21.000 niños de avespa velutina en Galicia

“Probablemente, nun par de anos todas as áreas de Galicia van ter xa a presenza desta avespa”, alerta Sandra Rojas, do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, quen alerta da falta de eficacia das medidas adoptadas.

Por Galicia Confidencial | Vigo | 06/02/2018 | Actualizada ás 20:18

Comparte esta noticia

No ano 2012 detectáronse por primeira vez en Galicia, no Val Miñor e na Mariña lucense, dous niños de vespa velutina, unha especie exótica invasora procedente de Asia, da que, cinco anos despois, en 2017 se rexistraban no país xa máis de 21.000 niños. Son os datos expostos por Sandra Rojas, investigadora do Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal da Universidade de Vigo, nun encontro na Escola de Enxeñaría Forestal.

Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso
Lolo Andrade retirou no municipio coruñés de Coirós un niño de avespa velutina de máis dun metro de alto e de case 20 quilos de peso | Fonte: CONTEXTOPLUS.

“Probablemente, nun par de anos todas as áreas de Galicia van ter xa a presenza desta avespa”, alertou Rojas, que desde 2014 investiga os aspectos biolóxicos como os impactos causados por esta especie no noso país, así os como diferentes métodos para combatela.

IMPACTO SOBRE A APICULTURA

A avespa asiática caracterízase polo que os biólogos chaman "plasticidade fenotípica”, isto é, a súa capacidade de adaptarse a novas contornas e de cambiar desde unha parte do seu ciclo anual ao tipo de especies das que se alimenta. Ao mesmo tempo, é tamén unha especie “moi prolífica, na que cada raíña pode fundar un niño cun promedio de arredor de 600 individuos, dos que 300 se estima que son novas raíñas fundadoras”, explicou a experta.

Trátase, ademais, dunha especie que para a criar as larvas precisa proteínas, que obtén da caza doutros insectos. “Especializáronse en cazar abellas da mel”, detallou Rojas.

Nese período de “crecemento poboacional”, cada colonia pode consumir “probablemente varios centos de miles” de artrópodos. De aí que puxese o acento no “enorme impacto” que están a ter na apicultura, ao que se suma o feito de que “as abellas se estresan por causa desta forte depredación”, o que fai que “queden na colmea e consuman os recursos que deberían ter gardado para o inverno” en lugar de saír colectar. Esta situación deriva “en que o ano seguinte non só se reduce a cantidade de mel colectada, senón que hai unha gran mortalidade de colonias”.

MEDIDAS DE CONTROL POUCO EFICACES

Rojas incidiu tamén nas problemáticas que, para outras especies de insectos, poden derivarse das medidas de control que se están a desenvolver contra a vespa velutina en Galicia. Nese senso, relatou que as investigacións realizadas desde o Departamento de Ecoloxía e Bioloxía Animal amosaron que as trampas que se empregan con diferentes cebos son métodos “pouco eficaces e pouco selectivas”. Non en van, resultan atraentes para outro tipo de insectos, como abellas, avespóns autóctonos, bolboretas ou moscas, de tal xeito que os estudos que realizaron con tres tipos de trampas e tres tipos de cebos, tanto comerciais como “caseiros”, amosan que “por cada velutina se capturan tamén 100 individuos doutras especies”.

Actualmente, sinalou “estanse a realizar esforzos importantes a nivel internacional” para desenvolver “cebos máis específicos”, un ámbito no que, a través dun convenio asinado coa Deputación de Pontevedra, tamén traballan investigadores da Universidade de Vigo, baixo a coordinación de Josefina Garrido e María Calviño.

“Estudamos outro tipo de trampas, que utilizan os olores e os comportamentos naturais das abellas como sinal de atracción”, relatou Rojas, que explicou tamén que, no marco destas investigacións, estanse a estudar que posibles medidas contribuirían á “detección temperá dos niños”, xa que estes se constrúen en copas de árbores moi poboadas, de tal xeito que “só son visibles cando caen as follas, pero entón a avespa xa completou o seu ciclo anual e xa saíron todas as reprodutoras”.

Nese senso, as dificultades para a súa detección provocan que a destrución de niños non vaia ter “un grande efecto sobre a poboación” desta especie, aínda que si se trata dunha medida “importante especialmente cerca de núcleos poboados”, dado que esta especie implica tamén, recoñece, un risco para a saúde.

Rojas lembrou o falecemento en novembro dun veciño do Porriño atacado por estes insectos, para incidir en que unha “picadura masiva deste animal pode ter graves consecuencias para a saúde humana”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta