Un proxecto de comida caseira online e unha axencia de deseño, premio “Camiño do Emprendemento 2017”

A Cámara de Comercio de Santiago e ABANCA entregaron as bolsas para a estancia dun ano no viveiro de Costa Vella.

Por GC Emprende | Compostela | 16/12/2017 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A Cámara de Comercio, Industria, Servizos e Navegación de Santiago de Compostela entregou xa o IV Premio “Camiño do Emprendemento 2017”, co patrocinio de ABANCA, a dúas iniciativas empresariais destacadas da demarcación cameral: El Comedor. Comida rápida, sana y barata e 4 BajoCero.

Entrega dos IV Premio “Camiño do Emprendemento 2017 na Cámara de Comercio de Santiago
Entrega dos IV Premio “Camiño do Emprendemento 2017 na Cámara de Comercio de Santiago

El Comedor. Comida rápida, sana y barata é un proxecto ideado polo empresario Carlos Alberto Balboa Castelo. Actualmente, dirixe o restaurante La Fábrica no Milladoiro (Ames), en funcionamento desde hai tan só uns meses e no que ofrece aos clientes comida caseira e elaborada a través do sistema de autoservizo para consumir no establecemento. E partindo deste xerme inicial, o emprendedor decidiu apostar pola ampliación do negocio con novas fases complementarias: a creación dun mostrador de comida para levar –envasada ao baleiro con sistemas innovadores de embalaxe–,tan só como punto de venda; unha máquina de “autovending” no exterior onde os clientes poidan mercar as 24 horas do día; e o reparto a domicilio con furgoneta da comida evasada ou o envío de pedidos online a través dun servizo de paquetería refrixerada para terceiros comercializadores. Neste último punto é onde o emprendedor ve a necesidade de contar cunha oficina física no viveiro de empresas para poder xestionar os pedidos online que ten previsto recibir desde calqueira lugar de España. 

Carlos Alberto Balboa sinala que El Comedor responde a un novo concepto de negocio, o “Ghost Restaurants”, no que se coordinan labores de produción e comercialización de produtos de hostalería. Ofrecerá unha gama de produtos frescos, orgánicos e mesmo ecolóxicos para que os clientes teñan a completa confianza de que o que comen é sano e saudable. “A actividade iniciarase en abril de 2018 coa creación de tres posto de traballo no proceso” –destaca o emprendedor–.

AXENCIA

Os mozos Pedro Maceira, Antonio Millán e Alfonso Maceira crearon recentemente a empresa 4 BajoCero, unha nova axencia de publicidade multidisciplinar que ten como obxecto cubrir todas as necesidades de comunicación das pequenas e medianas empresas, aportando ás compañías un servizo de imaxe, visibilidade, reputación e posicionamento. Tendo como zona influencia a área metropolitana de Santiago, os tres profesinais realizan tarefas de deseño gráfico e web, fotografía audiovisual, comunicación e marketing. “A nosa fortaleza é que nos axeitamos ás necesidades de cada empresa de acordo cos servizos que nos soliciten e sempre en consonancia co mercado” –indican–.

PREMIO

Esta distinción é un recoñecemento que pretende promocionar estas ideas empresariais e prestar apoio para a súa posta en marcha, desenvolvemento e consolidación, coa finalidade de axudar á reactivación da economía e o emprego dos trinta e dous concellos da demarcación cameral. O premio cubrirá o 50 por cento dos gastos da estancia no viveiro de empresas de Costa Vella durante un ano aos proxectos distinguidos. Os gañadores poderán solicitar as liñas de financiamento presentadas por ABANCA con condicións financeiras preferentes (a concesión do financiamento estará suxeita, en todo caso, á previa análise do risco por ABANCA).

Durante ese tempo, os emprendedores, ademais do servizo de aloxamento, infraestrutura e loxística, recibirán servizos de acompañamento, consultoría, titorización e mentorización dos seus proxecto empresariais coa finalidade de favorecer a súa arrincada, creación e consolidación e mellorar así as súas expectativas de implantación e supervivencia empresarial. O emprendedor instalarase nunha das incubadoras empresariais máis avanzadas de España pola calidade superior dos servizos prestados, segundo indicou este ano o informe Funcas das Cajas de Ahorros, e pasará a formar parte da maior rede empresarial de Europa –Rede Incyde–.

O xurado –composto por Álvaro Rodríguez Cabo e Fernando Eyo Gestoso, de ABANCA, e por Fernando Barros e Rosa Cardeso, da Cámara– tivo en conta na súa decisión o nivel de desenvolvemento do proxecto, o seu carácter innovador, o volume de investimento, o grao de proxección nacional e internacional, a posible xeración de postos de traballo e a experiencia previa dos participantes. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta