Portugal e Líbano, os grandes protagonistas de Cineuropa

“A fábrica de nada”, de Pedro Pinho, premio ao mellor filme en Cineuropa. O acto de clausura do festival leu o palmarés do I Xurado Novo e puxo punto final a 22 días de cinema con case 300 películas.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 30/11/2017 | Actualizada ás 17:15

Comparte esta noticia

Este martes púxose o punto final á 31ª edición de Cineuropa. O clásico festival compostelán trouxo en tres semanas 264 títulos de máis de 50 países que se proxectaron en seis espazos da cidade. A cerimonia de clausura estivo introducida polo director do festival, José Luis Losa, e protagonizada polos membros do I Xurado Novo de Cineuropa, sete mozas e mozos que valoraron ao longo destes 22 días un total de 29 filmes.

Fotograma de A fábrica de nada
Fotograma de A fábrica de nada

Cristina Veiras, David Iglesias Rodríguez, Ester García Mera, Víctor Estévez Arias, Laura Ramos Cuba, Mario Fernández Vilariño e Valeria Vázquez Domínguez, integrantes dese Xurado Novo, subiron ao escenario para ler o palmarés do festival. O galardón ao mellor filme foi para a produción portuguesa “A fábrica de nada”, de Pedro Pinho, un dos realizadores homenaxeados nesta edición cun ciclo propio, e que asistiu a unha das súas proxeccións. “Un musical indómito”, que nos conta “”o proceso de loita dos traballadores dunha fábrica desafiuzada”, “unha celebración da loita a partir de insólitas coreografías que acompañan a quen perdeu o valor do seu traballo”, segundo o director de Cineuropa.

Pola súa banda, o público premiou “L’Insulte” (“O insulto”), filme francolibanés de Ziad Doueiri, cun moi notable 8,56, que recibiu tamén o premio ao mellor actor no Festival de Venecia e o do público do American Film Institute. A película céntrase nunha pequena e en apariencia anecdótica desputa entre un libanés e un palestino, no contexto do Líbano multicultural ateigado de refuxiados, para trazar todo un retrato da sociedade e do conflicto cultural do seu país. “Un conflicto persoal é a espoleta para sacar á luz a tensión entre a poboación palestina e a libanesa de orixe, as pantasmas da memoria recente e arrumbada cara ao esquecemento polas matanzas de Sabra e Chatila”, segundo José Luis Losa. “Cinema político e, ao tempo, emanación dunha loita individual pola dignidade”.  O premio dos espectadores establece así, sinala, un paralelismo e “complicidade entre os valores do público e a temática reivindicativa desta edición”.

Ademais, o recoñecemento á mellor dirección recaeu na inglesa Lynne Ramsay, por “You were never really here” (“En realidade, nunca estiveches aquí”), coprodución de Reino Unido, Francia e Estados Unidos cun “colosal Joaquin Phoenix” neste “thriller de conspiración desosado de guión e de picos dramáticos”, “obra brusca, catártica, memorable”.

Un dos nomes máis importantes das últimas décadas, o guionista e realizador austriaco Michael Haneke, foi premiado co galardón ao Mellor Guión, por “Happy End”, o seu último traballo. Recoñece así a calidade deste “retrato dunha familia europea burguesa”, “un niño de avespas da alta burguesía, e no medio, os migrantes que irrompen nos salóns de palacio”. Pola súa banda, os premios á mellor actriz e ó mellor actor foron para a francesa Laetitia Dosch, por “Jeune Femme (Montparnasse Bienvenue)”, e para o alemán Meinhard Neumann, por “Western”, respectivamente.  A primeira, “excelente e pintoresca”, interpreta a unha “tenra e neurótica protagonista á busca complexa dun traballo”, nun “tobogán de emocións” que “xoga moi ben coa distancia ou a empatía que sucesivamente vai xerando”. Pola súa banda, Neumann protagoniza “un dos fitos do último Cannes, excluido incomprensiblemente da loita pola Palma de Ouro” sobre a xenofobia e a discriminación dende unha óptica pouco habitual.

Xurado novo de Cineuropa
Xurado novo de Cineuropa

Finalmente, o premio especial do Xurado foi para a rusa “Tesnota” (“Closeness”), de Kantemir Balagoz, “fulgurante ópera prima”, “drama ao límite, de atmósfera oclusiva e descomunal intensidade narrativa”, sobre a opresiva situación dunha familia xudía no Cáucaso, vítima dun secuestro, coa guerra de Chechenia e o antisemitismo de fondo. Finalmente, o premio de Cine e Dereitos Humanos, xurdido a iniciativa da concellería de Educación e Cidadanía do Concello de Santiago de Compostela, foi concedido a “Estados Clandestinos: un capítulo rioplatense de la Operación Cóndor”. Este documentario de Uruguai e Arxentina dirixido por Marc Iglesias e Paula Monteiro recolle o relato terrible e emocionante dos supervivintes uruguaios do terrorismo de Estado que en Sudamérica  coordinou ás ditaduras de Arxentina, Chile, Brasil, Uruguai, Paraguai, Bolivia e, esporadicamente, Perú, Colombia e Venezuela, nas décadas de 1970 e 1980, e que tivo como consecuencia a desaparición, asesinato e encarceramento de centos de miles de persoas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta