Por Galicia Confidencial | Compostela | 11/12/2024 | Actualizada ás 21:00
A Prensa, medio de comunicación por excelencia de Galicia, segue perdendo poder ano tras ano. Rexistra unha penetración de tan só o 26,2% do total de consumo de medios, cun descenso de 4,2 puntos nun ano. E, os xornais que máis sofren esta caída son La Voz de Galicia e Faro de Vigo.
La Voz de Galicia (367.000 lectores) segue liderando o ranking de lectores, aínda que perde lectores (-29.000). Faro de Vigo, que se sitúa en segunda posición, baixa tamén 22.000 lectores, até situarse nos 150.000, mentres que o terceiro posto é para a deportivo Marca, con 89.000 lectores despois de perder 5.000. Son cifras recollidas no informe rexional baseado nos datos da 3ª onda do Estudo Xeral de Medios (EGM) 2024.
El PAÍS, O MEDIO ESTATAL MÁIS LIDO EN GALICIA
El Progreso (76.000) sitúase a continuación cun incremento de 2.000 lectores, seguido por La Región (54.000) que perde 9.000 individuos con respecto ao ano pasado. El País, mantense como diario xeneralista de ámbito estatal máis lido, cunha audiencia de 52.000 lectores (5.000 máis que no mesmo acumulado de 2023), mentres que El Correo Gallego perde 9.000 lectores e pasa de 34.000 a 25.000. No décimo posto entra Nós Diario cun incremento importante de lectores.
Se a prensa tradicional non tira, si o fai a Televisión (79,2%), publicidade exterior (77,9%) e Internet (75,7%), que continúan sendo os medios líderes en Galicia, a pesar de que tamén os tres perden audiencia. Destaca o incremento do consumo de todos os medios dixitais, en especial o da Televisión Online (+3,4%), que se sitúa no 4º posto. O Audio Online, principalmente os podcast, aumenta tamén a súa audiencia, faino nun 8,2% respecto ao mesmo acumulado do ano pasado.
RADIO
Os oíntes da Radio mantéñense practicamente igual con respecto ao acumulado do 2023 (experimenta un lixeiro descenso de 0,18 puntos). A SER, continúa como a emisora líder en Galicia. Pola súa banda, Onda Cero gaña peso en Galicia, aumentando a súa audiencia en +55.000 oíntes, adiantando a Radio Galega no ranking.
AUMENTA A ASISTENCIA AO CINEMA
Aínda que a súa audiencia segue sendo moi baixa respecto ao resto de medios, o Cinema despunta neste informe por ser o medio que máis crece en Galicia no último ano, con máis de 114.000 espectadores, supera nun 37% aos de 2023.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.