Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 06/05/2018 | Actualizada ás 17:57
O portavoz de En Marea, Luís Villares, indicou que non é partidario de abandonar o modelo de partido instrumental e apostar por un formato de coalición das forzas rupturistas como xa defende de forma pública a súa compañeira no Pazo do Hórreo e secretaria xeral de Podemos Galicia, Carmen Santos.
"A coalición constrúe un discurso de nós e vós", asegurou Villares este domingo nunha entrevista na Radio Galega, para logo defender que o modelo de partido instrumental de adscrición individual "está a funcionar ben" e que apostar por unha coalición "non permitiría" que xente como el, sen afiliación partidaria, puidese "participar en política".
Deste xeito, Villares contrapón a súa visión á de Carmen Santos, que chegou a dar por fracasado o modelo de partido instrumental incidindo en que "non funcionou". "En Marea funcionará se a cidadanía o segue apoiando", remarcou o maxistrado en excedencia.
Así mesmo, aseverou que Podemos "forma parte de maneira inescindible e imprescindible" de En Marea e que é preciso que as forzas que conforman o universo rupturista se centren "no 70 por cento de puntos que comparten" e non poñan o foco nas súas "diferenzas". "Eu vexo a todas as correntes traballando na mesma dirección. Outra cousa é que algunha persona das direccións puntualmente estea a pensar noutras festas. Pero creo que todo o mundo está a remar na mesma dirección", remarcou.
CASO QUINTEIRO
En Marea atravesa unha convulsa situación interna desde mediados do mes de marzo, cando transcendeu que unha das súas deputadas, Paula Quinteiro, viuse envolta nun altercado coa policía de Santiago no que chegou a identificarse co seu carné de parlamentaria. Agora, a continuidade de Quinteiro será sometida a unha votación entre os inscritos de En Marea que, en todo caso, non será vinculante. O resultado do plebiscito interno, segundo avanzou este domingo Villares, coñecerase antes do final do presente mes de maio.
O portavoz parlamentario e orgánico da formación --que se mostrou publicamente a favor de que Quinteiro abandone o Pazo do Hórreo-- cre que tanto a deputada --membro da corrente Anticapitalistas de Podemos-- como o resto do espazo político acatarán o veredicto das bases.
"Sexa cal for a decisión, todo o mundo obrará en consecuencia", apuntou, para logo defender que se trata dun asunto "de especial relevancia política" e que, por tanto, son os inscritos os que teñen a "lexitimidade" para resolver a "discrepancia" que existe entre os espazos orgánicos e de representación, que manteñen posturas enfrontadas sobre o futuro de Quinteiro.
JULIA TORREGROSA
Na situación interna de En Marea, ao caso de Quinteiro sumouse días máis tarde a dimisión do deputado Juan Merlo logo de descubrirse que mentira no seu currículo. O seu posto debía ser ocupado por Xoán Hermida que, con todo, renunciara a esa hipotética acta un día antes de saltar a noticia sobre Merlo. Fíxoo despois de coñecerse que tamén protagonizara un incidente coas forzas da orde e para, nas súas propias palabras, "elevar o listón ético" de En Marea e marcar o camiño a Quinteiro.
No entanto, Hermida non presentou a súa renuncia formal até a pasada semana. A acta recae agora en Julia Torregrosa, de Podemos Galicia, que fará entrada no Parlamento de Galicia de forma oficial este luns, previsiblemente.
Con todo, Julia Torregrosa tamén está envolta nun problema persoal, xa que un coche ao seu nome que non tiña o seguro en regra sufriu un accidente con feridos a comezos deste ano no municipio pontevedrés de Poio.
Cuestionado sobre iso, Villares asegurou que descoñece os detalles deste asunto e que, se ben recoñeceu que xa mantivo contacto con ela, fíxoo unicamente para abordar cuestións "administrativas". "Non temos máis información. Aínda non aceptou a acta, é probable que o faga o luns e que recibamos información directa sobre esta situación", sinalou o portavoz de En Marea na Cámara galega.
FOLGA XERAL DA CIG
Villares tamén se referiu á actualidade política de Galicia nunha semana na que a que a CIG anunciou a convocatoria dunha folga xeral galega para o próximo 19 de xuño que non conta co respaldo dos outros dous sindicatos maioritarios, CC.OO. e UGT.
O portavoz de En Marea evitou pronunciarse abertamente sobre se apoia ou non a convocatoria, aínda que exhortou á central nacionalista a conseguir que a convocatoria sexa "transversal", o que ao seu entender garantirá que a folga sexa "un éxito". "Se a CIG é capaz de conseguir esa transversalidade a convocatoria será exitosa e por tanto as forzas políticas o único que teremos que facer é acompañar ese proceso de mobilización", engadiu.
En canto á folga de xustiza, que cumprirá este luns o seu terceiro mes, o maxistrado en excedencia censurou a "irresponsabilidade" do vicepresidente galego, Alfonso Rueda, que supuxo o motivo de que este conflito se convertese "na folga máis longa nos corpos da administración da historia da democracia en Galicia".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.