Por Xurxo Martínez | Vigo | 19/03/2011
Non, amigo non. A humanidade é unha caricatura da miseria. Miseria económica uns, miseria intelectual outros. E eu destas lerias non che sei moito pero parvo, tampouco son. A xente pasa pola vida coma quen colle o carriño da compra no Alcampo e merca aquilo que lle fai falta e un engado máis.
Días atrás lin, mentres facía tempo para o coche de liña, que case o 10% da contaminación de Europa, (de Europa, rapaz!) era culpa das bostas. Manda chover na Habana!, dixen en alto. Un paisano mirou para min e conteille o caso. Botou a boina para atrás cos cotelos mentres rañaba na testa e dixo: inda ben que se van pechando explotacións en Galicia.
Xa che digo que disto non sei. Eu non son un estudado. Os que van á universidade deben ser xente moi lista, teñen que valer moito. Tanto coma as propiedades da Igrexa. Pero, sabes meu amigo?, hanlle pasar o que ao Álvaro de Pacios: de cativo era tan intelixente que ao final se pasou de rosca. Será así que se entende o que pasa no mundo. Irán a tantas universidades, tantos estudos que tamén se pasarán de rosca e acabarán aparvados de todo.
Estes días escoito no parte o que sucede en Xapón. Que desastre! Falan de reactores, fusións e átomos de tal asunto. Con tanta seguridade que disque había, tantas probas e tantos xuramentos. Diso non sei nada pero si sei a penuria que esa xente sofre, que che son coma ti e coma min, persoas a fin de contas. Pero as bágoas e a dor, sexan a milleiros de quilómetros ou a un cento deles, se non a miramos polos nosos propios ollos non as sentimos. Que imos facer, non?
Con todo isto, amiguiño, quéroche dicir que un debe cavilar unha miga por si mesmo. Pode que as vacas contaminen moito a capa de ozono pero será máis certo que a enerxía nuclear arrasa con vidas humanas. Ai, meu rei, cando as persoas deixen de querer ser leóns…