Por Galicia Confidencial | Vigo | 14/12/2017 | Actualizada ás 15:23
O 23 de setembro de 2016 foi avistada a primeira balea azul en augas da Península Ibérica en tres décadas. Foi concretamente a 31 quilómetros do cabo Machichaco, na provincia de Biscaia (País Vasco). Aquel foi todo un fito para a comunidade científica, xa que o último exemplar identificado en augas ibéricas foi rexistrado en 1985. Desde entón non se tiña constancia da súa presenza por aquí. Pero dende a aparición deste exemplar fronte a costa vasca, foron varios os avistamentos de baleas azuis que tamén se produciron en augas galegas nos últimos meses, un feito que ten abraiados aos científicos.
O primeiro achado dunha balea azul viva en augas da Península Ibérica vén de ser documentado por científicos galegos da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA) e expertos de Verballenas.com, membro da organización internacional World Cetacean Alliance (WCA), que promove o turismo de observación respectuoso e prácticas sostibles. Pablo Covelo, por parte de Galicia, e Gorka Ocio e Jon Hidalgo, por Euskadi, asinan un artigo sobre aquel extraordinario avistamento en setembro de 2016 na revista científica Galemys, da Sociedad Española para la Conservación y Estudio de los Mamíferos (SECEM): 'First record of a live blue whale (Balaenoptera musculus) in the Iberian Peninsula after three decades'.
Na primeira metade da década de 1980 foron identificadas 13 baleas azuis en cinco campañas realizadas por un equipo científico da Universidade de Barcelona, sendo a última identificada por este grupo en augas ibéricas unha rexistrada en outubro de 1984.
Investigadores do Instituto Español de Oceanografía (IEO) tamén escribiron algúns informes técnicos sobre rexistros de avistamentos de baleeiros nos cadernos de bitácora destes barcos durante as últimas campañas de caza en augas españolas, confirmando avistamentos de baleas azuis en 1983, 1984 e 1985 entre a costa galega e a montaña submarina do Banco de Galicia.
Nas últimas 30 décadas realizáronse varias prospeccións en augas atlánticas europeas para recompilar información sobre distribución e abundancia de especies de cetáceos, pero como sinalan os autores do novo artigo, en ningunha delas se avistaron baleas azuis.
A propia CEMMA realizou entre 2006 e 2011 outras prospeccións no Banco de Galicia, a costa galega e o Golfo de Biscaia, sen rexistros desta especie.
Respecto dos rexistros de varamentos de baleas azuis na costa da Península Ibérica entre os anos 1980 e 2016, só un individuo foi atopado morto, en Ribeira (A Coruña), en 2005, con tan só algúns ósos e restos de carne, e que foi identificada como un exemplar de Balaenoptera musculus mediante análise xenética.
Tendo en conta toda a información sobre a caza de baleas, estudos científicos de cetáceos e varamentos, as últimas baleas azuis que se rexistraron vivas en augas da Península Ibérica foron tres animais avistados en 1985 polos baleeiros, conclúen os autores deste estudo.
Isto eleva a fito científico a identificación do exemplar avistado o 23 de setembro de 2016 fronte a costa vasca. Os autores enviaron fotos da aleta dorsal de balea e o patrón moteado do corpo aos investigadores do Mingan Island Cetacean Study —responsable do catálogo de baleas azuis no océano Atlántico— para ser incorporados aos catálogos existentes de máis de 500 baleas azuis rexistradas ao longo do Océano Atlántico Norte. Unha vez verificado, non se atoparon rexistros previos para este individuo.
A pesar de que a poboación mundial de baleas azuis está a aumentar lentamente nas últimas décadas, a cantidade é aínda moi baixa, entre o 3% e o 11% do tamaño da poboación que se calcula que existía en 1911. Algúns científicos estiman entre 600 e 1.500 os individuos desta especie que existen actualmente no Atlántico Norte; outros calculan que tan só hai uns 1.000 individuos no Atlántico Central e Nordés.
Os autores do artigo agora publicado en Galemys consideran que "este novo rexistro é un evento anecdótico e non está relacionado cun aumento da poboación ou a dispersión da especie".
GALICIA, UN PARAÍSO PARA AS BALEAS AZUIS
Galicia tense convertido nos últimos meses nun auténtico verxel para as baleas azuis, das que aquí tampouco había constancia desde hai máis de trinta anos. Dende setembro pasado foron avistados exemplares do animal máis grande do mundo alimentándose na nosa costa: ría de Muros e Noia, Ons, Corrubedo...
Científicos do Bottlenose Dolphin Research Institute (BDRI), con base no Grove, constataron en novembro pasado que un exemplar de Balaenoptera musculus identificado por este grupo de investigación o 9 de outubro, chegou a Galicia dende as Azores, percorrendo uns 2.000 quilómetros en menos de tres meses.
O certo é que As augas galegas se están convertendo nun auténtico paraíso para os grandes cetáceos, como o demostra a presenza das baleas azuis —o animal máis grande do mundo, en perigo de extinción—. Os científicos do BDRI protagonizaron catro avistamentos en Galicia en apenas un mes e medio. Algo inaudito.
Á presenza destes especimes súmase o avistamento doutras especies de baleas nunca antes vistas en augas galegas. Os membros do BDRI chegaron a identificar 60 exemplares de até cinco especies distintas, "unha situación case única no mundo", din.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.