Muros mobilízase para reclamar a recuperación do servizo de pediatría

Máis dun cento de persoas esixiron solucións ante a falta de profesionais para atender a máis de 900 nenos de Muros e Carnota.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/04/2025 | Actualizada ás 22:00

Comparte esta noticia

Máis dun centenar de persoas concentráronse este sábado no municipio coruñés de Muros para esixir que "se restableza con urxencia a normalidade" no servizo de pediatría do centro de saúde.

Os asistentes, convocados pola Anpa do centros educativos de Muros, lembraron que o pediatra que traballa só en Muros "leva máis dun ano de baixa" e a outra pediatra que hai "debe dar servizo tamén ás familias de Carnota".

En concreto, detallaron, máis de 900 nenos de Muros e Carnota son atendidos por "unha única pediatra", que cando falta por vacacións ou outro motivo é substituida por outro profesional, pero "só en horario de 08.00 a 12.00 horas e nin sequera todos os días".

A presidenta da Anpa do CEIP Ricardo Tobío de Esteiro, Vanesa Oliveira, lamentou que "non teñen acceso" á aplicación do Sergas e cando non está a pediatra "derívanos a Outes, Noia ou ao médico de familia".

Á concentración tamén asistiu a alcaldesa de Muros, María Lago, que afirmou que o que pasa "é un síntoma máis do abandono da sanidade pública por parte da Xunta, sobre todo nos concellos máis afastados dos hospitais".

"Estas carencias no servizo provocan, desde hai tempo, malestar e queixas dos veciños de Muros, preocupados pola saúde dos seus fillos e pola repercusión desta situación na súa vida diaria", engadiu Lago.

Concello de Muros. CONCELLO DE MUROS
Concello de Muros. CONCELLO DE MUROS | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta