Por E.P. | PONTEVEDRA | 13/01/2018 | Actualizada ás 12:09
O narcotraficante Laureano Oubiña e a presidenta da asociación Érguete, Carmen Avendaño, veranse as caras o martes 16 de febreiro nos xulgados de Vilagarcía de Arousa. A xuíza que instrúe a demanda interposta polo narco contra a responsable do colectivo antidroga, á que lle pide 150.000 euros, por un presunto delito contra a honra citounos para que comparezan en vista previa.
Os feitos polos que o narco cambadés denunciou a Carmen Avendaño remóntanse a marzo de 2017. Aos poucos días de obter a liberdade condicional Oubiña concedeu unha entrevista radiofónica nunha emisora de ámbito estatal. No transcurso da mesma a responsable do programa introduciu unha gravación na que a presidenta de Érguete aseguraba ter coñecemento de que Oubiña "tamén traficou con outro tipo de drogas" e non só con cannabis.
O demandante considera que esa afirmación atenta "contra a protección do dereito á honra, á intimidade e á propia imaxe" xa que das tres sentenzas nas que resultou condenado dúas están relacionadas co tráfico de haxix e unha co branqueo de capitais derivado deste. Por tal motivo, interpuxo unha demanda contra Carmen Avendaño, a quen reclama unha indemnización de 150.000 euros.
No seu escrito de acusación, Laureano Oubiña subliña que nunca foi condenado por traficar con outro tipo de drogas que non foran haxix e que "en consecuencia, a afirmación vertida pola demandada ao aseverar que si o fixo é infame, perversa e maligna". A demanda tamén incide en que as condenas que pesan sobre o narco cambadés "son moi diferentes" ás sentenzas de condena por tráfico de estupefacientes das que si causan grave dano á saúde".
DAR A CARA
Aínda que non está obrigada a asistir á vista previa, Carmen Avendaño xa adiantou que si que acudirá o día 16 ao xulgado de Vilagarcía "para ver que pasa e para ver se el tamén dá a cara".
A presidenta de Érguete manifestou en varias ocasións estar convencida de que "o motivo da denuncia interposta contra ela non é por unha cuestión de honra senón por un axuste de contas" contra unha das persoas que máis activamente contribuíu a desatar a 'Operación Nécora', en xuño de 1990.
Naquela época Carmen Avendaño era a responsable do colectivo de Nais contra a Droga e encabezou unha histórica protesta ás portas do pazo de Baión, cuxo propietario era entón Laureano Oubiña.
Despois das condenas do narco o emblemático pazo foi intervido e posteriormente poxado e vendido á cooperativa vitivinícola Condes de Albarei. Despois da venda organizouse un acto simbólico de acceso á propiedade e foi precisamente Carmen Avendaño a persona elixida para abrir o portalón do pazo, a modo de vitoriosa alegación.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.