Por Galicia Confidencial | Santago de Compostela | 04/06/2018 | Actualizada ás 21:00
A Árnica Montana é unha planta con flores amarelas que, por veces, semella unha margarida. Pero as súas propiedades son moi diferentes. Esta especie, moi ameaza en Galicia, ten propiedades medicinais e é usada, actualmente, nos preparativos de pomadas e linimentos para ser utilizadas en escordaduras e contusións en deportistas de élite.
Por iso, a Deputación de Lugo e a USC queren aproveitar o aproveitamento sustentable e a valorización desta planta, presente nas Reservas da Biosfera de Lugo, mediante a posta en marcha dun proxecto de investigación financiado con 22.700 euros. A iniciativa permitirá a investigadores do Campus Terra analizar a súa diversidade xenética e establecer parcelas de cultivo.
A planta está a experimentar unha crecente demanda por parte da industria farmacéutica, xa que entre as propiedades da Árnica Montana atópase a absorción de hematomas e o seu poder antiinflamatorio.
Os profesores e investigadores na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría do Campus Terra
da USC Manuel Vera Rodríguez, do grupo de Xenética, e Rosa Romero, do grupo de Sistemas Silvopastorais, lideran este novo proxecto de investigación a través do que se pretende dar continuidade a estudos xa desenvolvidos na sede universitaria luguesa.
DIVERSIDADE XENÉTICA E RENDIBILIDADE ECONÓMICA
O obxectivo deste novo convenio entre Deputación e USC abrangue dúas liñas diferentes: a análise da diversidade xenética a nivel inter e intra poboacional de Árnica Montana L. en Galicia, a fin de definir unidades de xestión e establecer estratexias de aproveitamento sostible das súas poboacións; e a posterior posta en marcha de experiencias de cultivo encamiñadas a abrir alternativas rendibles economicamente para o sector agrario galego.
Un paso posterior sería o de explorar posibilidades de realizar transformacións en Galicia que
vaian mais alá do secado e picado da árnica, coa finalidade de incrementar o valor engadido e
a repercusión económica e de creación de emprego.
En opinión dos promotores deste proxecto de I+D: "Artellar medidas para garantir a pervivencia das poboacións naturais de árnica en Galicia, sobre todo na provincia de Lugo, por ser onde se atopa algunhas das mellores poboacións de árnica do Noroeste da Península Ibérica, e favorecer o aproveitamento sustentable dunha planta medicinal que tamén pode ser fonte de ingresos adicionais na actividade agraria constitúen actuacións importantes para unterritorio no que cada ano se colleitan máis de vinte toneladas de flor fresca de árnica".
FIXACIÓN DA POBOACIÓN NO RURAL
Ademáis do positivo impacto económico, outra das vantaxes deste convenio de I+D+i afecta á
transferencia de tecnoloxía ao sector agroforestal, xa que os estudos que se desenvolvan
poderían permitir poñer a disposición dos agricultores técnicas de cultivo desta planta
medicinal no marco da agricultura ecolóxica que sexan viables técnica e economicamente e
que sexan sostibles no tempo e no espazo, contribuíndo ao desenvolvemento rural e á fixación de poboación nas zonas rurais.
Por outra banda, o aproveitamento en cultivo da árnica reviste un interese social dado que pode ser un complemento que axude a incrementar as rendaseconómicas doutras actividades agrarias, gandeiras e forestais da provincia de Lugo.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.