Por Alberto Quian | | 23/03/2018 | Actualizada ás 22:00
O Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) presenta o libro Mujeres con poder en la Galicia medieval (siglos XIII- XV). Estudios, bibliografías y documentos, iniciativa do Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento (IEGPS), centro mixto do CSIC e da Xunta de Galicia. A obra, que é o número 44 da serie 'Anejos de Cadernos de Estudos Galegos', está editada por Eduardo Pardo de Guevara y Valdés, profesor de investigación do CSIC e xefe do grupo de investigación do IEGPS 'Historia social do poder desde a Idade Media'.
Esta obra é froito do labor desenvolvido ao longo dos últimos anos por un equipo de investigación integrado por unha vintena de especialistas: investigadores e técnicos do CSIC (do IEGPS e o Centro de Ciencias Humanas y Sociales-CCHS, de Madrid), profesores das tres universidades galegas e facultativos do Arquivo Histórico Provincial de Ourense. Reúne e presenta algúns dos resultados alcanzados no marco dunha sucesión de proxectos de investigación liderados polo IEGPS e financiados polo Ministerio de Economía, Industria y Competitividad (MINECO), a través do Plan Estatal, e pola Xunta de Galicia, a través da Secretaría Xeral de Igualdade.
O libro estrutúrase en tres grandes bloques: Estudos acerca da posición e protagonismo social da muller ao longo da Idade Media; Repertorio biográfico. Xenealoxía e prosopografía de mulleres con poder na Galicia medieval (séculos XIII- XV) e, por último, Edición e transcrición de documentos e colección de láminas ou debuxos arqueolóxicos.
No primeiro bloque, que ocupa unhas 300 páxinas, preséntanse os estudos que expoñen a cuestión en profundidade. Inclúe os textos de Manuel Recuero Astray (Universidade da Coruña), 'La mujer en los primeros siglos medievales'; Miguel García Fernández (IEGPS), 'Vivir y morir en femenino en la Galicia de los siglos XIV y XV', y Marta Cendón Fernández (Universidade de Santiago), 'La imagen de las mujeres con poder en el arte bajomedieval gallego'. Esta primeira parte complétase con dous estudos de natureza e alcance moi diferente acerca de dona Aldonza de Mendoza, asinados respectivamente por Isabel Beceiro Pita (CCHS) e Marta Cendón (USC).
O segundo bloque, cuxa autoría corresponde a Eduardo Pardo de Guevara, inclúe máis de medio cento de descricións biográficas de mulleres con poder dos séculos XIII ao XV, para cuxa selección se tiveron en conta circunstancias e situacións de valor ilustrativo en relación coa situación da muller na sociedade medieval galega. O guion seguido en todas as biografías procura incidir, en primeiro termo, nos detalles do retrato social e familiar das protagonistas e, de seguido, nos feitos documentados que balizan as súas traxectorias vitais.
No terceiro bloque dáse a coñecer unha selección dos materiais —na súa maioría inéditos— recompilados no curso das investigacións realizadas en diversos arquivos públicos e privados. Os documentos transcritos polo propio grupo de investigación son de tipoloxía diversa (como testamentos, relacións de bens, poderes, nomeamentos ou avinzas) e resaltan os dereitos e obrigas das mulleres e a súa activa participación en negocios e actos xurídicos.
A continuación, Eduardo Pardo de Guevara explica nesta entrevista con GC algúns detalles desta magna obra.
"Esta obra pon de relevo o destacado protagonismo das mulleres da nobreza e das aristocracias urbanas na Galicia dos últimos séculos da Idade Media, rompendo cos silencios aínda existentes sobre o tema e cos tópicos aos que se segue recorrendo".
Cal é a razón desta obra?
O obxectivo inicial foi recompilar materiais novos, inéditos, que permitisen avanzar por camiños seguros no coñecemento da historia da muller na Idade Media en Galicia. O resultado, con todo, superou as expectativas, de maneira que permitiu poñer de relevo o destacado protagonismo das mulleres da nobreza e das aristocracias urbanas na Galicia dos últimos séculos da Idade Media, rompendo cos silencios aínda existentes sobre o tema e, sobre todo, cos tópicos aos que se segue recorrendo nos medios de comunicación e no propio ambiente académico.
Cal foi o labor máis custoso no proceso de investigación, recompilación e tratamento da información recollida neste libro?
Como en calquera obra colectiva, moitas veces o máis difícil é coordinar adecuadamente os esforzos individuais e lograr a cohesión e coherencia do conxunto. Por outra banda, non podo esquecer tamén as dificultades á hora de filtrar, seleccionar e ordenar os materiais, dado o enorme caudal informativo reunido; se algo comprobamos, é que aínda queda moito por recuperar e, por tanto, moito máis que analizar e dicir.
Que novos achados e contribucións fai esta obra á historia da Galicia medieval, en xeral, e á historia do papel da muller na sociedade galega, en particular?
Resumiríao en rescatar do esquecemento a un número non pequeno de mulleres concretas, das cales apenas se sabía nada e que agora consta moi ben que exerceron o poder de moi diversas maneiras na sociedade galega dos séculos medievais. A obra, no seu conxunto, mostra que non se pode obviar esa realidade; refírome, insisto, ao protagonismo social, económico, político e cultural das mulleres que formaban parte da nobreza e das aristocracias urbanas de Galicia naqueles séculos. Por outra banda, destacaría dúas grandes contribucións: os novos materiais —tanto documentais como monumentais—, que contribuirán a formular novas hipóteses e liñas de traballo, e a superación das visións en exceso negativas, se non claramente pesimistas, ao redor da muller na Idade Media.
"As mulleres non estiveron anuladas no seo das súas familias, senón que colaboraron activamente, ás veces en contra mesmo dos seus particulares intereses e do socialmente aceptado".
Neste proceso de investigación e documentación, cales foron os achados que consideran máis sorprendentes?
Sen ningunha dúbida, o máis destacable foi comprobar que moitas mulleres da Galicia medieval actuaron activamente na sociedade e ás veces con notable liberdade, mesmo á marxe das convencións sociais. Isto pon de relevo que as mulleres non estiveron anuladas no seo das súas familias, senón que colaboraron activamente, ás veces en contra mesmo dos seus particulares intereses e do socialmente aceptado.
Cales foron as principais fontes da colección de documentos e debuxos arqueolóxicos que se achegan?
A visita a algúns arquivos publicos, como o Histórico Nacional ou o da Real Chancillería de Valladolid, resultaron enormemente rendibles; pero a nómina é grande, como se anota e detalla no apartado correspondente. Complementariamente, non pode obviarse a importancia do traballo de campo, directamente relacionado cun gran número de monumentos civís e sobre todo eclesiásticos.
Dese conxunto, hai alguna achega novidosa?
Non hai ningún achado espectacular, como é natural, pero si identificacións e consideracións novas ao redor de non poucos testemuños. No ámbito documental, en cambio, si se localizaron e estudado instrumentos inéditos e de indubidable interese en relación co asunto central. Menciono, só como exemplo, os documentos referidos a dona Aldonza de Mendoza, irmá do marqués de Santillana e muller do duque don Fadrique de Arjona, nos que se poñen de manifesto detalles importantes na orde cultural, pensemos nos libros que atesourou, ou en relación coas dificultades que ela e outras moitas mulleres deberon afrontar no seo de matrimonios pactados.
Cal foi, en liñas xerais, a posición e protagonismo social da muller ao longo da Idade Media en Galicia?
Nesta obra compróbase moi ben que desde os séculos altomedievales ata os inicios da modernidade a muller exerceu, as máis das veces, un indubidable protagonismo tanto dentro do grupo familiar —diso derivábase a súa posición social— como fóra do mesmo.
"O que se ofrece neste libro é unha primeira selección no medio dun universo feminino aínda apenas explorado".
O libro presenta a biografía de máis de medio cento de mulleres. Que criterios de selección se utilizaron para destacar a estas mulleres?
En todo momento tentouse ofrecer unha mostra significativa de mulleres da nobreza e as aristocracias urbanas. Pero non se trata dun grupo homoxéneo, senón que dentro do mesmo hai diferenzas e singularidades. Por iso, procurouse incluír vertentes diferentes do poder feminino: o protagonismo económico en virtude da xestión de patrimonios, a actuación nos espazos públicos en caso de conflitos e revoltas, o patrocinio artístico —sobre todo na promoción de obras relixiosas— ou a liberdade persoal á hora de rexeitar alianzas matrimoniais ou liberarse da clausura imposta desde o ámbito familiar.
Son todas as que están pero non están todas as que son?
Exactamente. O que se ofrece é unha primeira selección no medio dun universo feminino aínda apenas explorado. Nas fontes aparecen moitas outras mulleres e, por iso, consideramos importante insistir moito na necesidade de recuperar fontes documentais que permanece inéditas.
Cando falan de poder, a que tipo de poder se refiren? Que tipo de poder sustentaron as mulleres na Galicia medieval?
O poder é unha realidade poliédrica. No caso das chamadas mulleres con poder, a referencia está no seu poder económico, derivado da propiedade e xestión de bens; tamén no seu poder social, á hora de converterse en referentes de autoridade e crear na súa contorna redes de dependencia; ou no seu poder político, ao transcender os espazos domésticos, para proxectarse nos espazos públicos, aínda que estes fosen territorio preferentemente masculino; e así mesmo no seu poder para patrocinar obras arquitectónicas de relevancia, como sucedeu coa capela funeraria dos Moscoso en Bonaval.
"Recordo, só como exemplo, a dona Beatriz de Castro, protagonista de excepción nas revoltas urbanas de Ourense nas décadas centrais do século XV".
Que poder tiñan estas mulleres no plano social?
Na súa contorna, as mulleres con poder xeraron intensas relacións de dependencia e fidelidade, nas cales se mostraron sumamente activas.
No plano cultural?
Ademais de consignarse a formación letrada dalgunhas daquelas mulleres, o que levou á conformación de bibliotecas, cabe destacar tamén o patrocinio de obras artísticas, algunhas das cales perduran na actualidade.
No plano económico?
Soas ou non, estas mulleres con poder xestionaron patrimonios, ás veces certamente importantes e amplos. Por iso é polo que gran parte das fontes de aplicación do dereito se mostren con naturalidade adquirindo, vendendo, aforando ou simplemente xestionando os seus bens e patrimonios.
No plano político?
Aínda que o ámbito institucional tendeu sempre a mostrarse como espazo maioritariamente masculino, o certo é que aquelas mulleres con poder tamén exerceron alí a súa autoridade e influencia. Recordo, só como exemplo, a dona Beatriz de Castro, protagonista de excepción nas revoltas urbanas de Ourense nas décadas centrais do século XV.
E no plano familiar?
Aínda que as relacións intrafamiliares son difíciles de documentar, as fontes mostran que aquelas mulleres foron pezas fundamentais na articulación deste tipo de relacións. Á fin e ao cabo, elas non só garantían a continuidade da liñaxe e contribuían a este mesmo fin coa crianza e titoría dos fillos menores de idade, senón que actuaban tamén en nome dos seus maridos e fillos en actuacións patrimoniais de diversa natureza. Non esquezo así mesmo o seu protagonismo na preservación da súa memoria, principalmente promovendo a construción de capelas ou monumentos funerarios.
Hai algún trazo común a todas estas mulleres?
Si, claro. Por exemplo, a actitude proactiva e decidida nun gran número de circunstancias, algo que cuestiona a pasividade do seu papel social, como se reitera tantas veces nos tópicos.
"O máis adecuado é falar dunha sociedade patriarcal na que as mulleres gozaron de indubidable relevancia familiar e social".
De todas estas mulleres, cal ou cales lle impactaron máis emocionalmente, por un lado, e como historiador, por outro?
Eu diría que todas, sen excepción, pois ningunha me deixou indiferente, aínda que sempre dependendo do grao de coñecemento que logrei alcanzar. Ao repasar os seus nomes e evocar as súas circunstancias é fácil —inevitable— pasar da admiración ao reproche, do rexeitamento á comprensión ou mesmo á compaixón, para volver de novo á admiración. Os exemplos son moitos e moi variados; non hai nada novo baixo o sol.
Cales destas mulleres foron as máis poderosas e por que?
Cada unha exerceu un certo poder á súa maneira. É claro, de todo modos, que algunhas delas alcanzaron unha maior visibilidade social, con reflexo nas fontes. Menciono dous bos exemplos, a infortunada dona Beatriz de Castro, señora de Lemos, que conseguiu recuperar o patrimonio familiar e conformar, a partir de aí, a primeira gran casa señorial da Galicia do século XV, ou a moi endiañada condesa dona Teresa de Zúñiga, que foi titora do fillo que o seu marido tivera cunha escrava e que anos despois morrería alanceada polos seus vasallos.
O dito de que a galega é unha sociedade matriarcal cumpríase naquela época?
Non e, en realidade, creo que nunca o foi. É dicir, non cabe confundir unha sociedade cun activo protagonismo das mulleres con outra organizada en función do poder das mesmas. O máis adecuado, por conseguinte, é falar dunha sociedade patriarcal na que as mulleres gozaron de indubidable relevancia familiar e social.
Que podemos aprender na actualidade daquelas mulleres?
Simple e sinxelamente, que a realidade se constrúe cos feitos do día a día e, por tanto —discursos á marxe— é xustamente na vida cotiá que reflicten as fontes onde se debe situar o espello do que queremos e podemos conseguir.
Detéctase nas historias destas mulleres algún trazo de feminismo ou protofeminismo?
Procuro non caer en anacronismos desta natureza. O que si resulta moi certo é que moitas daquelas mulleres tomaron plena conciencia da súa posición e, consecuentemente, procuraron participar activamente na sociedade.
Facendo un exercicio de imaxinación, terían participado estas mulleres na folga feminista do pasado 8 de marzo, no Día Mundial da Muller?
Resúltame imposible responder; en realidade, pídeme vostede un exercicio de imaxinación aínda moito máis abusivo que o anterior.
Cal é o valor principal que aporta este libro?
Ofrecer un volume con case mil páxinas no que se inclúe un conxunto de estudos certeiros, por documentados e madurados, xunto cun repertorio representativo e minucioso de descricións biográficas e un complemento con testemuños documentais e monumentais de indubidable interese e moitos deles inéditos. A miña confianza é que todo iso contribúa a revalorizar o destacado protagonismo da muller no seo da sociedade medieval galega; ou o que é o mesmo, recuperar esa parcela ignorada pero importante do noso pasado.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.