Por Xurxo Salgado | Compostela | 02/04/2018 | Actualizada ás 22:18
“Quo vadis Domine.... Onde vas, Señor”, díxolle, segundo relata a tradición católica o apóstolo Pedro a Xesucristo cando escapaba de Roma pola persecución dos cristiáns. “Romam vado iterum crucifigi... Vou cara a Roma para ser crucificado de novo”, espetoulle Xesús.... Unha boa metáfora agora que acaba de rematar a Semana Santa para definir o que acontece en En Marea; unha crucifixión en toda regra.
O que pasa nesta formación política é xa de “esperpento”. E, curiosamente, a palabra utilizouna unha das dirixentes de En Marea que, a súa vez, lidera outro partido en Galicia, Carmen Santos. “Se coñecedes as obras de Valle Inclán sabederedes de que esperpento falo”, dixo este martes nunha rolda de prensa que tamén sonou a crucifixión, máis que a penitencia.
Segundo a RAE, o esperpénto é un “género literario creado por Ramón del Valle-Inclán en el que se deforma sistemáticamente la realidad, recargando sus rasgos grotescos y absurdos, a la vez que se degradan los valores literarios consagrados; para ello se dignifica artísticamente un lenguaje coloquial y desgarrado, en el que abundan expresiones cínicas y jergales”. E o certo é que rasgos grotescos, linguaxe coloquial, expresións cínicas e xergas abundan nesta traxicomedia na que semella que se converteu En Marea nas últimas semanas.
O conflito da deputada de En Marea –pero pertencente a corrente anticapitalista de Podemos--, Paula Quinteiro, foi a mecha da pólvora dunha munición que só agardaba a ser disparada. Hai meses que as relacións dentro de En Marea son conflitivas e que as posturas das distintas partes semellan irreconciliables. Unhas divisións que naceron case coa elección de Luis Villares como candidato, porque aqueles que foron a petar a súa porta para traelo á política son, agora, os seus máis férreos detractores.
E cando aínda non acabou esta crise pode comezar outra ben cedo; a das listas para as municipais porque, quen vai liderar ese "espazo do cambio"?. Carmen Santos insistía este luns que os militantes votaron por incluír as siglas nas papeletas e que isto é para "sumar, non para restar". Quererán tamén os militantes de Anova, Cerna ou EU que figuren as súas siglas nas papeletas?.
DOUS GRANDES GRUPOS
De feito, dentro de En Marea hai dous grandes grupos; os que apoian a Villares, aínda que orixinalmente non estaban con el, e os que queren descabezalo. Uns máis nacionalistas e os outros máis federalistas. Entre os primeiros está un sector importante de Anova, principalmente, o sector que provén de Encontro Irmandiño, e que lidera o ex alcalde de Manzaneda, Davide Rodríguez. Tamén conta co respaldo de Cerna, o outro grupo que se escindiu de Anova, con Mario López Rico ao fronte --a quen dende o sector crítico consideran como "máximo responsable da actual escalda"-- e Paula Vazquez Verao na Cámara, e despois a maior parte dos Ecosocialistas. Pero, realmente, o maior apoio de Villares é xente que milita en mareas locais, algúns deles, afiliados, ademais, a formacións como Podemos.
Precisamente, Podemos é, agora, o gran polo oposto a Villares. Unha situación que, curiosamente, é recente porque ata fai ben pouco a súa líder en Galicia, Carmen Santos,mantiña boa sintonía co actual voceiro do Grupo Parlamentario, mentres que era pésima con outros integrantes do seu partido no Parlamento, incluída, a propia Paula Quinteiro. Pero como a propia Santos destacou, o que pasa en En Marea é un esperpento e, polo tanto, a cada tanto deformase a realide... e as alianzas.
Agora, boa parte dos distintos grupos de Podemos están tamén do lado da Anova oficial, a de Martiño Noriega, a de Antón Santos e a de Rafa Dopico ---non a de Beiras, porque Beiras navega en todas as augas--, a de Esquerda Unida de Yolanda Díaz desde Madrid e Eva Solla desde Galicia, e das grandes alcaldías, sobre todo, a da Coruña, que lidera Xulio Ferreiro pero xestiona Iago Martínez. Precisamente, desde o grupo de Villares apuntan directamente a Dopico e Martínez como instigadores da rebelión.
A GUERRA ABERTA
A decisión de Luís Villares de falar este luns –algúns cren que cando non tiña que falar-- incendiou ao gremio dos mareantes. O líder “teóricamente” de En Marea cre que Quinteiro tiña que dimitir. Unha opinión que tamén defendeu Xosé Manuel Beiras hai uns días. E non só iso, senón que Villares ameazou con levar o asunto ás bases de En Marea para que decidan eles e elas o fututo da deputada díscola.
E foi esa estratexia de Villares –logo dun mutismo absoluto durante a crise-- o que indignou aos seus adversarios. Se a fogueira xa estaba quente, Carmen Santos, coas súas declaracións posteriores, o que fixo foi botarlle máis leña ao lume para que aínda se avive máis. Porque o espazo do cambio que sempre fala de democracia e decisión das bases, cre que non se pode votar sobre “cuestións persoais”.
“Realizar unha votación sobre a demisión de Paula Quinteiro é entrar nunha caza de bruxas que é propia do PP”, dixo ao tempo que acusou a Villares de “irresponsable” e mesmo “tolo” por “reabrir temas pechados”. Uns “temas pechados” que, obviamente, non estaban tanto. A nova resposta do sector crítico segundo avanzou Carmen Santos; "abrir unha fonda reflexión do grupo". Unha reflexión que, quen sabe, pode acabar en golpe de estado e o líder do grupo fulminado. Quen sabe...
Aínda que isto semelle un esperpento digno de Luces de Bohemia o certo é que o que hai detrás das declaracións de Villares e de Santos é unha loita polo control de En Marea. O primeiro controla o resorte político, o Consello das Mareas, e a segunda o resorte executivo, o Grupo Parlamentario. O primeiro órgano ditou unha sentencia –que Paula Quinteiro tiña que dimitir-- e o segundo outra completamente contraria e na que, ademais, supostamente, todo o grupo parlamentario apoiaba as súas accións ante a Policía Local de Santiago.No medio do conflito veu a Semana Santa e días de penitencia que, finalmente, resultaron ser días de resaca que remataron nun gran esperpento.
Porque como dicía o gran Valle Inclán; “o mundo é un esperpento” e o “xornalista é o plumífero parlamentario do Congreso que é unha gran redacción, e cada redacción un pequeno Congreso”. “O xornalismo é falcatruada, o mesmo que a política. Son o mesmo círculo en diferentes espazos”.... Quizais xornalistas e políticos esteamos condenados a ser esperpénticos, sobre todo, cando hai munición abondo para crear un esperpento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.