Por Galicia Confidencial | Compostela | 03/05/2018 | Actualizada ás 09:00
Os sindicatos CIG e UXT decidiron levar ao conselleiro de Facenda aos xulgados. Acusan á Xunta incumpre o Acordo cos Axentes Forestais e Medioambientais que na actualidade están nunha situación precaria. “Acumúlanse os compromisos de melloras con este persoal e os incumprimentos de Acordos asinados coa representación do persoal”, denuncian.
Por iso, insisiten na redacción dun regulamento de funcións da escala de Axentes Medioambientais que levan sen el dende a súa creación no ano 2000. Un regulamento, din, ao que se comprometeu este conselleiro e a de Medio Rural no acordo asinado o 15 de setembro de 2016.
Os distintos sindicatos din que lle fixeron chegar á Xunta varias propostas e iniciativas nos últimos 10 anos, co fin de regular a escala e definir cuestións como estrutura, organización, funcións específicas, segunda actividade, xubilación anticipada, dereitos e deberes, estrutura horaria. “Pero a dirección xeral de función pública e as direccións das consellerías competentes (medio rural e medio ambiente) fixeron oídos xordos dos compromisos acordados”, engaden nun comunicado conxunto.
Tras varios intentos por chegar a un acordo, e a negativa da Xunta, os sindicatos decidiron denunciar ao conselleiro na sala do contencioso administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG). “Queda patente o desleixo e incapacidade da Xunta de Galicia que minte descaradamente e asina acordos que non cumpre”, conclúen.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.