dunha familia de ficción creada por Pepe Carreiro no ano 2000, con máis de 300 títulos e un millón e medio de exemplares distribuídos.

Nesta ocasión, con motivo do Centenario do Centro Oceanográfico de Vigo do IEO, os Bolechas contan o traballo do centro dunha forma didáctica e lúdica orientado aos máis pequenos.

A presentación realizouna o autor do libro, Pepe Carreiro, que ademais impartiu un obradoiro de debuxo aos nenos asistentes dos dous colexios gañadores do concurso de maquetas "Acuicultura de reciclaxe", Atalaya Cantabria e Escuelas Nieto, que antes visitaron a Planta de Cultivos e participaron en varios obradoiros.

Durante a presentación interviñeron Vitoria Besada, directora do Centro Oceanográfico de Vigo, e Mercedes Rodríguez Moreda, directora xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica.

O libro, que contou co financiamento da Xunta de Galicia, enviarase a todos os colexios de infantil e primaria de Galicia e a todas as bibliotecas públicas da provincia de Pontevedra, un total de máis de 900 exemplares.

Ademais, o libro está dispoñible en formato pdf.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta