Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 26/04/2025 | Actualizada ás 18:31
O conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño, anunciou este sábado que a Xunta ampliará ata os 11 anos a vacinación intranasal contra a gripe, que a pasada campaña empezou a administrar a nenos de entre 6 e 59 meses. Ademais, desenvolverase un proxecto piloto para levar esta nova forma de vacinación aos centros educativos.
Así o anunciou na inauguración da XVIII reunión da Asociación Galega de Pediatría de atención primaria (AGAPap), onde destacou a importancia de novas medidas adoptadas pola Xunta, como a incorporación da vacina intranasal contra a gripe nos centros educativos, así como a "posición de liderado" de Galicia en pediatría.
Neste contexto, o Goberno galego lembrou nunha nota de prensa que a comunidade conta actualmente co programa de vacinación "máis completo do mundo" e, a adhesión da súa poboación ás campañas de inmunización, tamén abarca as idades máis temperás.
O responsable de Sanidade defendeu tamén que a atención pediátrica na comunidade galega é prestada case no 90 % dos casos por especialistas, "unha cifra moi por encima da media estatal".
Con todo, indicou que a Xunta está a impulsar "todas aquelas medidas que ten ao seu alcance" para dar resposta ás necesidades asistenciais das familias, e lembrou a adxudicación de 48 novas prazas de pediatría en centros de difícil cobertura.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.