Por Ángela Precedo | SANTIAGO | 09/02/2025 | Actualizada ás 20:35
Todo o mundo quería a José Ramón Varela, o maquinista do 'tren das sete e media' da mañá e tamén o que facía o retorno a última hora da tarde. Por ser a horas tan temperás, levaba leiteiras, peixeiras, verduleiras, estudantes, médicos, avogados... Era un home afable e leal aos seus pasaxeiros que se coñecía á perfección as rutinas de cada un deles á hora de subir ao tren e, en consecuencia, se había que agardar por algún, agardábase. Tiña unha maneira peculiar de dirixir a máquina, alo menos diferente á dos demais maquinistas, pero ninguén se queixaba, porque o tren chegaba a destino á súa hora. José Ramón Varela naceu en Carril no ano 1880 e, despois de ter traballado de neno nos barcos de cabotaxe, foi contratado como fogoneiro por J. Trulock (o avó do célebre escritor Camilo José Cela) no 1915.
Con todo, non foi ata 13 anos despois cando comezaron a escoitarse as primeiras historias sobre o 'tren de Varela', no ano 1928. Naquela época como maquinista Varela levaba o 'tren das sete e vinte', arrastrado pola locomotora Caldas de Reyes (con número de serie 442 e mercada no ano 1898, uns meses antes da inauguración do tramo Carril-Santiago). Varela imprimía a esta locomotora un ritmo peculiar: primeiro de vagar, para poder recoller no paso a nivel de Trabanca Sardiñeira (Carril, Vilagarcía de Arousa) o almorzo que lle traía un dos seus fillos, porque o primeiro era coller forzas para o traballo; e, logo, forzaba a marcha para compensar o atraso xerado. Contan as historias que había veces que o tren mesmo chegaba a diminuír a marcha ou deterse se algún pasaxeiro así o demandaba, porque en lugar de quedar na seguinte estación lle viña mellor baixarse polo medio do traxecto.
Ademais, en días intempestivos, había pasaxeiros que, chegado o tren de Varela á altura do Faramello, baixaban del para colocar pedras baixo as rodas e impedir así que patinase a locomotora como consecuencia da chuvia. Pola contra, dicíase que nos días de calor este tren facía unha parada obrigada para beber auga dun manancial de Laraño (Santiago de Compostela), pois había que refrescarse para poder proceder. Era un maquinista moi humano, e pola súa humanidade foi que ese tren se fixo tan popular en Galicia naqueles anos e por iso Varela trascendeu á historia como o mellor maquinista galego.
A pesar de todo, cóntase que o único prego de cargos que recibiu ao longo da súa vida profesional foi por ter agardado tempo demais por unha pasaxeira. Cando unha mañá, ao ter que empreder a viaxe cara Santiago dende Vilagarcía notou a ausencia dunha mariñeira que todos os días adoitaba coller o tren, decidiuse a agardala, convencido de que chegaría. O xefe da estación de Carril deu a saída e Varela fíxose o despistado, comezando a pór aceite nas bielas da locomotora. Cando chegou a mariñeira a correr coa cesta de peixe na cabeza, Varela subiu ao tren e, daquela, si arrincou a locomotora. Noutra ocasión, cando o tren de Varela comezaba a subir a costa da Escravitude, o maquinista viu pasar pola beira da vía a un vello coñecido natural de Rois e, ao chegar á súa altura, preguntoulle a onde ía, contestándolle o home que a Santiago. Ao escoitalo, Varela convidouno a subir ao tren.
José Ramón Varela, o maquinista do 'tren das sete e media' | Fonte: Amigos do FerrocarrilVer esta publicación en Instagram
¿Gústache esta noticia?Problemas cos comentarios?
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.
¿Gústache esta noticia?
- A CIG urxe protocolos no transporte sanitario ante agresións: "A xente non sabe como ten que actuar"
- A CIG cualifica de "pantomina" as consultas sobre a suba do SMI e pide aumentalo a 1.320 euros
- A UE inviste na guerra en Ucrania pero anula o Fondo de Axuda Europea para os máis Desfavorecidos
- Detido por supostamente agredir á súa parella en presenza dun menor
- Outro choque cun xabarín provoca retencións quilométricas na Coruña
- Actividades culturais, educativas e gastronómicas para festexar o 'Día de Rosalía' en Allariz