SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/03/2018 | Actualizada ás 07:30 por EUROPA PRESS
O comité de folga e os representantes da Xunta volverán sentar este venres para retomar as negociacións e tentar desbloquear un conflito que xa dura un mes e que paralizou xulgados e rexistros civís galegos.
Durante a xornada do xoves non se produciu ningún contacto entre as partes, á espera de que este venres ao mediodía teña lugar o novo encontro na Escola Galega de Administración Pública.
Para esta cita, o comité de folga reclamara a presenza do vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, quen con todo, condicionou a súa presenza na mesa negociadora a que suspendese o paro, unha esixencia que os sindicatos rexeitan.
En todo caso, en atención ao reclamo de novos interlocutores, fontes da Xunta consultadas por Europa Press avanzaron que no próximo encontro sumarase á delegación do Goberno a secretaria xeral técnica de Vicepresidencia, Beatriz Cuíña.
Nela está previsto que participen tamén, como nos encontros previos, os directores xerais de Xustiza, Juan José Martín, e de Función Pública, José María Barreiro, do mesmo xeito que os subdirectores de ambos os departamentos.
A Xunta, que até hai uns días mantiña que a oferta económica era inamovible, móstrase agora, en cambio, disposta a abordar "todos" os temas.
PROPOSTAS ATÉ AGORA SOBRE A MESA
Até agora, coas propostas que había sobre a mesa, Rueda defendeu que se accede "ao que querían os sindicatos" nas demandas relativas á consolidación de emprego, amortización de prazas e substitución de compañeiros de rango superior.
En canto ás baixas por incapacidade temporal (IT) e a discriminación que denuncia o comité de folga polos descontos, a Administración comprometeuse a trasladar as condicións "máis vantaxosas" que se acorden en Madrid, para traballadores de xustiza e "o resto de empregados públicos galegos".
Sobre a oferta económica, tradúcese nunha subida do complemento autonómico transitorio de entre 816 e 1.080 euros ao ano (en función do corpo --auxilios, tramitadores ou xestores--) en dúas anualidades (2019 e 2020). A Xunta defende que este incremento situaría aos funcionarios galegos "por encima da media" do conxunto de comunidades.
En fronte, os sindicatos discrepan de que haxa acordo nos puntos que sinala a Xunta, á que acusan de "manipular táboas e nóminas", e reivindican unha subida lineal de 225 euros ao mes a aplicar en tres anualidades desde este ano 2018 e para todos os corpos. A Xunta sostén que, a subida de "2.700 euros ao ano" por traballador que suporía aceptar é "inasumible" para as arcas públicas.
Os sindicatos remítense a unha iniciativa aprobada por unanimidade na Cámara autonómica, que apela a situar ao colectivo "da metade para arriba" na táboa salarial das comunidades coa competencia transferida, e reclaman que "se cumpra o mandato parlamentario".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.