Foi un crime paixoal do narcotráfico galego o asasinato do avogado Díaz Moñux?

A avogada Tania Varela, detida por narcotráfico, declara que fuxiu da xustiza tras o asasinato deste avogado que era entón a súa parella. Díaz Moñux recibira ameazas do fillastro de Laureano Oubiña, con quen Varela tivera unha relación sentimental anterior. "A día de hoxe eu non sei nada daquilo. Aínda non dixiro eses feitos. Estiven en estado de shock", asegura

Por E.P. | Santiago de Compostela | 18/04/2018 | Actualizada ás 14:16

Comparte esta noticia

A avogada galega Tania Varela,  a principal fuxitiva española por narcotráfico capturada hai unhas semanas acudiu como testemuña a un xuízo este mércores. Un xuízo que ten moitas luces e sombras e ten que ver co asasinato do que entón era a súa parella, o avogado Díaz Muñox. Un letrado que fora ameazado por David Pérez Lago, o fillastro de Oubiña, logo de que Varela rompera a relación sentimental que tiña con el.

A narcotraficante Tania Varela
A narcotraficante Tania Varela | Fonte: Europa Press

Condenada por narcotráfico por un alixo de dúas toneladas de cocaína en 2011, a avogada declarou este mércores no xuízo polo asasinato da súa parella, o avogado Alfonso Díaz Moñux, que só viu dúas siluetas de homes após os disparos, e recoñeceu que fuxiu da Xustiza porque o falecido díxolle que marchara se a el lle pasaba algo ante as ameazas de morte que estaba a recibir.

A letrada compareceu de forma presencial en calidade de testemuña, sendo trasladada o martes a un cárcere madrileño desde o centro penal barcelonés no que cumpre condena por narcotráfico. O seu testemuño é clave para o xuízo xa que no momento do crime Tania acompañaba a Muñox no coche no que recibiu os tiros por parte de dous asasinos a soldo. Entón manifestou que parecían colombianos, afirmación da que hoxe se retractou.

Un dos axentes que levou as pescudas manifestou na súa declaración que o letrado falecido sempre sospeitou de que David Pérez Lago, fillastro de Laureano Oubiña que cumpre actualmente prisión, quería acabar coa súa vida. Moñux defendeu tanto a Varela como a Pérez Lago polo alixo de cocaína nun desembarco. En 2007, deixou de defender a este e iniciou unha relación coa agora detida, quen fora parella sentimental do primeiro.

No banco senta Miguel Ángel Durán, considerado como un dos executores do crime. Trátase do terceiro xuízo que se celebra pola morte do avogado. O primeiro anulouse por fallos nas conclusións do Xurado Popular, mentres que o segundo celebrouse con Durán en rebeldía. Todos os procesados foron condenados por asasinato.

Foto da avogada condenada por narcotráfico Tania Varela cando era buscada pola Interpol
Foto da avogada condenada por narcotráfico Tania Varela cando era buscada pola Interpol

"VIN DÚAS SILUETAS"

Na súa declaración, Varela manifestou que no momento dos disparos agachouse a coller unhas chaves, e que escoitou dúas ou tres golpes. "Reincorporeime e xa non me contestou. Só vin dúas siluetas de homes no paso de peóns", manifestou, insistindo en que entón non puido declarar que eran colombianos porque é algo que non sabía.

Ademais, relatou que a súa parella levaba asuntos delicados e tiña moitas frontes abertas. Tamén indicou que o letrado podía sospeitar das ameazas que recibía de David Pérez Lago do mesmo xeito que doutras persoas. Respecto de Lago, si recoñeceu que tiñan asuntos que lles enfrontaba que estaban á marxe dela.

"A día de hoxe eu non sei nada daquilo. Aínda non dixiro eses feitos. Estiven en estado de shock", subliñou ante as preguntas do fiscal, que fixo constar á Sala de que a súa declaración non é a mesma que efectuou cando se produciron os feitos. Parapetada en que os feitos lle provocaron un estado de shock, insistiu en que a súa declaración puido non axustarse á realidade pola influencia da situación que estaba a vivir.

Ao ser preguntada sobre se a súa fuxida ten que ver polo seu medo sobre este caso, afirmou que o diñeiro que aforrou foi para o irmán da súa parella. "O seu falecemento e o medo que tiña, levoume a esta situación horrorosa. Díxome que se me pasaba algo que marchara, igual que me dixo que el tentaría protexer a vida das súas fillas", contou.

AVOGADO MISTERIOSO

A letrada relatou ao tribunal que o pasado 6 de abril un avogado que non coñecía entrevistouse con ela no cárcere barcelonés na que cumpre prisión, afirmando que era o letrado de Durán. "Levaba un volante que puña que eu lle pedira e non era así. Díxome que o pai e o irmán de Durán foran condenados por isto e que eu dixera que as vixilancias as facían uns colombianos. Eu non coñecía a Durán nin a esta persona. Díxenlle que se fora" , indicou.

A avogada foi detida recentemente en Vilanova i a Geltrú, tiña pendentes tres ordes de detención por branqueo de capitais e tráfico de drogas. Fuxida antes de ingresar en prisión pola súa implicación nun alixo millonario de cocaína, a avogada formaba parte dos 52 fuxitivos máis buscados pola Europol.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta