Por Galicia Confidencial | Compostela | 18/12/2017 | Actualizada ás 12:37
Galicia volve á Antártida. Será o catedrático de Xeografía Física da USC Augusto Pérez Alberti, membro do grupo AMBIOSOL integrado na Asociación Estratéxica CRETUS, o que viaxará proximamente á Antártida xunto con investigadores de España, Portugal, Francia e Reino Unido nunha nova campaña do proxecto CRONOANTAR. De finais de xaneiro a marzo levarán a cabo traballos de campo para estudar a evolución glaciar desde o Último Máximo Glaciar nas illas King George, Livingston e Decepción (Antártida).
O coñecemento do retroceso das masas glaciares nas zonas polares ten numerosas implicacións a escala local, rexional e mesmo planetaria (o xeo do continente antártico constitúe máis do 90% das reservas de auga doce da Terra), sendo unha das máis evidentes e de maior repercusión a suba do nivel medio do mar.
Precisamente, a Península Antártica é unha das áreas do planeta onde a temperatura experimentou un aumento máis significativo durante as últimas décadas -2,5ºC nos últimos 60 anos-, o que leva a unha redución da superficie ocupada polos glaciares e consecuentemente unha suba do nivel medio do mar que o Panel Intergubernamental sobre o Cambio Climático calcula en 1 metro para o ano 2100.
CAMBIO CLIMÁTICO
Concretamente, o proxecto centrarase nos espazos libres de xeo existentes nas penínsulas Byers e Hurd (illa Livingston) e Fildes e Potter (King George). En Livingston, a área glaciada retrocedeu de 734 km2 en 1956 a 697 km2 en 2004, mentres que en King George ese retroceso foi entre 1983 e 2006 dun 8.4%. Está previsto ampliar tamén o estudo á Illa Decepción, un cráter volcánico cun gran número de especies de plantas que non se atopan noutro lugar da Antártida, para poder coñecer a dinámica das súas costas.
Estas illas poden constituír un laboratorio natural útil para comprender os mecanismos de retroceso das masas glaciares nas últimas etapas da deglaciación así como a súa evolución ambiental durante a fase paraglaciar. “Isto é clave –apunta Pérez Alberti– para entender se as altas taxas de retroceso glaciar das últimas décadas xa se rexistraron ao longo dos últimos milenios ou se, pola contra, esta tendencia recente responde aos efectos do Cambio Global no continente antártico”.
ESTUDO DO DESXEO
Delimitar cronoloxicamente a retirada dos xeos é fundamental para entender a resposta ambiental e ecolóxica nos ecosistemas terrestres, nomeadamente a colonización de especies vexetais, a progresiva chegada de fauna distinta á que existía, a evolución xeomorfolóxica e a formación ou degradación do permafrost, así como a emersión de novas terras anteriormente inundadas polo mar.
CRONOANTAR é un proxecto coordinado pola Universidade de Oviedo e no que tamén participan as universidades españolas de Santiago, Barcelona e Complutense. Ten como obxectivo reconstruír temporal e espacialmente o proceso de deglaciación nas dúas illas de maior extensión do arquipélago Shetland do Sur (Antártida Marítima) desde o Último Máximo Glaciar global ata hoxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.