O Diario Cultural e a ollada feminista

Marilar Aleixandre, escritora, tradutora, bióloga e académica de número da Real Academia Galega analiza neste artigo o que realmente supón para a cultura e a programación da Radio Galega a supresión do Diario Cultural.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 10/05/2018 | Actualizada ás 21:33

Comparte esta noticia

A supresión do Diario Cultural é unha grande coitelada, por moitas razóns. A súa ausencia vai contribuír a invisibilizar a cultura galega, mais aquí reflexiono sobre outra dimensión da perda: co Diario Cultural desaparecerá un dos poucos espazos desde o que se leva a cabo, ao longo destes case trinta anos, unha educación no proceso de interpretar o mundo a través das lentes violetas.

Marilar Aleixandre /  IES MANUEL GARCÍA BARROS A ESTRADA Wikimedia Marilar Aleixandre /  IES MANUEL GARCÍA BARROS A ESTRADA Wikimedia
Marilar Aleixandre / IES MANUEL GARCÍA BARROS A ESTRADA Wikimedia Marilar Aleixandre / IES MANUEL GARCÍA BARROS A ESTRADA Wikimedia

O feminismo abrangue tanto teorías como movementos cara a acadar a plena igualdade de mulleres e homes, acabando coa exclusión das mulleres debida ao patriarcado. Pois se non existe igualdade, se hai discriminación, non é por unha catástrofe meteorolóxica nin por destinos inscritos nas estrelas. Ás veces, oíndo a gobernantes ou columnistas parecería que non hai ninguén responsable da desigualdade, nin quen se beneficie dela. A responsabilidade é do patriarcado, un sistema organizado de exclusión das mulleres, tanto por medio de leis e normas explícitas –un exemplo recente é o código penal– como por unha ideoloxía da desigualdade explícita ou implícita, que considera as mulleres personaxes secundarias, elementos dunha paisaxe na que o protagonismo está reservado aos homes. Así, dicir que o sufraxio “universal” en España data de 1869 toma por universais os dereitos dos varóns, ignorando o feito de que as mulleres non puideron votar até 1931.

Nestes últimos meses coas mobilizacións do 8M, as que seguiron á infame sentencia da Manada, e os movementos #MeToo ou #cóntao, o feminismo está situándose no centro do pensamento e o discurso social. Hai consenso na necesidade de mudanzas nas leis e un clamor esixindo cambios nas representacións sociais, nas ideoloxías que levan a varóns adolescentes a pensar que poden prohibir facer tal ou cal cousa ás mozas, que poden ter relacións sexuais con elas pola forza, a un home a asasinar a súa compañeira por querer se separar del. Adoita mirarse nestes casos á educación, como se introducir unha materia sobre a igualdade fose solucionar o problema da violencia machista. Axudaría, certo, mais os sermóns e as pauliñas nunca foron efectivos.

Nas mudanzas sociais, que levan tempo, son máis eficaces as accións, os procesos. A igualdade, como as linguas, apréndese por inmersión. Na casa a rapazada aprende ou ben que os homes participan nos coidados e tarefas domésticas ou, con máis frecuencia, o contrario. Talvez unha das influencias en ser eu feminista desde a adolescencia fose que meu pai –neurocirurxano de profesión e bo cociñeiro – preparaba as ceas as fins de semana. As accións deben ser transversais, impregnar todos os espazos sociais, familia, escola, medios, política. 

Ana Romaní e os seus colaboradores, como Xiana Arias, levan ao Diario Cultural a ollada feminista, non por medio de pauliñas ou discursos, senón pola súa actuación. Así, tanto por prestar a mesma atención ás músicas, escritoras, actrices, xornalistas ou cineastas mulleres que aos homes, como polas súas preguntas nas entrevistas, esculcando nas cuestións de xénero. Unha ollada que trae á luz os trazos máis luminosos das actividades das mulleres, pois como di a teórica feminista Rosi Braidotti, cómpre pensar nas diferenzas de modo positivo, reclamar como propia a felicidade. É este espazo de luz e procura da felicidade o que agora queren arrebatarnos.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta