Por Moncho Mariño | Santiago | 16/05/2018 | Actualizada ás 22:00
O informe “Lingua e sociedade en Galicia. A evolución sociolingüística 1992-203” apuntaba a un retroceso acelerado no uso do galego entre as novas xeracións. O idioma está en perigo?
Non en perigo non, pero non está nunha situación optimista. Eu son galegofalante desde a infancia, porque aprendín a lingua na infancia entre a familia e a comunidade. Na escola non, non estaba permitido pero si cos meus compañeiros. Logo no seminario de Mondoñedo había certa tolerancia. Pero cando saín de Galicia e fun para a universidade de Comillas, pasou o que a moitos emigrantes ou que saíron fóra de Galicia, darte conta do que é. Descubrín a importancia e o valor da lingua que eu posuía e da importancia que tiña. A lingua que eu tiña considerado importante era o castelán porque nela viñan redactados todos os documentos importantes, era a lingua do cura e dos xuíces. Con todo, o galego saíu adiante con dúas axudas, a gran capacidade da comunidade rural de falar galego por riba de autoridades que lles falaban en castelán, eu diría que este é un resultado case milagroso. E logo o momento decisivo que foi cando se introduciu a escolarización masiva, coa EXB e coas políticas de finais do franquismo e comezos da democracia, coincidiu coa creación do sistema autonómico, que adoptaron o galego como lingua institucional. Isto permitiu que sectores moi importantes da poboación que estaban abandonando o mundo rural no que se falaba galego, se incorporasen a lingua mediante este sistema educativo. E tamén os medios públicos como a televisión e a radio. De todo iso pasaron máis de 30 anos, agora estamos nunha situación que moitos consideran pesimista. Eu digo que os máis pesimistas son os que están obrigados á defensa da lingua galega. Non quero xulgar esta actitude, só constatala.
"Os máis pesimistas son os que están obrigados á defensa da lingua"
Pero a día de hoxe, e remítome outra vez ao informe, a situación non é precisamente optimista.
Agora dáse una situación que eu diría estrana. A poboación coñece a lingua, estudouna na escola, no instituto, universidade e mesmo tivo acceso ao galego como lingua vehicular. Pero en cambio, na sociabilidade e na vida cotiá, especialmente a xente nova que coñece estudou galego non o usa diariamente. Por tanto aquí hai un problema que é posible que se nos vaia da man. Porque é un problema de translación do galego entre as xeracións que o coñecemos ás xeracións que só o coñecen de estudalo. E como superar isto? Pois penso que é un problema sociolóxico e político importante. Pero entendo que a política pode facer dabondo pero non todo, por tanto de aí que sexa tamén un problema sociolóxico, porque a sociedade non estima importante manter a lingua.
E motivo de que a cousa non cambie logo de máis de trinta anos, cal sería?
Hai varios motivos. Un deles é que a lingua se converteu nun tema de combate político. Poñamos un exemplo de Cataluña agora, onde está habendo unhas confrontacións moi serias. Se vemos os debates mesmo na televisión, onde hai diferentes posturas políticas, entre todos eles e elas falan en catalán. En Galicia oficialmente non é así, pero a permeabilidade da lingua é moito máis baixa. Pero aquí a postura sería “ ninguén nolo esixe”. Temos un problema, que o galego debera ser unha pasarela cara o portugués. Sería unha pasarela moi importante. temos a experiencia de moitos rapaces, se van buscando un traballo en Portugal ou Brasil, ser de orixe galega ou saber galego, é un valor positivo é un valor de mercado. Por tanto aquí estamos desaproveitando algo
"Como superar isto? Pois penso que é un problema sociolóxico e político"
Cre que hai unha intencionalidade política detrás de todo isto?
O problema co portugués non é só un tema de normativa, que tamén existe, senón que hai un problema político doutro estilo. Digamos que hai unha confrontación de diversos idearios nacionalistas, o portugués, o español e o galego, por tanto si hai un problema político, pero tamén é un problema social. Despois de varios anos no Consello da Cultura Galega, veño observando que á lingua se lle esixe demasiados valores emotivos que a sociedade non admite como tal. Ten que ser un signo de identidade, ten que ser un signo político, pertencer a unha comunidade determinada, estiramos tanto a lingua que non dá máis de si. É dicir, temos que ter outros elementos de identidade que non sexan só lingua. A lingua tamén evidentemente, pero debe haber outras cousas que nos aten. Outros compoñentes de identidade que nos permitan ir polo mundo con dignidade. É tan malo negar a lingua como facela exclusiva. Se a negas estaste negando a ti mesmo, se a fas exclusiva estaste inviabilizando. Entón o obxectivo sería buscar un lugar para o galego entre as linguas que a sociedade pode admitir.
Estarían ben pensados modelos de inmersión lingüística como por exemplo o chamado Modelo Burela?
A aprendizaxe de linguas sempre é por inmersión, se non estás no medio é difícil poder aprender unha lingua. O Modelo Burela non sei se é extrapolable a Galicia, porque nace unha situación moi específica, existe una importante colonia caboverdiana. É un aproveitamento da bagaxe dos caboverdianos e a súa incorporación a sociedade en Burela. Eu mesmo vin como en lugares públicos os caboverdianos falaban galego, nin crioulo nin sequera portugués. Entón, extrapolar isto a toda Galicia podería ser, pero non vexo as forzas nin políticas nin institucionais que puidesen facer iso. Pero insisto, o caso de burela é moi específico, é moi notable pero véxoo moi difícil de trasladar.
"É tan malo negar a lingua como facela exclusiva"
Coñecín unha anécdota contada polo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes a que unha alumna lle dixo “por que non lle dan vacacións a Rosalía e a Castelao e nos escoitan a nós?”. Como interpretaría esta frase?
Se o dixo unha alumna, véxoo como que a xente nova está petando na porta e dicindo “ nós temos que dicir algo”. Nese sentido eu véxoo moi positivo, porque por moito que haxa Rosalía ou Castelao, naturalmente cada momento histórico teno que protagonizar quen vive dentro del. Agora ben, para normalizar a cultura galega Castelao non sobra. É un patrimonio que temos que coidar pero non adorar. Eu sempre digo que en Galicia hai máis pulsión relixiosa da que se ve.
Como pobo pequeno poderiamos acabar diluídos nun marco máis amplo?
Non sei o que ocorrera no futuro, pero o pobo galego ten unha identidade cultural e sociolóxica moi forte. Pero ten dificultades en transformar todo iso nunha proposta política. A curto prazo non creo que pase, pero o pobo galego, se tal cousa existe porque somos unha suma de moitas individualidades, pero creo que non está na axenda política que desapareza, nin moito menos. Pero seríamos capaces de sobrevivir como pobo sen a nosa lingua? Teriamos que imaxinalo. O máis importante dun pobo é a súa vontade, a súa capacidade de ter un proxecto de futuro. Sen proxecto de futuro non hai nin lingua nin relixión nin cultura que nos salve.
"O máis importante para un pobo é a súa vontade"
Considera que as autoridades políticas galegas teñen peso que deberan para promocionar e defender a lingua e cultura propias?
As institucións políticas autonómicas, locais provinciais, teñen a súa presenza. As autoridades locais son as que máis gastan cultura. Este é un asunto que é medido por os procedementos que ten a sociedade, que son as eleccións. E resulta que un desleixo e unha falta de atención á cultura, depende do punto de vista desde onde se mire. Premian máis unhas axudas discrecionais que outras transversais. O que boto de menos na política galega é o método co que se atende á cultura. Entendo que pode revisarse e teremos que ensaiar novos métodos. Que non estea dividida en tantas microinstitucións ou na maneira de conceder axudas. Debería haber algúns controis máis obxectivables. Isto existe por que os poderes políticos o permiten porque os actores culturais están de acordo? A miña impresión e a miña experiencia despois de 12 anos nesta institución, describireina cunhas palabras de Emilia Pardo Bazán: “Me temo que los caciqueados se parecen demasiado a los caciques”. Isto díxoo en 1907, e para min segue vixente. Debemos ter máis valores cívicos, máis valores digamos republicanos, máis capacidade de control sobre o diñeiro público, para poder esixir. Entón aquí me parece que hai unha especie de retroalimentación que debería cortarse. Pero eu recoñezo que non é fácil.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.