Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 13/05/2018 | Actualizada ás 18:45
O presidente de Banesco e Abanca, Juan Carlos Escotet, publicou unha mensaxe na súa conta de Twitter para expresar o seu apoio ás directivas de Banesco detidas polo Goberno venezolano, así como ás "esposas e nais" dos responsables da entidade financeira latinoamericana que permanecen en prisión após a intervención do banco por orde do Goberno de Nicolás Maduro.
Escotet, que abandonou de forma momentánea a presidencia de Abanca após a intervención de Banesco, aproveitou que este domingo 13 de maio se celebra o Día da Nai en Venezuela para romper o seu silencio tras case dez días sen publicar mensaxes na súa conta de Twitter.
"En Banesco vivimos o Día da Nai, baixo a sombra das nosas compañeiras inxustamente detidas. Hoxe os nosos pensamentos están dirixidos de forma especial, a cada unha delas, a quen se negou o dereito de estar nos seus fogares", reza o chío do presidente de Banesco.
Deste xeito, o banqueiro nomea a Belinda Beatriz Omaña Pallares, Carmen Teresa Lorenzo Lander, Luz Lis Carolina Sánchez de Rojas e Teresa María dei Prisco Pascale; "compañeiras inxustamente detidas" e ás que Escotet manda "ánimos" e "forza".
Nunha serie de cinco mensaxes publicadas este domingo na súa conta da citada rede social, Escotet tamén lembra "as esposas e nais" dos mandatarios da entidade financeira arrestados por orde do fiscal xeral designado pola Asemblea Constituínte de Venezuela, Tarek William Saab.
Banesco, o maior banco privado de Venezuela, foi intervido o pasado 3 de maio polas autoridades da República Bolivariana por un período de 90 días logo da detención de once executivos do banco ante a presunta contribución da entidade ás distorsións do sistema económico venezolano, segundo indicou o Goberno de Nicolás Maduro, que designou unha xunta administradora dirixida pola viceministra de Finanzas, Yomana Koteich.
"Ás nais, as esposas, os fillos e familiares de cada un das nosas compañeiras e compañeiros detidos, dígolles hoxe, Día da Nai: posto que son inocentes, a xustiza imporase. A realidade dos feitos devolveraos aos seus fogares", sinala outra das mensaxes de Juan Carlos Escotet.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.