Por Galicia Confidencial | Compostela | 16/01/2018 | Actualizada ás 12:00
A desmotivación, o cansanzo e a situación de parte da sociedade galega perante unha “política galega em permanente confronto, sectária, carente de uma cultura da cooperação e sem projeto para o futuro da Galiza”, está detrás do nacemento da Assembleia Nacional Galega (ANG), unha entidade, en obxectivos, moi semellante aos impulsados polas Irmandades da Fala hai máis de cen anos.
De feito, a ANG quere ser un gran “movimento cívico galeguista” de carácter democrático, asembleario e pacifista. Por iso, fai un chamamento a todos os galegos e galegas “defensores da Galiza, da sua língua -nacional e internacional-, cultura e economia” para a “construción nacional galega”.
“É um movimento cívico totalmente independente de qualquer partido, frente política ou sindicato dos existentes. Como tal movimento cívico, não seria nem partido nem frente política. Não concorreria a processos eleitorais nem aspiraria a governar qualquer tipo de instituição”, apuntan os impulsores deste movemento nun comunicado.
TRADICIÓN DAS IRMANDADES
Así, apunta que, aínda que os seus integrantes poidan ser membros de formacións políticas, os seus coordinadores locais ou nacionais nunca poderían selo. A ANG está inspirada no movimento das Irmandades da Fala e entre os seus obxectivos estarían os de “aglutinar os e as galeguistas até agora esparsos e estabelecer um novo tipo de relações interpessoais”.
Tamén en normalizar o galego e “reintegrá-la no contexto internacional da Galaicofonia ou Lusofonia”, ademais de popularizar e desenvolver a cultura galega, defender o medio ambiente, divulgar a historia galega, elaborar estudos acerca da sociedade galega contemporánea ou apoiar unha economía galega sustentável e que potencie aos emprendedores.
"REGALEGUIZACIÓN" DE GALICIA
A ANG tamén quere “regaleguizar integralmente a sociedade da Galiza e incrementar a consciência e o orgulho nacional do povo galego”, realizar atividades de defensa da língua e cultura na Galicia estremeira e establecer unha “relação fluida e permanente de colaboração com os povos e os países da Lusofonia e com os das nações sem Estado da Península”. Esta nova entidade será presentada o vindeiro 21 de xaneiro en Compostela e realizará un gran evento o vindeiro 27 no Centro Social de Vite.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.