Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 14/05/2018 | Actualizada ás 16:28
Versos de Rosalía de Castro, Seamus Heaney e Luz Pozo Garza inauguraron este luns o 'Xardín das pedras que falan', un proxecto impulsado polo escritor Suso de Toro que se materializou co Concello de Santiago e a Universidade compostelá no xardín de Fonseca.
O acto inaugural deste proxecto, que comezou con tres pedras con gravados, estivo presidido polo alcalde Martiño Noriega, e o reitor en funcións, Juan Viaño. Tamén estiveron o presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira e a viúva de Seamus Heaney. A propia Luz Pozo Garza asistiu en persoa e xunto cos demais convidados, encargáronse de descubrir as primeiras pedras ante o autor do proxecto nun acto no que tamén estivo a concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra.
Nas súas palabras, o rexedor compostelán agradeceu a Suso de Toro que pensase na capital galega para "materializar esta idea que leva anos imaxinando e que foi posible porque dúas institucións son capaces de traballar da man en favor da cidade". O 'Xardín das pedras que falan' é un proxecto que "pon en valor a Compostela Literaria" que, dixo o alcalde, veñen "reivindicando" no concello. Pola súa banda, o reitor en funcións lembrou as orixes do xardín de Fonseca, como " xardín botánico que acollía especies que curaban o corpo" e que agora se converterá en "unha homenaxe ao feito literario". "Non podería haber mellor localización", destacou.
PRIMEIRAS PEDRAS
Rosalía de Castro foi a autora elixida para a primeira pedra. Respecto diso, o presidente da fundación que leva o seu nome descubriu a peza, que reza: "Dende aquí vexo un camiño / que non sei onde vai / polo mesmo que n'ou sei / quixera ou poder andar".
A segunda está asinada por Seamus Heaney, poeta irlandés amigo persoal de Suso de Toro e co que falaran deste proxecto. A súa viúva, Marie Heaney foi a encargada de descubrir a súa pedra, para ler os versos: "The dotted line my father's ashplant made / On Sandymount Strand / Is something else tide won't wash away". Finalmente, Luz Pozo Garza destapou a terceira das pedras do xardín, no que estaban inscritos os seus versos: "Son pedra faladoira. / Deixo palabras na tribo. / Luz, Amor. / Vida. Morte.".
ANTONIO GAMONEDA
O 'Xardín das pedras que falan' estará formado por versos ou liñas inéditas de autores, aos que se lles pedirá que se comprometan a non publicar esas palabras, polo menos, en vida.
Os textos estarán gravados en pedras de granito e formarán unha gran espiral no xardín, partindo dunha peza inicial con versos de Rosalía até instalar 40 pedras en total. Está previsto que a cuarta sexa colocada o 4 de xuño por Antonio Gamoneda, que estará en Santiago para participar na Semana do Libro de Compostela (Selic).
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.