Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 13/04/2018 | Actualizada ás 12:31
Xoán Hermida, ex-coordinador de Marea de Pontevedra, compareceu este xoves ante os medios logo de denunciar a suposta filtración do Goberno local de Pontevedra ao xornal coruñés La Voz de Galicia dun informe interno sobre a actuación dun policía denunciado por este político tras impoñerlle dúas multas. Supostas filtracións que coinciden coa ofensiva deste medio contra En Marea.
Hermida non dubidou en acusar o Goberno de Pontevedra de "actuar como un rexime totalitario utilizando informes internos de persoal para atacar á oposición política" e enviou tamén serias advertencias a La Voz.
Pero antes quixo sinalar que "non hai vida privada cando se ostenta un cargo de representación pública", por iso, xustificou que desde o primeiro momento fixo público na súa conta de Facebook a situación producida a raíz dunha multa de tráfico por "estacionar uns minutos para trasladar a un familiar con mobilidade reducida a unha residencia da zona vella de Pontevedra".
A partir de aí, dixo que "nun tempo onde a democracia cotiza á baixa", gústalle definirse como "demócrata" e que "entre os principios da democracia está respectar a posición política do adversario, o seu dereito a organizarse e a expresar os seus pareceres por medio de medios afíns".
"A independencia da prensa non esta, poís, reñida co seu alineamento político", recoñeceu. Con todo, advertiu que "o aliñamento político de forma combatente dalgúns medios non lle fai ningún favor ao país, pero tampouco aos propios medios nin aos seus profesionais".
Así, en resposta a La Voz de Galicia, recalcou que "non existe ningún atestado nin expediente" contra el. "O que hai é un recurso de reposición meu contra unha multa e a presentación dunha queixa contra a actitude do axente (con data 14/03/2018). É a raíz da miña queixa pola que se abre a apertura dun expediente informativo contra dito axente e é o marco de informe interno onde este axente, na súa lexítima defensa, dá unha versión dos feitos distorsionada que previamente non expresou en ningún trámite", explicou Hermida.
MENSAXE AO BNG E AOS XORNALISTAS
Nese sentido, remitiu aos medios ao xefe da Policía Local de Pontevedra, Daniel Macenlle, para confirmar este feito e sinalou ao departamento de persoal dependente do BNG como fonte do problema.
Ás preguntas dos xornalistas sobre a autoría da filtración, deixou claro que "corresponde ao goberno do Concello velar pola privacidade dos informes internos reclamados pola cidadanía e que elevará nos vindeiros días unha queixa ao Concello para que se aclare esta filtración, que non é a primeira coñecida contra membros da oposición".
Tamén comentou que se os xornalistas se tivesen dirixido a el ou directamente ao máximo responsable da Policía Local desmintirían as novas publicadas nalgúns medios. Nese sentido quixo compartir cos xornalistas presentes que "quizáis tamén os medios precisan un 15M".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.