Por Galicia Confidencial | Vigo | 31/01/2018 | Actualizada ás 21:00
Unión Progreso e Democracia en Galicia (UpyD), unha formación cuxos apoios electorais foron practicamente absorvidos por Ciudadanos, volve á actualidade política cun duro comunicado no que critica a “manipulación” que, segundo esta formación, practica a TVG “ao facer ver que o castelán é unha lingua de imposición fronte ao galego”.
Esta formación denuncia que se lle dea difusión a unha campaña que realizan conxuntamente a Mesa pola Normalización Lingüística e a AGAL cun “enfoque parcial e politicamente manipulado”, di, que pretende mostrar á lingua castelá e os seus falantes “como impositores das denominacións dos días da semana actuais fronte aos de corte portuguesa, utilizados a finais do século XIX”.
“Mediante vídeos publicados nas redes sociais da CRTVG e coa imaxe corporativa da Televisión Galicia nos mesmos, a campaña enfócase aos máis pequenos e aos medios de comunicación, chegando a solicitar que estes empreguen a nomenclatura decimonónica fronte á actual”, denuncia. “Cremos que non é apropiado que a nosa televisión pública faga proselitismo dos postulados nacionalistas e dea apoio a afirmacións que buscan crear unha imaxe negativa da lingua castelá fronte á galega”, afirma.
Así, nun comunicado esta formación tenta facer ver que as súas críticas “non se trantan dunha loita de linguas, nin de falantes”, senón dunha “imposición”. “En UPYD defendemos, ante todo, a liberdade lingüística fronte á imposición, por iso non cremos que o camiño para defender a tradición da nosa lingua galega pase por dar unha imaxe impositiva do castelán e moito menos que o faga a nosa televisión pública, pagada co diñeiro de todos os galegos”, sinala.
“Esta campaña é un paso máis dos nacionalistas cara á confrontación e a división entre galegos de primeira e de segunda”, engade. Por iso, solicita que cese a difusión desta campaña por parte da CRTVG mentres siga defendendo unha “visión impositiva” e que non se empreguen medios públicos na súa realización. Así mesmo, pide tamén a retirada das redes sociais da corporación e da súa páxina web de todo contido sobre esta campaña.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.