Temas: MIGUELIANOS

A acusación particular pide para o líder dos 'Miguelianos' 85 anos de cárcere por 28 delitos

Tamén pide para a súa esposa 4 anos de prisión e para cada un dos seus fillos 3 anos de cárcere por delitos de branqueo de capitais.

Por E.P. | VIGO | 18/05/2018 | Actualizada ás 17:00

Comparte esta noticia

A acusación particular na causa coñecida como dos 'Miguelianos' solicita un total de 85 anos de prisión para o líder da Orden y Mandato de San Miguel Arcángel, Miguel Rosendo, ao que considera autor de 28 delitos, incluídos delitos de agresión sexual, coaccións, lesións psíquicas, contra a integridade moral, estafa ou apropiación indebida e branqueo de capitais.

Consagrados dos Miguelianos ofrecen unha rolda de prensa
Consagrados dos Miguelianos ofrecen unha rolda de prensa

Con iso, a acusación particular atribúe a Miguel Rosendo máis delitos que a Fiscalía e tamén pide que sexa condenado a máis anos de prisión. Así o confirmou a avogada da acusación particular, Ana Reguera, que indicou que para acusalo destes delitos baséase na investigación policial, ademais de en documentación, testificais e periciais.

Neste sentido, incidiu en que non se basea unicamente en testificais, senón tamén noutras probas, e agregou que, en todo caso, as declaracións das testemuñas sobre o que viviron "teñen moito peso" e ademais "son coincidentes sobre a actividade delituosa".

Así as cousas, acusa a Miguel Rosendo de nove delitos de coaccións por persuasión coercitiva, nove de lesións psíquicas, cinco delitos continuados contra a integridade moral, un contra os dereitos dos traballadores, dous delitos continuados de agresión sexual, un de estafa continuado ou no seu caso apropiación indebida continuado e un de branqueo de capitais.

Ademais, á esposa e aos dous fillos do líder acúsaos de senllos delitos de branqueo de capitais, e, tendo en conta as cantidades que supostamente puideron incorporar aos seus respectivos patrimonios, pide que a muller sexa condenada a catro anos de prisión e cada un dos seus fillos a tres anos de cárcere.

A avogada tamén informou de que, ademais de continuar coa acusación particular, solicitou presentarse na causa como acusación popular, para poder seguir o caso respecto de delitos públicos, como o delito contra a Facenda Pública. Este paso aínda non está resolto, xa que falta que o xulgado decida se admite a súa personación.

PETICIÓN DE FISCALÍA

A Fiscalía presentou hai días o seu escrito de cualificación, polo que pide para o líder da Orden y Mandato de San Miguel Arcángel unha pena total de 66 anos de prisión por 21 delitos. En concreto, por un delito de asociación ilícita, 12 contra a integridade moral, cinco de coaccións, e delitos contra a liberdade sexual —un de agresión sexual continuado e dúas de abuso sexual continuado—.

Así mesmo, reclama que Rosendo pague unha multa de 10.800 euros e que indemnice, con responsabilidade subsidiaria do Bispado de Tui-Vigo, ás vítimas do delito contra a integridade moral en 3.000 euros a cada unha; e a cada unha das tres vítimas de delitos sexuais en 24.000 euros.

O fiscal non segue a causa contra os familiares de Rosendo, pero si entende que para estes actos contou coa colaboración de Ivana Lima, superiora das consagradas; Esteban R.M., pai xeral dos consagrados; Iria Quiñones e José Carlos A.M., denominados 'madre' e 'padre de la buena huella', respectivamente; Belén E.F., vogal da xunta directiva; e Dolores E.L., fiscal da orde.

Por este motivo, pide que cada un deles sexa condenado a dous anos de prisión por asociación ilícita, aínda que interesa liberdade vixiada para Esteban R.M. e Dolores E.L., nos que ve constatado que tamén foron vítimas das prácticas exercidas por Miguel Rosendo.

Temas: MIGUELIANOS
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta