Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/12/2017 | Actualizada ás 14:38
Os socios do Centro Galego de Buenos Aires aprobaron este martes, en asemblea extraordinaria, aceptar a venda do edificio do centro e a cesión da xestión dos seus servizos sanitarios á empresa española Ribera de Salud, que fixera unha oferta de 42 millóns de euros para facerse co inmoble e comprometeuse a investir na súa modernización.
A asemblea extraordinaria convocada este martes puña aos socios na tesitura de elixir entre aceptar a oferta de Ribera de Salud ou expor a creba da entidade, xa que "as nefastas e sucesivas administracións" e "a falta de lexitimidade de quen ocuparon cargos dentro desta institución".
Esta situación, denunciaban os seus actuais xestores, deixara ao Centro Galego "ao bordo do seu peche, da súa desintegración, do seu fin".
A entidade, fundada hai 110 anos e que constitúe unha icona para a diáspora galega en Arxentina, leva décadas en situación económica complicada e o seu hospital está intervido polo Goberno arxentino desde hai cinco anos a través do Instituto Nacional de Asociativismo e Economía Social (Inaes), dada a súa situación "crítica" marcada polas débedas.
Ademais dos servizos sanitarios, o centro ten relevancia cultural e patrimonial, dado que garda unha biblioteca con máis de 20.000 volumes e unha pinacoteca con cadros de Maside, Laxeiro, Seoane ou debuxos de Castelao, que faleceu nas súas instalacións en 1950.
Será agora unha comisión a que se encargará de negociar as condicións desta venda coa empresa que realizou a oferta e que se comprometeu a manter o cadro. Os socios reclaman, ademais, que o patrimonio permaneza no centro.
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, trasladou aos directivos do Centro Galego de Buenos Aires o interese de Galicia por "preservar as obras" culturais que alberga esta institución cando se produza a súa venda ao grupo Ribera de Salud, aprobada polos socios este luns.
"Trasladámoslle aos directivos o interese por preservar as obras e aí estamos a traballar, aí estamos a valorar como se poden preservar esas obras", dixo o presidente galego, que admitiu que "non é fácil", dado que a "restritiva" lei arxentina dificulta "poder comprar as obras e sacalas" do país.
ASISTENCIA SANITARIA
En relación ao funcionamento do Centro Galego como hospital, Núñez Feijóo dixo que actualmente presta asistencia sanitaria a non máis de mil galegos. A maiores, a Xunta "facilita unha mutua financiada polo Goberno de España" para que todos os galegos en Arxentina conten con prestacións médicas.
"Galicia está a cumprir coa asistencia sanitaria de todos os galegos en Arxentina", dixo o presidente, para quen, "desde o punto de vista sanitario", a venda deste centro "non ten ningunha relevancia" para a colectividade galega, que está atendida por outras vías.
Do mesmo xeito, Núñez Feijóo lembrou que a Xunta abonou "as débedas que o centro tiña até 2011", un total de 11 millóns de euros, para que "tivese viabilidade económica".
"A partir de aí, o que deciden os socios é xestionar ese hospital e, como consecuencia do déficit de xestión e de ingresos, é o Goberno arxentino o que intervén esa institución", lembrou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.