Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 18/01/2018 | Actualizada ás 22:00
A Xunta de Galicia recorrerá de novo á propaganda como a súa principal estratexia contra os incendios forestais. O Executivo galego ten previsto investir 650.000 euros no desenvolvemento da campaña publicitaria de prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais durante este ano 2018. Unha cantidade que supón un incremento de case o 45% respecto a de 2017, en concreto, 200.000 euros máis.
Con tal fin, a Consellería do Medio Rural publicou a convocatoria do concurso para un contrato de servizos de publicidade e campaña en medios por un valor estimado de 537.190,08 euros, excluído o IVE (21%), imposto que eleva a contía total a 650.000 euros.
O obxecto do contrato é definir a estratexia de medios e soportes para desenvolver unha campaña publicitaria para previr, sensibilizar e concienciar aos galegos e galegas das consecuencias que se derivan dos incendios forestais. unha campaña, dirixida á cidadanía, de sensibilización e concienciación das accións que provocan os incendios forestais e as súas consecuencias, así como a persecución das actividades delituosas ou neglixentes que causan estes lumes.
A VELLA PRENSA, EN DECLIVE, A MÁIS BENEFICIADA
Como vén sendo habitual, a Xunta beneficiará especialmente a prensa tradicional en papel, en claro declive pero á que o Goberno galego segue compensando con subvencións e publicidade.
Ademais de en xornais en papel (prensa xeral e especializada), a campaña distribuirase en cadeas de televisión e radio públicas e privadas e en edicións dixitais de medios de comunciación de Galicia. O contrato comezará o 16 de abril e as accións rematarán o 15 de novembro.
De novo a prensa tradicional levará a maior parte do investimento, entre un 40 e un 55 por cento do total, os medios dixitais entre o 15 e o 30 por cento, radio e televisión levarán entre o 10 e o 25 por cento, e a prensa especializada, entre o cero e o 2 por cento.
200.000 EUROS MÁIS QUE O ANO PASADO
Nos gastos da Xunta en propaganda e subvencións aos medios non hai freo, como si sucede noutros apartados, onde se aplican recortes e axustes, como na sandiade, a educación ou a propia loita contra os incendios. Ano tras ano o Goberno galego segue enchendo as arcas dos grupos de comunicación con millóns de euros e cantidades cada vez maiores. Un bo exemplo disto é esta campaña de Medio Rural de prevención, concienciación e sensibilización social contra os incendios forestais, que custará nada menos que 200.000 euros máis que a mesma campaña realizada en 2017.
Na pasada campaña, Medio Rural concedeu a C Grupo de Empresas de Comunicación, Marketing e Investigación, S.A. un contrato por un Importe de 450.000 euros (con IVE).
É isto o que necesita Galicia para atallar o problema dos lumes? Ecoloxoxistas, científicos, o sector do rural, a oposición, sindicatos, axentes forestais, brigadistas... Practicamente todos os expertos, implicados ou afectados polos incendios forestais teñen avisado que de nada vale a propaganda se non se aplican políticas reais de prevención de lumes e xestión sustentable e recuperación do rural e do monte galego, cun ordenamento do territorio adecuado, ou se non nos preparamos para o cambio climático de xeito realista e inmediato. Tamén teñen criticado a "improvisación" da Xunta nesta materia, os recortes en recursos humanos e técnicos, ou a galopante privatización de servizos.
Polo tanto, encher as arcas de empresas mediáticas con 650.000 euros en publicidade se antes non se poñen en práctica outras medidas máis pragmáticas e efectivas na loita contra o lume, gastar cada vez máis en propaganda e cada vez menos en servizos públicos de prevención e extinción, semella que é malgastar os cartos públicos en simple mensaxes propagandísticas para lavar a cara do Goberno e seguir beneficiando aos medios de sempre: La Voz de Galicia, Faro de Vigo, El Correo Gallego, etc, etc.
Con todo, hai que dicir que para o Partido Popular non é tirar os cartos. Porque precisamente atopou nos últimos anos na propanda o mellor camiño para restar impacto na opinión pública ás crises dos incendios e a mala xestión administrativa.
A GUERRA DA PROPAGANDA
Un estudo recente comparou a xestión das crises xeradas polos lumes por dous gobernos contrapostos, o do bipartito (PSdeG-BNG), en 2006, e o do PP en 2016. O seu autor, Gonzalo Louzao Dono, concluíu que "o custo político foi moi superior no caso da crise dos incendios de 2006 que no de 2016".
Da análise realizada, o autor deduciu que se ben ambos os dous gobernos "actuaron de forma defectuosa" na xestión daquelas crises, con "acertos puntuais", pero "sobre todo con moitos erros", asegura que o uso da propaganda permitiu que "a Administración de Feijoó fose a que mellor levou a crise políticamente, saíndo indemne dos ataques da oposición e conseguindo evitar que a crise minase a súas posibilidades electorais", mentres que no caso do bipartito, aquel Goberno "sufriu duras críticas".
Esa é a liña seguida polo Goberno de Feijóo nos últimos anos: centos de miles de euros para propaganda para mitigar as crises dos incendios e comprar vontades e favores dos editores de prensa. De feito, trala última vaga de lumes, que arrasou case 50.000 hectáreas e se cobrou catro vidas o pasado mes de outubro, a Xunta volveu encher con diñeiro público as arcas de diarios impresos de Galicia e Madrid por inserir como publicidade, a toda páxina, a declaración institucional do presidente tralos incendios que asolaron o país e na que Feijóo apuntaba a presunta trama terrorista que ninguén foi quen de destapar até hoxe.
A campaña recibiu durísimas críticas e suscitou unha onda de indignación por ser parte dunha operación propagandística para beneficio político do Goberno Feijóo e beneficio económico de determinados xornais amigos, a conta dunha traxedia da magnitude que viviu Galicia aqueles días.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.