Os Blancos, primeiro concello en bancarrota, será intervido pola Deputación de Ourense

Ten unha débeda de 3,2 millóns de euros. O alcalde defende ceder os servizos de abastecemento, saneamento e do IBI, mentres o PSOE alerta de que "subirá" o seu custo.

Por Galicia Confidencial | Ourense | 12/12/2017 | Actualizada ás 18:15

Comparte esta noticia

O Concello dos Blancos (Ourense) está en bancarrota. Tal e a súa situación que activou os trámites para traspasar á Deputación de Ourense os servizos de abastecemento, saneamento e o Imposto de Bens Inmobles (IBI) para acceder a un crédito do Instituto de Crédito Oficial (ICO) que lle permitirá emendar a débeda de 1,7 millóns de euros que mantén coa Seguridade Social e a Axencia Tributaria.

Nocedo, Os Blancos (Ourense)
Nocedo, Os Blancos (Ourense) | Fonte: Galipedia

Así o confirmou este mércores o alcalde, José Manuel Castro (PP), quen concretou que a medida é "unha dispensa de servizos permitida" pola lei e que rexeitou que esta cesión de competencias supoña unha intervención tal e como denuncia a oposición "porque vai quedar o equipo de goberno sacando proxectos adiante".

Na actualidade o Concello dos Blancos ten unha débeda de 3,2 millóns de euros. Á Seguridade Social correspóndenlle 1.599.903,43 euros e á Axencia Estatal Tributaria 42.456,04 euros. O resto son débitos a provedores (un millón de euros) e á entidade crediticia Abanca (uns 50.000 euros).

RESCATE FINANCEIRO

Castro explicou que para acceder ao rescate financeiro de 1,7 millóns de euros foi preciso presentar un "plan de axuste" que pasa por transvasar competencias ao ente provincial por un período inicial de dous anos, prorrogables. "Calculamos que serán necesarios entre oito e dez anos para pagar a débeda", abundou, ademais de subliñar que o plan recibiu o visto e prace das administracións provincial

Casa do Concello dos Blancos (Ourense)
Casa do Concello dos Blancos (Ourense) | Fonte: Elisardojm en Wikipedia.

Deste xeito, a Deputación farase cargo dos servizos de iluminación, abastecemento, saneamento e estradas, pero tamén procederá ao cobro do Imposto de Bens Inmobles (IBI). O plan tamén contempla a desaparición de seis postos de traballo, entre os que se atopan o de secretario e o de interventor, cuxas funcións pasarán a ser exercidas por persoal do ente provincial.

O ALCALDE NEGA QUE VAIA A HABER RECORTES

Para o rexedor, estas medidas non suporán "ningún recorte de servizos para os veciños". Ademais, confirmou que existe un acordo coa Deputación para que un dos traballadores da Deputación "estea diariamente" nas instalacións municipais.

O alcalde explicou que este recorte de persoal suporá un aforro próximo aos 120.000 euros anuais para as arcas municipais, o que "permitirá sufragar o 85 por cento do crédito anual sen a necesidade de tomar "medidas draconianas" para afrontar a débeda co Instituto de Crédito.

"QUEDAR SEN CONCELLO"

Con todo, para a portavoz do PSOE dos Blancos, Emilia López, esta decisión supón "quedar sen Concello" porque o ente local "converterase en "unha sucursal" da Deputación "para recadar diñeiro e porque haberá que ir até Ourense para todos os servizos".

Con motivo dunha rolda de prensa na sede provincial do PSOE, na que estivo apoiada polo portavoz socialista na Deputación Francisco Fraga, López alertou de que "esta intervención" suporá un encarecemento nos servizos que reciben os veciños dos Blancos. Así, anunciou que o IBI "vai subir ao máximo permitido en España", pasando dun gravame do 0,7 por cento a unha taxa do 1,1 por cento e que os custos de abastecemento vanse a triplicar "duns 30 euros anuais a preto de cen euros".

"Ao final quen vai pagar a mala xestión do Concello van ser os veciños, que terán que afrontar máis impostos e un aumento dos custos nos servizos municipais", abundou. Para Fraga Civeira a situación que se vivirá nos Blancos "é un exemplo de onde levan as políticas clientelares, caciquiis e paternalistas" da Deputación "na repartición de axudas aos concellos".

Castro estima que a cesión de servizos dos Blancos á Deputación farase efectiva no primeiro trimestre de 2018. Antes terá que afrontar unha serie de trámites administrativos. Así, este mércores a comisión de Cooperación da Deputación debaterá a proposta, que será presentada, votada e presumiblemente aprobada (cos votos maioritarios do PP) no pleno do mes de decembro. A continuación, o ente provincial, que dirixe o tamén popular Manuel Baltar, presentará o proxecto á Xunta de Galicia que deberá dar o visto e prace definitivo ao plan.

UN CONCELLO DE MENOS DE 1.000 HABITANTES

Os Blancos é unha localidade ourensá de menos de menos de 1.000 habitantes --850, segundo os datos do padrón de 2016--, cuxo alcalde, José Manuel Castro, formou parte no seu día do partido independente Alternativa Popular Galega (APG), pero en outubro de 2014 sumouse ao PP de Ourense, que lidera Manuel Baltar.

O pequeno tamaño deste concello non evitou, en todo caso, que gañase protagonismo no panorama político galego. E é que un empate nas eleccións municipais de 2011 entre PP e APG (con Castro á fronte entón da formación independente) desembocou nun sorteo na Audiencia provincial que entregou a Alcaldía ao PP.

Con todo, posteriormente, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) ordenou repetir eleccións na localidade. A data elixida foi o 20 de novembro de 2012, coincidindo cos comicios ás Cortes, e neste caso, a vitoria obtívoa Castro, entón aínda como membro da formación independente.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 3 comentarios

3 Sara

Fusionar concellos.Baltar-Blancos-Calvos.... Nos se poden manter concellos con menos de 1000 habitantes

2 Ourense

O concello mais baltarista

1 Non sei que pensar

Fago unha reflexión: E se os veciños de forma reiterada elixen xestores inútiles, estes so pensan, entre outras medidas, en contratar persoal laboral, independentemente do custo económico desa política, Non é lóxico que os veciños disfruten do votado e que sufran as miserias futuras ás que conducen certas políticas?