Por Galicia Confidencial | Vigo | 18/01/2018 | Actualizada ás 10:56
Científicos do Instituto Español de Oceanografía (IEO), nos seus centros de Tenerife e Vigo, levaron a cabo unha serie de ensaios con paralarvas de polbo común (Octopus vulgaris) que melloraron a viabilidade desta especie en condicións de cultivo.
Estes ensaios enmárcanse dentro do proxecto 'Octowelf' coordinado polo IEO e o Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC), onde tamén colaboran as universidades de Granada, Vigo e La Laguna.
O proxecto enfocouse na mellora das condicións de cultivo, alimentación e nutrición das paralarvas. Aínda que polo momento non se pode falar de pechar o ciclo en catividade a nivel comercial, estes ensaios conseguiron porcentaxes de supervivencia superiores aos obtidos en estudos previos mediante novas técnicas de cultivo e alimentación.
Á súa vez, conseguiuse un crecemento notable destas larvas, o cal permitiu que estas inicien a fase de asentamento, proceso que ten lugar cando a paralarva deixa a vida plantónica (nadando libremente) e entra na fase bentónica (no fondo mariño) lugar onde se desenvolve a fase xuvenil e adulta.
Os cefalópodos en xeral —e o polbo común en particular— son unha fonte de proteína cada vez máis demandada e as pesquerías mundiais destas especies incrementaron as súas capturas durante os últimos anos dunha forma significativa.
O polbo común posúe unhas elevadas taxas de crecemento e un ciclo de vida curto, o que lle converte nun candidato ideal para a acuicultura comercial. Isto fixo que investigadores de todo o mundo estan a estudar a maneira de domesticar esta e outras especies de cefalópodo e crialas en catividade.
Con todo, os seus requirimentos alimentarios durante as primeiras fases de desenvolvemento son difíciles de obter e os científicos aínda non conseguiron formular unha dieta adecuada. I
Na actualidade comercialízanse especies de cefalópodos engordados en gaiolas tras ser capturados no mar, como o polbo común en Galicia, o polbo vermello (Octopus maya) en México e outras especies en países asiáticos. Con todo, aínda queda moito por investigar para lograr o cultivo integral destas especies.
CADA VEZ MENOS POLBO AUTÓCTONO NO MERCADO
Non todo o polbo que se consume en Galicia ou como produto galego fóra do país é autóctono; de feito, calcúlase que só entre o 25-30% é autóctono e o resto provén de augas marroquís para satisfacer unha demanda que supera a oferta que pode cubrir o mercado galego.
"O consumo é tan grande, que só o 25-30% do polbo é galego porque non dá para máis", debido ás medidas legais que evitan a sobreexplotación, con limitacións de cota "por persoa e barco durante a tempada", asegurou Francisco Gómez, xerente do grupo Pulperías á Feira, con sedes en Ourense, Xixón e Oviedo.
Algúns distribuidores galegos mesmo recoñecen que o pulpo autóctono que teñen "non chega nin ao 3%".
O certo é que as capturas de polbo en Galicia non cobren mínimamente a enorme demanda interior nin exterior, o que levou a multiplicar as importancións de cefalópodo desde Marrocos, Portugal, Mauritania, Senegal, Perú, México, Chile... así até 24 países que subministran polbo a Galicia, que segue abastecendo polbo á galega, pero cade vez menos polbo galego.
Podería entón o cultivo en catividade de polbo común reverter esta situación? O certo é que aínda queda moito por percorrer, pero a posibilidade de comercializar polbo criado en catividade podería aumentar de novo as cotas de polbo galego auténtico, agora case desaparecido do mercado e substituído principalmente polo capturado en augas do Sáhara Occidental.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.