As propias manifestacións tiveron matices diferenciais respecto doutras demostracións similares. Na da Coruña, por exemplo, a ruta desdobrouse e a cabeceira multiplicouse. Unha sección avanzaba pola rúa Real mentres outra facíao en dirección á Mariña. Unha vez esta chegou a Porta Real, houbo quen se meteu en María Pita, que se ateigou, e quen tirou rúa Santiago arriba deica a praza da Fariña. O liderado partillouse en voces distintas, todas elas portadoras dunha mensaxe de esperanza e futuro. As/os manifestantes sentiamos estar a vivir algo transcendente.
Toda xeralización implica unha simplificación; velaí o risco de levantar hipóteses. Porén eu pregúntome: como sería esta sociedade de estar gobernada por mulleres? E coido que sería mellor, e desculpade a banalidade. Mellor en moitos aspectos: nos valores imperantes, nas prioridades e na determinación, na mirada a longo prazo, nas relacións persoais, na solidariedade. Penso a continuación en como sería o país de estar gobernado por mulleres. E aí non me cabe a menor dúbida.
O matriarcado galego mantén a súa vixencia malia ser hoxe cuestionado dende algúns sectores. Galicia ten unha muller coma icona nacional. A súa historia amosa orgullosa unha longa xeira de nomes femininos protagonistas de papeis estelares. Se cadra, chegou o momento de contarmos cunha muller na presidencia do goberno. Estamos no idus de Marzo, o día propicio para lanzar tales agoiros.
Varios elementos haberían aliñarse. O primeiro, que as forzas nacionalistas confluísen de novo nunha lista única a cal fora encabezada por unha muller. O segundo, que a organización que lidera esa muller termase da praxe política e arrombase uns lemas soberanistas que neste momento so supoñen un lastre. En terceiro lugar, que as organizacións aliadas deseñasen un programa realista dirixido a colocar o país na senda do progreso económico e social dentro dun contexto de transformación global. Cuarto: que se xerase un ambiente de entendemento co resto de partidos de esquerda con representación. Quinto, tamén habería ocorrer que o crecemento probable de Ciudadanos se producise a expensas do PP e non do PSdeG.
Por último (ou quizais de primeiro), a muller candidata habería chamar o seu país tal como a el se refire a grandísima maioría de cidadáns e cidadás (en realidade, tod@s menos @s propi@s representantes da súa organización).