Por Galicia Confidencial | Compostela | 26/04/2018 | Actualizada ás 22:25
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, non descartou que o megaproxecto mineiro que afectará aos concellos de Touro e O Pino se acabe realizando “se cumpre coa legalidade”. E iso, a pesar de que xa son 21 concellos, sete deles do PPdeG, os que aprobron mocións en contra da realización da reapertura da mina Cobre San Rafael.
“Nós imos cumprir a lexislación e se o proxecto non cumpre todos os requisitos da lexislación, ese proxecto non é viable. Pero se ese proxecto cumpre toda a lexislació sería unha irresponsabilidade de calquera administración pública denegar algo que é legal”, respondeu este xoves Feijóo ao ser preguntado ao respecto por Galicia Confidencial.
En todo caso, lembrou que todo dependerá dos criterios administrativos e se cumpre coas leis. “Pero como estamos nunha fase incipiente temos que ver aínda se cumpre ou non toda a lexislación como fixemos noutras explotacións mineiras que tiñan intención de establecerse en Galicia. Somos previsibles, temos adoptado decisións con anterioridade sobre outros intereses mineiros”, dixo en alusión á anulación dos dereitos mineiros do proxecto de Corcoesto.
"ESTAMOS SOMETIDOS AO ESTADO DE DEREITO"
Con todo, a nova Lei de fomento da implantación de iniciativas empresariais en Galicia aprobada recentemente axiliza, precisamente, a tramitación para este tipo de empresas, tal e como está acontecendo cos parques eólicos, e simplifica os informes ambientais e patrimoniais. “Galicia é un lugar onde se cumpren as leis, comezando pola Xunta, que está sometida ao estado do dereito e os concellos que teñen que cumprir as leis que os afectan e, por suposto, as empresas”, concluíu Feijóo ao respecto.
Este mércores o Concello de Ribeira, do PPdeG, sumouse a outros 20 concellos que xa aprobron mocións contra o mega proxecto mineiro en Touro e O Pino polo temor as posibles consecuencias que un desastre ambiental podería ter en toda a comarca da Arousa e de Santiago.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.