Avendaño mantén as acusacións contra Oubiña: "Traficaba con outras substancias"

Haberá xuízo o 27 de febreiro logo de non chegar a acordo na vista previa. O narco solicita un euro de indemnización e asegura que se lle conceden unha cantidade maior doaraa a unha asociación de axuda a toxicómanos.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 16/01/2018 | Actualizada ás 16:02

Comparte esta noticia

A vista previa pola demanda interposta por Laureano Oubiña contra a presidenta da fundación Érguete, Carmen Avendaño, por un presunto delito contra a honra finalizou sen acordo logo de manter a responsable do colectivo antidroga as súas acusacións contra o narcotraficante cambadés. Deste xeito, celebrarase xuízo o 27 de febreiro.

Laureano Oubiña sae de prisón
Laureano Oubiña sae de prisón | Fonte: Europa Press

A presidenta de Érguete, que acudiu este martes aos xulgados de Vilagarcía, negouse a rectificar as súas declaracións nas que aseguraba ter constancia de que o narco traficara con outro tipo de substancias ademais do haxix e do cannabis. Pola súa banda, Laureano Oubiña, quen non acudiu persoalmente á vista e delegou a súa representación no seu avogado, opúxose á retirada da demanda ao non desdicirse a acusada.

Ante a imposibilidade de chegar a un acordo a xuíza que instrúe o caso fixou a data de celebración do xuízo para o 27 de febreiro (12,30 horas). Aí si deberán acudirse tanto demandante como demandada.

No transcurso da vista o avogado de Laureano Oubiña, Gerardo Gayoso, solicitou á xuíza que no xuízo constase como proba documental a gravación do programa de radio no que Carmen Avendaño fixo as declaracións. Tamén reclamou que no mesmo comparecese como testemuña a xornalista que realizou a entrevista, solicitude esta que foi rexeitada pola xuíza.

A defensa da acusada tan só pediu a comparecencia para o seu interrogatorio de Laureano Oubiña. Por parte da fiscalía demándanse as declaracións no xuízo das dúas partes. A titular do xulgado número 2 de Vilagarcía aceptou ambas as peticións.

DISPOSTO A RETIRAR A DEMANDA

Após a celebración da vista previa, aínda ás portas dos xulgados, o avogado de Laureano Oubiña sinalou que a vontade do seu cliente era a de retirar a denuncia no caso de que Carmen Avendaño recoñecese que foran unhas declaracións desafortunadas. "Como non foi así, ratificámonos na nosa demanda porque entendemos que atentou contra o seu dereito á honra", sostén.

Gerardo Gayoso di que o seu cliente "admite, porque así é público e notorio", estar condenado e cumprir condena por tráfico de haxix, "que non causa grave dano á saúde". Con todo, considera que non se pode permitir que "un personaxe público como Carmen Avendaño utilice os medios de comunicación para vulnerar o dereito da honra" do narco cambadés.

UN EURO DE INDEMNIZACIÓN

O avogado de Laureano Oubiña asegurou que, ademais dunha rectificación pública, na súa demanda solicítanlle a Carmen Avendaño unha indemnización de tan só un euro. "Nós non queremos facer negocio con este caso, pero por lei é obrigatorio cuantificala", explica.

Gerardo Gayoso engadiu que no caso de que a xuíza fallase a favor da acusación e ditaminase unha indemnización de maior contía "esta sería doada á asociación San Francisco de Asís de axuda aos toxicómanos".

AVENDAÑO NON SE RETRACTA

Pola súa banda, a presidenta de Érguete, Carmen Avendaño, xa anunciou á súa chegada aos xulgados vilagarciáns que non tiña intención de retractarse nin de chegar a ningún tipo de acordo. "Non teño o sentimento de ofender a este señor. Dixen o que dixen, mantéñoo e sostéñoo. Se fixen algunha manifestación non foi ofensiva, senón baseada en feitos reais", afirmou.

Carmen Avendaño recoñeceu que nas súas declaracións falou de que Laureano Oubiña traficara con outras sustancias, pero segundo explicou este martes referíase "ao tabaco". "En ningún momento mencionei a cocaína, a heroína, nin ningún outro tipo de drogas", agrega.

Ás portas do xulgado Avendaño ratifica a súa sensación de que a denuncia ten como causa unha animadversión persoal. "Eu sempre son a que lle poño voz a estes temas, pero o señor Oubiña tamén debe saber que a sociedade galega está moi sensibilizada grazas aos movementos sociais e que son repudiados polas súas actividades", subliña.

Despois da celebración da vista previa a presidenta de Érguete volveu a insistir en que as súas declaracións no xuízo do 27 de febreiro serán "exactamente as mesmas" que fixo este martes. "Non me vou desdicir de nada do que dixese e que a xuíza estime o que considere oportuno", deixa claro.

Finalmente, Avendaño asegura que a intervención durante a vista do avogado de Laureano Oubiña: "Non é que me fixera precisamente cambiar o meu posicionamento".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta