Por Xurxo Salgado | Compostela | 11/04/2018 | Actualizada ás 22:20
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, indignábase este mércores no Parlamento galego depois de que o o voceiro de En Marea, Luís Villares, lembrara a xuntanza que o ex presidente Fernández Albor mantivera con “capos” en Portugal en 1984 ao tempo que denunciaba os "silencios cómplices" de Feijóo coas "cousas que pasan" no Partido Popular.
“Aínda que vivira vostede dúas vidas non lle chegaría a altura da dignidade ao presidente Albor”, contestoulle Feijóo nun ton encendido que amosaba enfado e desprecio ao mesmo tempo. “Eu xa estou acostumado a isto”, díxolle en relación a que o vinculen co narco Dorado, pero criticou que tamén se tente “manchar” o nome do ex presidente Albor.
A alusión a Albor de Villares non é baladí. Coincide no tempo con varias informacións que se fixeron eco desa xuntanza do ex presidente con contrabandistas e, sobre todo, coa súa aparición indirecta na serie Fariña, que tanto está dando que falar, e mesmo da que se di que se están “maquillando” certas escenas que aluden a relación entre políticos e narcotraficantes.
ALBOR E A SERIE FARIÑA
Precisamente, o capítulo 5 desta serie, que se emitiu a pasada semana, abordou esta relación –nalgúns ámbitos fluída-- que houbo entre traficantes e políticos galegos. O capítulo relataba unha reunión, en Portugal, de Manuel Charlín e outros contrabandistas co presidente da Xunta de entón que non era outro que Fernández Albor, aínda que no episodio non se deu o nome.
“Esta situación é tan comprometida para vostedes como para min”, di a personaxe que interpreta a Fernández Albor. “Esta é unha reunión do presidente da Xunta con empresarios galegos”, contéstalle a personaxe que fai de Oubiña. “Se estou aquí é porque vostedes son moi importantes para a nosa terra e para o noso partido”, dille o presidente ficticio da serie ao tempo que os convida a entregarse: “Volvan a Galicia, entréguense, colaboren e asegúrolles que non pisarán o cárcere”.
O propio Oubiña confirmaba nunha entrevista a Vanity Fair a relación entre o PP –entón Alianza Popular-- e as mafias do contrabando. “Xamais subornei nin a uns nin a outros. Pero a finais dos anos setenta axudei a financiar a Alianza Popular, do señor Fraga, e a UCD, do señor Suárez. E igual que eu, fixérono moitos empresarios máis que estabamos metidos no contrabando de tabaco”, dicía.
EPISODIO REAL
Este episodio ficciona un feito real que tivo lugar en Vilanova da Cerveira e do que xa deu conta o GC en 2013 recollendo informacións do Novas da Galiza. Gerardo Fernández Albor, acompañado por quince altos cargos do goberno autonómico mantiveron nesta localidade portuguesa un encontro con varios tabaqueiros refuxiados en Portugal logo de que o novo executivo do PSOE de Felipe González puxera prezo ás súas cabezas.
Os dous encontros celebráronse nos hoteis "Adegas" e "Monte Faro", próximos de Valença do Miño. Os contrabandistas solicitaronlle ao presidente galego que intercedesse por eles perante Madrid. Alén de Albor, Vioque e a longa lista de funcionarios autonómicos, tamén estiveron presentes por parte da Xunta o vicepresidente José Luis Barreiro e o seu segundo, Alejandro López Lamela. Algúns dos tabaqueiros que se encontráron con Albor foron José Manuel Ferrazo, Manuel Nieto e José Luis Vilela, experto en evadir divisas para a Suiza.
MARCIAL DORADO
Tamén estaba nesa xuntanza un moi novo Marcial Dorado, xa por eses anos un importante contrabandista de tabaco. Anos despois, e xa cando o relacionaban directamente co narcotráfico --así constaba nos sumarios da Operación Nécora--, tamén mantería un estreito contacto co actual presidente galego. Corría o ano 1994 e Feijóo era Secretario Xeral da Consellería de Sanidade da Xunta que entón dirixía José Manuel Romay Beccaría.
“Vostede pensa que se eu soubese do que ía ser acusado eu me deixaba facer fotos ou iría a comer con el?. Non tiña nada que ocultar, por tanto en ningún caso tiña información de se é verdade ou non. A verdade xudicial é que si...É evidente que en Galicia si se sabía e que había persoas que se dedicaron ao contrabando de tabaco. Iso si o sabía, non llo vou a ocultar, pero algunha relación ou algún asunto pendente da Xustiza, xamais tiven coñecemento de que o tivera”, respondíalle Feijóo a Jordi Évole durante a súa entrevista en Salvados.
ALBOR TAMÉN TIVO QUE EXPLICAR A XUNTANZA NO PARLAMENTO
O encontro entre capos galegos e políticos do PP tamén foi relatado por Manuel Rivas nunha cŕonica de El País en 1984. "El establecimiento A Boega fue anteriormente noticia como escenario de un encuentro "casual y muy breve", según la versión oficial, entre varios de los procesados huidos y el presidente de la Xunta, Gerardo Fernández Albor, que se encontraba en el local cenando con autoridades portuguesas. Este conato de entrevista, el 6 de julio, no fue protagonizado por el grupo de los llamados servandos, como se informó en algunos medios, sino por Marcial Dorado, José Luis Paz, Benigno Suárez y José Barreiro. Trataban de que Albor intercediera ante la justicia”.
Aquel encontro levou ao presidente Fernández Albor a dar explicacións ante o parlamento galego. Segundo a versión oficial, cuxas actas recuperou Eldiario.es, Albor decidiu quedar a durmir no hotel da localidade portuguesa Vila Nova de Cerveira sen saber que os contrabandistas estaban alí.
“Cando estaba a cear achegouse a miña secretaria e díxome que había uns señores que querían falar comigo. Díxome que supuña que eran persoas que estaban fuxidas. Dicían que querían falar comigo e que de alí non se movían ata conseguilo. Pareceume oportuno saír ao hall e preguntarlles que querían (?) Non me teño por que avergoñar por falar cuns señores que podían ser ou non delincuentes (?) eu falo con todo o mundo”, recolle o acta.
OUTRA VERSIÓN
Foi o deputado pontevedrés Benito García Dorgambide o que presentou unha iniciativa na Cámara para que Albor explicara ese encontro. Entón un portavoz da Xunta confirmaría que existira dito encontro, cualificado de "totalmente involuntario" e que tivo lugar o 6 de xullo dese ano na localidade de Vilanova dá Cerdeira. Segundo esta versión, o presidente da Xunta foi abordado por persoas das que descoñecía a súa identidade e que resultaron estar procesadas por contrabando. Albor visitaba o norte de Portugal, dicía, atendendo unha invitación.
O conselleiro de Ordenación do Territorio da época con Albor, Ángel Mario Carreño, que apareceu citado como presunto mediador nesa xuntanza negou que esta fora premeditada. “O que fixen foi dar traslado ao presidente dunha petición do dono do local, que indicou que uns hóspedes galegos querían saudalo", dicía entón.
“FINANCIAMENTO DO CONTRABANDO”
O xornal El País tamén publicaba en 1984 que este encontro provocara un encontronazo entre a Xunta e o gobernador civil de Pontevedra, que entón era socialista. Un desencontro que no que mediaron o entón vicepresidente, José Luís Barreiro –hoxe apartado da política-- co ministro do Interior, José Barrionuevo.
E todo isto porque o gobernador civil de Pontevedra remitra unha telegrama de felicitación ao deputado Anxel Guerreiro, 'Geluco', que no curso dun debate parlamentario preguntouse se a Xunta esperaba “a sacar do contrabando financiamento para as eleccións autonómicas".
Curiosamente, Feijóo destacaba o compartamento deste deputado con Albor na súa resposta a Villares. “Ata Geluco –Anxo Guerreiro, comunista e deputado de Esquerda de Galicia -- e Camilo Nogueira –líder de Unidade Galega e logo eurodeputado do BNG-- trataron con respecto ao ex presidente da Xunta”, díxolle. “E vostede ben aquí a mancillar o seu nome”.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.