Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/05/2018 | Actualizada ás 14:00
A Real Academia Galega (RAG) conmemora o 17 de maio o Día das Letras Galegas, dedicado este ano á escritora María Victoria Moreno, unha "activista" da lingua galega "nos seus libros e na súa vida", en palabras da académica Marilar Aleixandre, unha das autoras da biografía da homenaxeada que publica a institución na súa web.
"Unha muller comprometida coa docencia, co galego e coa cultura de Galicia", engade, á súa vez, o presidente da Real Academia Galega (RAG), Víctor Fernández Freixanes en declaracións a Europa Press. De María Victoria Moreno, as autoras da biografía que recolle a RAG -Marilar Aleixandre e Fina Casalderrey- destacan sobre todo que é unha "escritora galega", a pesar de que algúns textos falen dela como "estremeña" xa que parte da súa infancia viviuna en Estremadura.
Con 12 anos e xa vivindo en Barcelona, descubriu a literatura con obras como 'O Quixote' e 'O Principiño', pero non foi até 1963 cando tivo o primeiro contacto con Galicia cando o seu marido foi contratado nun colexio de Pontevedra. Nesta localidade viviu María Victoria Moreno máis de 40 anos, até a súa morte en 2005, aínda que deu clase dous anos en Lugo e catro en Vilalonga, parroquia do municipio de Sanxenxo (Pontevedra).
AMIZADE CON ALONSO MONTERO
A súa estreita amizade co que foi presidente da RAG, Xesús Alonso Montero, -ao que coñeceu no Instituto Masculino de Lugo- foi o xerme do seu interese polo galego e pola literatura galega, como lembran as súas biógrafas e subliñou, en declaracións a Europa Press, Marilar Aleixandre.
Xa en 1967, ao regresar a Pontevedra, impartiu literatura castelá no entón Instituto Feminino -agora Vale Inclán- tendo, entre as súas alumnas a actuais académicas da RAG como Rosario Álvarez Blanco. E é que María Victoria Moreno dedicaba parte das súas clases dos venres de literatura española a ensinar literatura galega.
Así o lembra tambien Marilar Aleixandre quen recalca o labor que fixo a este respecto, nunha década, a do setenta, "cando o galego non estaba presente na escola e non se ensinaba en galego nin o galego". Tamén apunta que María Victoria Moreno era unha das persoas que daba clases de galego, "o que levou a que no ano 1974 lle retiraran o pasaporte", relata a académica da RAG.
Un ano antes, en 1973, Ediciós do Castro publica o seu primeiro libro en lingua galega, 'Mar adiante', que sería reeditado en 2009, e que na súa primeira edición incluía ilustracións da autora. Este libro a convertería, ademais, nunha das pioneiras da literatura infantil galega.
"PAIXÓN" POLA DOCENCIA
Marilar Aleixandre subliña que este libro, a historia dunha mestra que dá clases nun barco, reflicte a importancia que para a homenaxeada deste ano tiña a docencia. "A súa paixón era ensinar", recalca.
Tamén destaca esta faceta o presidente da RAG, quen define a María Victoria Moreno como unha "profesora activa, moi comprometida coa formación". A iso, suma o seu labor como escritora e editora. "Era consciente de que había que alimentar de textos á xente nova e dotar ao país de ferramentas de traballo na escola", apunta.
Freixanes asegura que o feito de que se lle dedique o Día das Letras Galegas serve tamén para pór en valor a ese "exército de profesores que seguen traballando na escola en defensa do galego". Pola súa banda, Marilar Aleixandre, destaca dela, como o presidente da RAG, o seu "compromiso" coa lingua e a literatura galega.
Xunto ao seu labor como docente, apunta a outras facetas como "editora, tradutora e libreira", en alusión á libraría que abriu en Pontevedra ou a dirección da colección de literatura infantil 'Árbore', da Editorial Galaxia, que asumiu durante dez anos.
Pero, ambos inciden, sobre todo, na súa contribución á literatura infantil e xuvenil."Tivo un papel importante e séguenos dicindo cousas aínda hoxe", afirma Marilar Aleixandre sobre o legado que, ao seu xuízo, deixaron algúns dos seus libros.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.