Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/04/2018 | Actualizada ás 18:20
A Hermandad de Antiguos Caballeros Legionarios, con sede en Vigo, organizou unhas xornadas para veteranos no Concello de Barro, baixo o título 'IV Manobras Simuladas Millán Astray'. O cartel do acto chegou a ser impreso pola Deputación de Pontevedra, que xa retirou esta colaboración nada máis coñecer o contido do evento e que na publicidade aparece Millán Astray.
Fontes da Deputación de Pontevedra explicaron que esta entidade solicitou colaboración do organismo provincial, ante a Presidencia, polas canles habituais de todas as asociacións. Non obstante, unicamente indicaron na petición, segundo estas fontes, que se trataba dunha xornada de veteranos militares.
As mesmas fontes explicaron que se lle deu o visto bo á colaboración da Deputación, que consistiu en prestar o servizo de impresión para as 200 unidades. A entidade enviou directamente á imprenta o cartel, que non pasou ningún outro filtro.
Foi este luns cando a Presidencia da Deputación, dirixida pola socialista Carmela Silva, soubo o contido do cartel e paralizou a distribución deste letreiro. No cartel aparecían os logotipos de varias empresas privadas, restaurantes da zona, unha gasolineira e outros establecementos comerciais e do Ministerio de Defensa. No programa tamén se inclúen actividades na zona de ría Barosa, un espazo paisaxístico cun muíño de auga e cataratas situado no municipio de Barro.
O alcalde de Barro, Xosé Manuel Fernández Abraldes (BNG), confirmou que remitiu este mesmo martes un comunicado á Hermandad esixindo a retirada desa referencia, xa que "non teñen autorización" para ningunha actividade en terreos públicos, e despois de coñecer o cartel sen que se tramitaron "permisos" ante a institución local.
A DEPUTACIÓN, MOLESTA
A propia Deputación de Pontevedra enviou un comunicado explicando que retirara a colaboración coa organización dun encontro de exmilitares en Barro para finais de abril. Concretamente, está previsto o evento desde o 27 até o 1 de maio, cando xa se dá por concluída a actividade.
A colaboración limitouse, explicou, á impresión de 200 carteis e, despois de coñecer o contido, que non pasou ningún filtro intermedio cando se enviou á imprenta, a Deputación ordenou retiralos. Ademais, expresou o seu "malestar" á entidade por non ser informada da "veracidade sobre o contido da actividade".
No mesmo comunicado lembra que o goberno provincial, que sosteñen PSdeG e BNG, vénse " desmarcando, desde a súa chegada, de todos os actos que se aparten do recoñecemento ás persoas que loitaron pola democracia" en España e segue promovendo a recuperación da memoria histórica e os actos de homenaxe á loita antifranquista.
EN TERREOS DA IGREXA E "ZULOS TERRORISTAS"
Fontes da Hermandad de Caballeros de la Legión indicaron que a pesar das "patadas" que lles están dando, o evento segue adiante e celebrarase en terreos da Igrexa de San Breixo, cuxo párroco está previsto que ofreza unha misa o domingo 29. Ademais, segundo explicou, prestoulles os terreos para a actividade da simulación de manobras.
A Hermandad defende a legalidade do seu evento e a figura de Millán Astray, do que din que "non é franquista", e, de feito, fontes desta entidade indicaron que o saúdo que fai no cartel coa man alzada "non é franquista".
No programa de actividades, que se pode consultar na súa páxina de facebook, recóllense accións como sendeirismo, manobras, corredores de lume, unha misa, concerto a cargo da Banda de Música e do coro da Brilat e manobras "en procura de zulos terroristas".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.