Campaña contra os abusos na hostalería en Compostela

A Confederación Nacional de Traballadores, CNT, comeza este martes unha campaña contra as malas prácticas laborais dentro do sector da hostalería en Santiago. Buscan informar e concienciar aos traballadores e traballadoras para dignificar o seu labor.

Por Galicia Confidencial | Santiago | 29/05/2018 | Actualizada ás 12:26

Comparte esta noticia

O sindicato CNT comeza este martes a campaña pola “Hostalería Digna” que ten por obxectivo denunciar prácticas abusivas dentro do sector hostaleiro compostelán, ademais de querer concienciar sobre os diferentes dereitos e vías de denuncia contra a precariedade laboral no sector. Así as xornadas comezarán coa presentación do libro “Breve manual de hostalería” de Patricia Alonso Janeiro este martes na Casa do Matadoiro e o día cinco de xuño Carlos Criado falará sobre os efectos do turismo na cidade.

cartaz campaña CNT hostalería
cartaz campaña CNT hostalería

Desde a CNT sinala que “a hostalería na cidade Compostela está vinculada fortemente ao turismo e ao ocio do estudantado” e este sector “xera unha enorme cantidade de diñeiro, pero tamén que as condicións laborais no sector hostaleiro están dentro das máis precarias da cidade”. Isto, sinalan desde o sindicato, a pesar de que a cidade é un receptor permanente de turismo grazas á declaración de patrimonio da humanidade, festas e ocio universitario que “xeran un enorme beneficio para as empresas, pero isto non redunda na mellora da situación das condicións laborais”.

Entre as condicións denunciadas e que son motivo desta campaña de concienciación dentro do sector de traballadores e traballadoras hostaleiras están as “xornadas de até 60 horas semanais, impago de horas extraordinarias ou nocturnas, descansos insuficientes e ausencia de vacacións”. Ademais, a isto denuncian que se lle suman os contratos realizados por tempo de traballo ou en categorías inferiores aos realmente realizados, falta de cotización á Seguridade Social e despedimentos fulminantes que son  “apenas parte dos abusos cotiáns que se sofren na hostalería”.

A pesar da normalización da precariedade no sector, o convenio colectivo recolle unha serie de dereitos que “moitas veces non son coñecidos polos traballadores e as traballadoras da hostalería”. O descoñecemento e a falta de organización, denuncian desde a CNT, provocan que poidan perpetrarse abusos e que sexa moi difícil mellorar as condicións laborais do sector.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta