Por E.P. | Santiago | 08/03/2018 | Actualizada ás 22:46
As rúas de Galicia enchéronse de miles de persoas na tarde noite deste xoves 8 de marzo como colofón á histórica folga feminista con motivo do Día Internacional da Muller. As marchas, convocadas en numerosos puntos da xeografía galega, congregaron a milleiros de persoas, na súa gran maioría mulleres, que clamaron polo fin da desigualdade social e económica da muller e contra a violencia machista.
Unhas trinta localidades galegas viviron concentracións e marchas que puxeron o punto final á xornada na que miles de mulleres reclamaron en Galicia unha sociedade máis igualitaria. Santiago de Compostela viviu unha multitudinaria manifestación liderada pola lema '8M Folga Feminista' que partiu da Praza 8 de Marzo para concluír ateigando a Praza do Obradoiro. De feito, cando a cabeza da marcha chegou ao lugar onde concluíu aínda había xente saíndo do punto de inicio. A manifestación partiu ás 20,00 horas da Porta do Camiño, cuxas rúas contiguas estaban repletas de xente, a gran maioría mulleres. Durante o percorrido escoitáronse consignas como 'Estamos fartas de ser asasinadas', 'Nin no traballo nin en casa. Ningunha muller explotada' ou 'Muller que se organiza, non pasa o ferro ás súas camisas'.
A marcha transcorreu pola Virxe da Cerca, pasou pola Praza de Galicia para entrar no centro histórico. Carteis con lemas contra o machismo, a violencia de xénero e pola igualdade puideron lerse nunha marcha que concluíu coa lectura dun manifesto na Praza do Obradoiro. O manifesto chamaba a "sumar todas as voces" para "avanzar xuntas e libres" cara a "unha nova sociedade igualitaria". "Por todas nós, porque estamos fartas, convocamos unha folga internacional para paralo todo, para construír unha nova Galicia en condicións igualitarias, xustas e libres", proclamaron.
A continuación, lembraron aos colectivos que "sofren as peores condicións" como as mulleres do rural, que "viven na precaridade, explotadas e tachadas como cidadás de segunda", mentres "en paralelo o poder a condena ao máis absoluta deterioración e abandono". Ademais, tamén sinalaron que "a discriminación laboral, a exclusión social e a violencia golpean con máis forza nas mulleres lésbicas e bisexuais". "Todas temos que ser libres para gozar das nosas vidas. E ser libres loitando contra a explotación dos nosos corpos", reivindicaron. "Unha vida diga de ser vivida pasa por cambiar as lóxicas do patriarcado. Este novo mundo será noso. Mulleres, irmás, a revolución será feminista ou non será", exclamaron para concluír o manifesto.
CONCENTRACIÓNS NOUTROS LUGARES
Similares imaxes puidéronse ver nas rúas de Vigo que, como xa ocorreu o pasado domingo, se volveron a encher con miles de persoas nunha marcha que se iniciou ás 20,00 horas da tarde na Praza de Portugal. Na Coruña tamén foi masiva a afluencia de persoas ás dúas manifestacións convocadas para esta tarde polo Movemento Feminista Unitario da Coruña e 'Galegas8m', respectivamente. As marchas acabaron confluíndo fronte á Casa de Rosalía.
Ferrol, Marín, Lugo, Ourense, Monforte, Cangas, Vilalba, Pontevedra, Cee, Ribeira, Redondela, Burela, O Barco, Verín, Vilagarcía, Moaña, A Illa, Carral ou Noia foron outros dos puntos de Galicia que congregaron a miles de persoas na tarde noite deste xoves para reclamar unha sociedade máis igualitaria para as mulleres.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.