O San Jordi xunta a escritores do espazo Galeusca para abordar a importancia das culturas e linguas minoritarias

Este ano o Mínor en Estudos Galegos da Universidade Autónoma de Barcelona convidou a Suso de Toro, que manterá unha conversa co escritor vasco Iban Zaldua.

Por Galicia Confidencial | Barcelona | 16/04/2018 | Actualizada ás 11:28

Comparte esta noticia

Os mínors en Estudos Galegos e Estudos Vascos da UAB, coa colaboración de Cultura en Vivo e a Facultade de Filosofía e Letras, organizan un ano máis unha conversa entre dous escritores da literatura galega e vasca, Suso de Toro e Iban Zaldua, ao redor da celebración de Sant Jordi, acto que tamén forma parte do festival Literaldia.

Cartel cos escritores Iban Zaldua e Suso de Toro que participan nos actos do San Jordi
Cartel cos escritores Iban Zaldua e Suso de Toro que participan nos actos do San Jordi

Este acto, con autores do espazo Galeusca, ten como obxectivo dar a coñecer a existencia dos estudos de galego e vasco na UAB como elemento fundamental da difusión das linguas e culturas minoritarias do estado. De feito, tanto de Toro como Zaldua son autores recoñecidos internacionalmente e os seus libros poden lerse traducidos a varias linguas.

“A conversa irá máis aló da literatura e as confluencias ou diverxencias entras as obras dos dous autores; tamén se falará da súa condición de creadores culturais nun mundo globalizado e mercantilizado (desde a perspectiva de sistemas culturais non hexemónicos), de como afrontaron a súa profesionalización e de cales son as estratexias para vivir da escritura nun contexto subalterno”, apuntan desde a organización nun comunicado.

O acto será moderado por Jordi Julià, profesor do Departamento de Filoloxía Española da UAB. Os Mínors e Mencións en Estudos Galegos e Estudos Vascos son uns itinerarios específicos da UAB que ofrecen unha visión actualizada das sociedades e culturas galega e vasca, con materias de lingua, literatura e cultura.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta