Por Galicia Confidencial | Santiago de Compostela | 11/03/2018 | Actualizada ás 22:00
Un millón. Esa é a cantidade de sinaturas que necesita a iniciativa popular Minority Safepack para ser aceptada pola Unión Europea para o seu debate. Até este domingo, 11 de marzo, levaba xa máis 835.000 firmas. O obxectivo: salvagardar os dereitos das minorías nacionais e lingüísticas de Europa.
Calcúlase que na Unión Europea hai uns 50 millóns de persoas que pertencen a unha minoría nacional ou a unha comunidade lingüística minoritaria. A iniciativa Minority Safepack é un conxunto de proposicións lexislativas para a protección das minorías nacionais, así como unha serie de actos regulamentarios para a promoción dos dereitos das minorías, os dereitos lingüísticos e a protección das súas culturas. Isto é, a iniciativa comprende como obxectivos principais a defensa das minorías e un corpus lexislativo que as protexa.
"Os dereitos das minorías nacionais e lingüísticas non sempre son respectados" e "en moitos casos as súas linguas e culturas están en perigo", advírtese desde esta iniciativa, que defende a "oportunidade de vivir segundo as propias tradicións".
"Queremos que a Unión Europea asuma a súa responsabilidade e se converta nun auténtico promotor da diversidade lingüística e cultural en toda Europa. Tamén queremos que os Estados membros da UE respecten plenamente os denominados Criterios de Copenhague que protexen os dereitos das minoría", explican os promotores da iniciativa.
PROPOSTAS
A iniciativa Minority SafePack inclúe once propostas orixinais, nove das cales foron rexistradas pola Comisión Europea: unha recomendación da Unión Europea para a defensa e promoción da diversidade cultural e lingüística, o desenvolvemento de programas de financiamento para as comunidades lingüísticas minoritarias, a creación dun Centro para a Diversidade Lingüística, a admisión da protección das minorías nacionais e da promoción da diversidade cultural e lingüística nos proxectos dos fondos para o desenvolvemento rexional da Unión Europea, investigación sobre o valor engadido que achegan as minorías ás sociedades e a Europa, avances na igualdade de dereitos para as minorías sen Estado (por exemplo, o pobo xitano ou romaní), unha única lei europea de dereitos de autor que permita gozar de servizos e a difusión de programas na lingua materna, liberdade de creación e recepción de contidos audiovisuais nas rexións das minorías e acabar coa exclusión e falta de apoios á conservación cultural, medios de comunicación e patrimonio no marco de programas estatais ou rexionais.
"As minorías contribúen de xeito decisivo á diversidade lingüística e cultural de Europa. Canda o conxunto de europeos, desexan contribuír ao futuro da Unión Europea, un futuro no que non só se teñan en conta as linguas oficiais e as culturas dominantes, senón tamén as minoritarias. Por tanto, precisan de apoio e protección para preservar a súa identidade. Nisto consiste o chamamento da Iniciativa Minority SafePack", detallan os seus impulsores, buscan "salvagardar a diversidade en Europa" e "promover os valores que representan as minorías".
A Unión Federal das Nacionalidades Europeas (FUEN), organización que representa as minorías autóctonas europeas, é a principal organizadora e punto de contacto deste proxecto. Esta tarefa lévase a cabo en representación do Comité Cidadán da Iniciativa Minority SafePack.
HUNGRÍA E ROMANÍA, OS PAÍSES MÁIS COMPROMETIDOS COA CAUSA
A campaña, que durará 23 días máis e que, polo tanto, se espera que supere amplamente o millón de sinaturas que se necesitan para presentar unha Iniciativa Cidadá Europea, mecanismo que permite aos cidadáns da Unión Europea presentar iniciativas convidando as institucións e á Comisión a lexislar sobre determinados temas e influír así nas súas políticas.
A campaña recibiu firmas dos 28 Estados membro da UE, pero destacan Hungría, con máis de 375.000 sinaturas até hoxe, e Romanía, con máis de 274.000.
A iniciativa non tivo tanto eco en España, malia ser un dos Estados con maior diversidade lingüística e nacional de Europa e que vive a efervescencia do proceso independentista catalán. España ocupa, até este domingo, o cuarto lugar por número de sinaturas, pero apenas superan as 35.000. Por diante, en terceiro lugar, sitúase un país como Eslovaquia, con máis de 57.000 apoios a esta iniciativa, a día de hoxe.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.