Campaña contra os disfraces machistas de enfermeira 'sexy'

Sindicatos de enfermaría cargan contra a venda destes traxes para o Entroido que supoñen "un grave insulto e vexación cara a todas as enfermeiras".

Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 31/01/2018 | Actualizada ás 08:35

Comparte esta noticia

Os sindicatos Prosagal (Agrupación Sindical de Profesionais da Saúde de Galicia) e Satse veñen de iniciar senllas campañas para acabar coa venda de disfraces de enfermeira 'sexy' no Entroido por consideralos "sexistas" e "machistas".

Disfraces de enfermeira 'sexy'.
Disfraces de enfermeira 'sexy'.

Prosagal denuncia a "reiterativa comercialización dos disfraces de enfermeira 'sexy', que ano tras ano regresan aos andeis das tendas", por consideralos "un grave insulto e vexación cara a todas as enfermeiras". 

O sindicato galego argúe que "a enfermaría é unha profesión que inclúe enfermeiras e auxiliares de enfermaría, e a todas únenos a paixón pola nosa profesión, a cal merece maior dignificación por parte desa industria que segue a insistir nos tópicos rancios e machistas e nos converte en meros obxectos sexualizábeis".

"Eses disfraces ridiculízanos, non nos dignifican, e non contribúen a dignificarnos coma profesionais, nin ao respecto obrigado cara a toda profesión que debería reinar en calquera festividade", explican.

Por isto, instan aos cidadáns a non mercar nin usar eses disfraces: "Pedimos a cidadanía que non permita coa súa compra que se siga a ridiculizar unha profesión tan necesaria coma bonita, e que nada ten que ver co papel que proxecta esa industria. Non permitan que co seu diñeiro se sigan perpetuando estes tópicos machistas e non consintan, amais, que as súas fillas sexan tan axiña sexualizadas", insisten.

Así mesmo, Prosagal pide aos grupos políticos que lexislen a venda destes disfraces para a súa posta fóra do mercado.

Pola súa banda, Satse denuncia un caso concreto, o da empresa de hipermercados Alcampo, que inclúe no seu catálogo para o Entroido deste ano un disfrace dunha enfermeira con vestido axustado, saia curta e escote pronunciado.

Satse xa reclamara ás empresas e centros comerciais que ofertan aos clientes disfraces para as celebracións de Entroido que retirasen este ano da venda todos aqueles que, din, "atentan contra a dignidade e imaxe pública das profesionais de enfermaría" e "perpetúan a imaxe sexista das enfermeiras".

"Lamentablemente, Satse volve constatar que se segue recorrendo ao uso de estereotipos sexistas á hora de reflectir a imaxe das profesionais de Enfermería", din.

O presidente do sindicato, Manuel Cascos, dirixiuse por escrito aos responsables de Auchan en España para trasladarlles o "rexeitamento e malestar profundo" do colectivo de enfermeiras e enfermeiros ante este tipo de prácticas comerciais, pedíndolles que retiren este disfrace da venda e non o volvan a incluír en catálogos de próximos anos.

Recentemente este sindicato propuxo á ministra de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, Dolors Montserrat, a creación dun Observatorio da Muller no ámbito sanitario que traballe para acabar coa utilización de estereotipos sexistas e denigrantes que deterioran gravemente a imaxe e recoñecemento social das enfermeiras e o resto de profesionais que traballan no Sistema Nacional de Saúde. Unha proposta ante a que aínda espera resposta por parte do Ministerio e que vai volver a expor nunha próxima reunión que ten previsto manter con Dolors Montserrat.

"O Observatorio debe facer un seguimento pormenorizado de todos os casos que se van producindo e establecer un plan de actuación con todas as medidas a adoptar para que non se repitan nunca máis", expresa o sindicato, que ademais do Entroido ou Halloween, tamén sinala anuncios de festas universitarias, algúns vídeos musicais, programas de entretemento en televisión ou desfiles de moda como outros eventos nos que se usa a imaxe sexista das enfermeiras.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 8 comentarios

3 Machote

Pues yo me voy a disfrazar como Torrente, El Fary, EL Frutero de 7 vidas, Clint Eastwood, John Wayne, Mauricio Colmenero o Chuck Norris. Lo que hace falta es reivindicar la testosterona y no dejarse avasallar por la pandilla de feministas y nenazas que pululan por ahí. ¡Viva Don Carnal!

2 Alén

o que lles pasa a estas do Satse é que teñen complexo da vestimenta hospitalaria, ou arrastran unha parafilia. Unha muller que é atractiva, a será con ou sen uniforme

1 Celtia

Chegou a Inquisición feminista