Así serán as oposicións previstas pola Xunta para o ensino

Proporá aos sindicatos unha OPE de case 2.000 prazas con 1.050 profesores e 574 mestres. As consellerías asinaron 44 convenios coas universidades galegas por máis de 4,2 millóns de euros no segundo semestre de 2017

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 25/01/2018 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

A Xunta proporá aos sindicatos de educación unha oferta pública de emprego (OPE) para 2018 co "dobre" de prazas que a que se convocou o ano pasado, o que significa preto de 2.000 postos dos que 1.050 correspóndense con profesores de secundaria e 574 con mestres de primaria.

Consello do 25 de xaneiro de 2018
Consello do 25 de xaneiro de 2018 | Fonte: Europa Press

Na rolda de prensa posterior á reunión semanal do seu goberno, Feijóo deu a coñecer o informe que trasladou o departamento que dirixe Román Rodríguez e que inclúe a proposta que se fará aos sindicatos de educación na mesa sectorial. Aínda que non se concretou cando se negociará esta proposta, o máximo mandatario autonómico lembrou este xoves que ten que arrincar o proceso antes de que finalice este curso e finalizar con anterioridade ao comezo do seguinte.

"Hai que intensificar as horas de estudo", animou, así mesmo, o presidente autonómico aos opositores, en relación a que "a conta atrás está en marcha".

DETALLE DA OPE

Na súa intervención, Feijóo detallou o contido da proposta para este ano, que "duplicará" case a que houbo en 2017, o que contribuirá, dixo, a seguir "consolidándoa" como a taxa de interinidade máis baixa do Estado e bastante por baixo da media nacional.

Concretamente, indicou que en Galicia se sitúa no 13 por cento, mentres que no Estado é do 25 por cento (segundo sindicatos) ou do 20 por cento (segundo o Ministerio de Educación). Coa nova OPE, preténdese reducir a taxa á contorna do 5-7 por cento.

Así, a convocatoria, que se fará nos "próximos meses", incluirá un total de 1.919 prazas en 30 especialidades diferentes. Serán 1.050 de profesores de ensino secundario, o dobre que en 2017; 160 para profesores técnicos de FP, o que tamén duplica a anterior cifra, 30 de escolas oficiais de idiomas, que en 2017 non se convocaron; 574 mestres, e 105 catedráticos de música e artes escénicas para os conservatorios superiores.

CONVENIOS UNIVERSIDADES

Doutra banda, o presidente da Xunta tamén deu información sobre os convenios subscritos coas universidades do sistema universitario de Galicia (SUG) no segundo semestre de 2017 e que significou unha achega económica da Administración autonómica dun total de 4.210.086,09 euros. Concretamente, asináronse 44 convenios nese período.

Estes datos, tamén achegados nun informe polo departamento de Educación ao Consello, revelan que se "triplicou" o importe dos convenios respecto dos preto de 1,3 millóns de euros destinados a este fin no últimos seis meses do ano 2016, ademais de "duplicarse" o número de acordos asinados.

Estas achegas ao sistema universitario realízanse de forma adicional á cantidade asignada a cada institución académica a través do plan de financiamento. O importe medio que representou ccada convenio experimentou un incremento, desde os 67.730,80 euros no segundo semestre de 2016 até os 95.683,77 euros nese período de 2017. Isto significa unha subida porcentual do 41,27%.

Respecto das entidades da Xunta asinantes, as que máis convenios asinaron foron Medio Ambiente (14), Mar (7) e Economía (6). Presidencia da Xunta subscribiu cinco; Sanidade, catro; Política Social, tres; Cultura, dúas; e Vicepresidencia, Facenda e Medio Rural, unha cada unha.

A maior parte das accións que se conveniaron son as relativas ao financiamento de investigacións que se consideren urxentes ou de especial interese. Tamén houbo convenios para inserción laboral de titulados ou de mantemento ou adaptación de infraestruturas, entre outras.

Se se toma como referencia a repartición por universidades, a de Santiago obtivo nese período o 72,84 por cento das achegas; a da Coruña, o 16,32%; e a de Vigo, o 7,98%.

Estes datos atópanse no informe emitido segundo o disposto na cláusula 5ª do acordo polo que se aproban as instrucións para a coordinación das achegas económicas e investimentos da Xunta nas universidades galegas, así como en calquera tipo de fundacións, sociedades ou entidades dependentes das universidades, calquera que sexa a súa figura xurídica.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Nonnoscola

Pero que se cre este tio? Dando consellos á xente que está a estudar, sen negociar nin sequera avisar elegantemente aos sindicatos da decisión deste numero de prazas, todo para tapar o recorte sistemático do ensino público que levan facendo estes anos. Nin con cinco veces estas prazas se enchería o oco que deixaron as prazas que levan eliminado. Na maioría dos centros, persoa que se xubila, praza amortizada ou, como moito, mantéñena dous cursos con substitutos/as, pero fóra de catálogo, é dicir, praza perdida.

1 Non vos enterades de nada

Negociar. Un verbo practicamente imposíbel de conxugar para quen entende a administración pública como unha finca particular. Coa soberbia e a altivez á que nos teñen acostumados, os responsábeis da Xunta presentaron hoxe, após o Consello da Xunta, as cifras globais por corpos docentes das prazas que están dispostos a convocar nas oposicións deste ano. As especialidades nas que se dividirán estas prazas son as mesmas xa anunciadas no mes de outubro: