Gonzalo Caballero: “Non descarto que haxa elementos que fagan mudar as miñas previsións políticas”

O secretario xeral do PSdeG non descarta que os cambios no Goberno central tamén lle afecten a el. “Quen podía imaxinar hai quince días que Pedro Sánchez ía ser presidente do Goberno de España”, di. Nesta entrevista con GC debulla as claves da situación do Partido Socialista en Galicia, do futuro panorama electoral e das relacións cos baróns e críticos do partido. “O novo escenario político en Madrid mudou moitas cousas”, recoñece nesta entrevista.

Por Xurxo Salgado | Compostela | 07/06/2018 | Actualizada ás 22:05

Comparte esta noticia

Está habendo moitos cambios en moi pouco tempo. Cres que estes cambios en Madrid van ter un traslado en Galicia?
O primeiro que temos é constatar a nosa satisfación pola moción de censura e polo goberno que configurou Pedro Sánchez. Era necesario ese cambio político. Había que retirar á dereita do goberno do Estado logo dunha sentenza tan grave como a da Gürtel. E o PSOE fixo o que tiña que facer que era poñer fin ao goberno da dereita. Isto trastocou o escenario político estatal e abre moitas posibilidades dunha esquerda que abandonou os complexos conservadores que lle querían impoñer á hora de ter vocación de goberno e ábrense novos escenarios para o conxunto da esquerda.

Caballero durante unha entrevista con GC
Caballero durante unha entrevista con GC | Fonte: PSdeG

E iso afecta a Galicia?

Pois o retroceso da dereita que indican as enquisas tamén afecta aquí. Nas próximas semanas o Partido Popular terá que decidir como fará a súa renovación e haberá que ver que implicación ten isto para Galicia.

E aí supoño que te refires a Feijóo que é un dos actores chave neste proceso de sucesión e que está gañando enteiros. Isto, dalgún xeito, non afecta aos partidos da oposición en Galicia e, a ti, como líder do PSdeG?

Eu penso que Feijóo ten que dicir se a súa prioridade é adicarse aos problemas de Galicia, que son moitos ou...

Gonzalo Caballero durante unha entrevista con Galicia Confidencial
Gonzalo Caballero durante unha entrevista con Galicia Confidencial | Fonte: PSdeG

Pero é que sempre repite que a súa prioridade é Galicia...

Iso sempre o di pero veremos cal é a súa prioridade; se está cos problemas dos galegos ou co Partido Popular a nível do Estado. Hai situacións que non son compatibles e el verá onde quere estar. Nós, os socialistas galegos, estaremos atentos aos problemas do país.

E como ves a Feijóo logo do acontecido en Madrid?

Pois terá que decidir se quere adicarse a Galicia ou outro tipo de responsabilidades. E se opta á sucesión de Rajoy pois haberá un escenario distinto en Galicia. Neste momento o que me preocupa é que os galegos temos a impresión de que Feijóo está centrado noutras cuestións que non son os problemas de Galicia que ten serios problemas económicos, sociais e demográficos para os que compre ter un proxecto de país máis amplo e cun cambio na Xunta.

E ti ves compatible que compaxine a presidencia da Xunta con dirixir un partido en Madrid?

De momento non sabemos se quere ou non quere ir.

Parece que si...

Pois o risco é estar centrado en dúas cousas á vez e que, ao final, non estás en ningún.

Coñeces á nova ministra de Economía?

Feliciteina e tiña previsto unha xuntanza con ela en Europa que, agora será en Madrid próximamente.

Preguntoche se a coñeces por se se pode considerar, digamos, “ministra galega” ou non?

Ela é galega e amosa o seu orgullo polo seu carácter e sentimento galego e, polo tanto,....

Entón podes confirmar que vai na “cota galega”?

A ministra de Economía é galega e é un orgullo ter unha ministra de Economía.

É que a min desde Bruxelas dinme que, aínda que teña carácter galego, exerce pouco de galega, por iso cho preguntaba. É unha muller que está asentada en Madrid, que vén moi pouco a Galicia e que o contacto cos líderes socialistas galegos é escaso, por non dicir nulo...

Eu remítome as súas primeiras declaracións cando se coñeceu o anuncio nas que ela mesma sinalou que para ela era un orgullo ser galega. E non vou repetir o que ela xa dixo.

Entón quedaremos que é unha ministra “galega”. E do resto, como ves o novo gabinete?

Eu penso que PedroSánchez está facendo un goberno magnífico, con moita solvencia, con moita forza e vai ter credibilidade por si mesmo, con perfíles políticos moi especializados en cada unha das áreas e cremos que a incorporación de Josep Borrell é moi satisfactoria para todos e para min a nivel persoal. Eu xa falei con el para animalo a dar ese paso porque está nunha fase persoal  distinta, de tentar desfrutar do seu. Pero pediuselle sentido de Estado e nun acto de corresponsabilidade con España pois asumiu o Ministerio de Asuntos Exteriores. E isto é unha magnífica dcisión para o PSOE e para o resto do Estado. Logo a ministra de Economía ten un perfil moi adecuado, moi técnico e que lle dá solvencia económica a este gabinete. E logo o resto do Consello de Ministros é potente, sólido e críble.  Estou moi satisfeito de como Pedro Sánchez encara esta etapa. Sabemos que non vai ser fácil o escenario político.

Semella un goberno moi mediático e que deixou fóra de xogo ao PP. De feito o nomeamento de Borrell xa descolocou a PP e Ciudadanos, e creou rexeitamento entre o independentismo...

Eu penso que Pedro Sánchez foi claro na moción de censura asegurando que o PSOE respecta o estado de dereito pero, á vez, imos a abrir vías de diálogos con distintos axentes do estado e das distintas autonomías e creo que nesa línea é a que temos que traballar. Nós respaldamos a aplicación do 155 porque había decisións que ían máis alá do marco xurídico español. De feito, a soberanía e a lei están garantidas co novo executivo, pero ademáis nós temos unha vocación de diálogo que é co que se solventan os conflitos políticos sempre do marco legal. E iso é o que fai falla; respectar o marco constitucional e abrir vías de diálogo. E nesa liña é onde Borrell amosa o cumprimento desas normas constitucionais pero nas que tamén será fundamental ese compoñente de diálogo.

Cres que vai a haber aproximación na cuestión catalá?

Nós cremos que a política é diálogo pero non podemos facer concesións naquilo que pode rachar o noso proxecto e danar o marco constitucional pero, a partir de aí, as vías das normas existentes hai que exploralas con calma, lealdade e transparencia. É dicir, eu estou aberto ao diálogo pero non a facer concesións que rompan o proxecto para o conxunto do país.

Pero nun diálogo hai que falar e tentar chegar a un acordo e iso supón non concesións pero si cesións polas dúas partes que entablan un diálogo...

Nun proceso político hai distintas vías; unha de diálogo que é para o acordo e que os límites teñen que vir establecidos polo estado do dereito e o respecto á soberanía do conxunto do Estado. Iso é a posición do PSOE e aí temos que manter a nosa traxectoria e o noso compromiso.

E iso implica volver aplicar o 155?

O 155 aplicouse por unhas accións que se non se tiveran tomado pois non se aplicaría. Con perspectiva realista a nós non nos gustou que os que tomaron esas decisións fora do marco legal as tomaran nin tampouco nos gustou aplicar o 155, pero dados eses incumprimentos era obrigado. Por iso hai que evitar cometer erros que se cometeron no pasado. As pontes teñen que ir cara a unha normalidade democrática con vías de diálogo e estudar posibles vías de futuro que impliquen reformas.

Volvendo a Galicia. Hai unha similitude entre o teu caso e o de Pedro Sánchez. Os dous rexurdíchedes como a Ave Fénix a pesar de que estabades no limbo do PSOE. E, a pesar de todo, Pedro Sánchez é agora presidente. Veste identificado nel?

Hai que ser cautos nas previsións que fagamos. Cada un ten a súa propia traxectoria pero é certo que a comezos do ano pasado pois era dificilmente previsible que fora secretario xeral do PSOE e logo presidente, igual que eu secretario xeral dos socialistas galegos. Isto amosa que cando os militantes falan en Primarias as vontades de cambio acaban establendo as liñas de acción dos partidos políticos. Desde as Primarias e o Congreso galego eu estou adicandome a construír un partido máis forte e máis aberto á sociedade que poida liderar unha gran coalición social de progreso que poida afastar á dereita da Xunta de Galicia. Iso é ao que me adico e os acontecementos recentes, como a chegada de Pedro á Presidencia do Goberno, en política, cando se traballa con convicións e constancia, pois os obxectivos son alcanzables. Eu non me vou desviar dese traballo, nin agora, que hai un goberno socialista no Estado. A miña prioridade é Galicia. Son o secretario xeral dos socialistas galegos e temos xa a experiencia de que, en 2004, chegou primeiro Zapatero ao Goberno do Estado e un ano despois foi Touriño quen o fixo na Xunta. E iso foi por ter un PSdeG en clave galega e centrado nas prioridades de Galicia.  E iso é o que estamos tentando facer.

E ti chegaches a esa dirección do PSdeG en contra de determinados dirixentes e baróns provinciais. Como é actualmente a túa relación con eles?

Eu gañei as primarias nas catro provincias e logo gañei o Congreso Nacional Galego con máis dun 70% dos votos.

Entón das por limados eses roces?

Eu creo que neste momento hai unha situación de estabilidade e de recuperación da normalidade do partido que é positivo. Este é o PSdeG, cun compoñente galego e galeguista, que ten unha dirección para todos os socialistas galegos. E todo isto o estamos facendo con plenta sintonía coa Executiva Federal e con Pedro Sánchez e iso é un elemento a favor de que os ventos soplen axeitadamente.

E como está a relación agora co teu tío, co alcalde de Vigo, Abel Caballero?

Abel Caballero é un alcalde de referencia cunha amplísima maioría absoluta que conta co respaldo de todo o partido para desenvolver as súas tarefas municipais como presidente da FEMP. Tamén é verdade que estes meses transcurriron con tranquilidade e con fluidez nesa liña de acción xeral que estamos acadando que é recuperar un PSdeG máis forte.

Xa sei que esta é unha cuestión que pode incomodar, pero ti ben sabes que entre os dous houbo moitas tensións vindo ti, como ves, da Agrupación Socialista de Vigo...

Eu creo que desde o momento en que gañei as Primarias e o Congreso Nacional Galego o conxunto da organización entendeu a mensaxe da militancia que foi contundente e claro dándolle a esta dirección un respaldo importante e, polo tanto, iso é ao que me debo e o conxunto dos cargos e compañeiros do partido teñen entendido que, tanto cando gañou Pedro, como cando gañei eu en Galicia, que esa mensaxe das Primarias é a que prima tanto en España coma en Galicia.

Pero tes interlocución directa aberta con Abel Caballero, con Carmela, coa xente de Vigo?

O secretario xeral ten interlocución aberta con todo o socialismo galego e con todos os militantes porque a dirección do partido lle corresponde a Executiva Nacional Galega e, polo tanto, esa é a posición política na que estamos. Eu non sigo polo miúdo os aspectos municipais en cada un dos concellos de Galicia e aí respecto todos os ámbitos de decisión e, especialmente, no caso de Vigo, no que goberna un alcalde cunha ampla maioría.

E xa entrando en cuestións máis persoais. Eu teño unha tendencia política e na miña familia hai xente que ten outras e, de cando en vez, pois discutimos. Por iso tamén me chama a atención o que acontece contigo e co teu tío Abel. A dúbida que teño é se vós agora coincidides en encontros familiares e acabades falando de política?

Eu penso que o ámbito familiar hai que deixalo na esfera do privado, pero a miña relación persoal con Abel Caballero ten sido sempre positiva no ámbito persoal, aínda cando temos estado en situacións políticas distintas dentro do Partido Socialista. Son discrepancias políticas que se teñen dado nalgún momento pero a realidade é que nos últimos tempos hai unha fluidez e sintonía recoñecendo os espazos políticos de cada quen. A el lle corresponde a alcaldía de Vigo e a min me correspode dirixir o PSdeG.

Dentro dun ano hai eleccións municipais. Como ves ao PSdeG neses comicios, sobre todo, cando hai moitos candidatos que aínda non están elixidos, agás Abel Caballero e Lara Méndez?

O partido está traballando de cara as municipais aínda que é certo que a moción de censura pois ten mudado a nosa prioridade e inmediatez política. E no caso de Galicia, alí onde temos alcaldes e alcadesas pois a regra xeral establece que repitan como candidatos e a idea que temos é tentar perfilar á volta do verán os candidatos das grandes cidades. E, a partir de aí, abriremos todo o proceso ata as vindeiras municipais. O noso partido ten claro compoñente municipalista. Temos boa xestión nos concellos nos que gobernamos. Se lle preguntamos aos cidadáns de Vigo, Lugo, Santiago, A Coruña ou Ourense quen foron os principais alcaldes socialistas, os cidadáns pensan en alcaldes e alcaldesas socialistas. E, polo tanto temos un legado e unha traxectoria que nos acredita e temos que pular de xeito coordinada para avanzar posicións nas próximas municipais e permitir máis gobernos de progreso no conxunto das cidades.

E como ves Vigo e Lugo?. No caso de Vigo semella claro, pero no de Lugo, hai certa tensión política, non?

No caso de Vigo hai unha posición moi sólida e de amplísima maioría do Partido Socialista e nesa liña agardo que se reediten os resultados acadados en eleccións anteriores. Para iso o alcalde de Vigo contará con todo o respaldo do PSdeG. El mesmo ten unha axenda intensa de traballo na cidade. Adícase ao concello todos os días 24 horas e el coñece mellor que ninguén o escenario muncipal para afrontalo con éxito.

No caso de Lugo eu penso que temos un bo goberno municipal, aínda que somos conscientes de que a aritmética da corporación implica certa complexidade á hora de ter xestionada as cuestións. En todo caso hai que poñer en valor que se acaban de aprobar os orzamentos para a cidade de Lugo e que, ademais, o goberno de Lara Méndez conseguiu 22 millóns de euros de fondos europeos e vai a haber unha capacidade de investimento de gasto moi importante para desenvolver proxectos , sobre todo, de contido social e de humanización para a cidade de Lugo. E nesa liña cremos que os gobernos municipais de Vigo e Lugo pois están en condicións de volver repetir nas súas cidades porque en ningún das dúas existe nada sólido en fronte, nin alternativa mellor que a que xa ofrece o PSdeG.

E neste escenario municipal tamén son importantes as provincias. Cres que ides conservar as deputacións que agora gobernades porque hai enquisas que prognostican cambios na Coruña e Lugo, sobre todo?

O PP está nunha fase de retroceso electoral en Galicia e en España que, ademais, vaise acelerar agora coa perda do Goberno español porque márchalle o mecanismo no que descansaba a estrutura de poder do PP e, polo tanto, a perspectiva que temos desde o PSdeG é de recuperación fronte a un retroceso do PP. Queda un ano para traballar e estamos convencidos de que podemos manter as deputacións nas que agora estamos.

E cos mesmos presidentes; con Carmela en Pontevedra, Valentín na Coruña e Darío en Lugo?

Temos tres bos presidentes nas deputacións e agora corresponde seguir traballando ata que se constitúan esas novas. E que non estamos aínda na fase dos nomes. Primeiro hai que poñer candidatos para as municipais e poñer en valor o bo traballo que están facendo en circunstancias distintas nas tres deputacións que, obviamente, tamén contan co respaldo do PsdeG.

Ben é certo que a elección de Pedro Sánchez como presidente cambia moitas cousas. Agárdanse máis galegos no goberno de Madrid xa en segundos postos de ministerios?Supoño que aquí algo terás que dicir ti, non?. Unha cousa son os ministros e outras pois secretarios xerais e outros altos cargos que entendo que Pedro consultará contigo, non?

De momento configurouse o Consello de Ministros e, despois, haberá unha nova fase con novos nomeamentos. Pero iso agora non está na axenda inmediata.

Pero non podes confirmar que haxa cargos galegos, do PSdeG, en postos altos dos ministerios?

Tratarase cando toque.

Que pasa, que aínda non toca?

De momento non.

E a túa entrada no Parlamento galego, tampouco toca?

De momento non é previsible.

Estás fuxindo das preguntas?

Non estou escapando. Cóntoche... Isto é unha política moi volátil e, ás veces, queremos facer previsións que son difíciles de facer porque o escenario actual é moi complexo. Hai quince días era imprevisible que Pedro Sánchez fora presidente do goberno, polo tanto, está mudando todo o escenario e, por iso, quero ser moderado nas miñas verbas para non trasladar algo que poida mudar por distintos escenarios. Eu traballaba no escenario de desenvolver o vindeiro ano a miña actividade como docente na Universidade de Vigo e esa é aínda a previsión que teño pero non descarto que haxa elementos que fagan mudar esa previsión e orientación que eu teño.

Certo. Ti mesmo machacaste iso de que querías adicarte á docencia e houbo quen che criticou por iso de compaxinar o de dar clase na universidade coa política. Pero se entras no Parlamento, adeus á carreira universitaria de momento...

Obviamente. Eu cando accedín a á Secretaría Xeral do PSdeG trasladeille á sociedade galega que ía manter a miña actividade laboral durante o tempo que era posible para que a xente vexa que un chega á política coa vida resolta, co seu traballo, e non para buscar postos, nin maiores salarios. E esa é unha liña da política que é compatible na medida de que estes meses foron de moita actividade. Pero asumino para dar mostra do que debe ser a actividade política. É certo que nalgún momento esa situación teña que mudar cando teña que asumir unha responsabilidade institucional. Pero tamén é certo que o balance que fago dos sete meses como secretario xeral é positivo. Creo que temos avanzado na recuperación do músculo do PSdeG. Que lle temos dado presenza ao PSdeG e á sociedade galega e que o fago percorrendo o traballo de forma intensa e esa é a liña na que quero seguir traballando. Pero en política todo cambia e, nalgún momento, pois podería haber algún cambio que non está decidido a data de hoxe, nin tampouco cando se poida producir.

En todo caso, ese cambio non é para ir a Madrid, non?

O meu compromiso vai estar con Galicia.

E que iso o dicía tamén, ata hai nada, Feijóo...

Non. O meu compromiso é con Galicia. Desde o primeiro momento que se produce a moción de censura eu trasladei á organización é que a miña responsabilidade é construír unha maioría social en Galicia para retirar a Feijóo, ou a quen sexa sucesor, da Xunta. Hai que descartar que eu teña nomeamento fóra de Galicia porque para eso non entrei en quinielas, nin estiven en ofrecimentos do novo goberno.

E como ven os estudantes ter un líder do PSdeG dándolle clase?

Sen grandes cambios e con certa normalidade. Eu nas clases pois só falo das temáticas do programa da materia e non abro debate doutras cuestións. Delimito a miña tarefa docente da miña tarefa política.

Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez
Gonzalo Caballero e Pedro Sánchez
Gonzalo Caballero junto a Pedro Sánchez en el Comité Federal
Gonzalo Caballero junto a Pedro Sánchez en el Comité Federal
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 6 comentarios

5 Farta

Gonzalo Caballero: “Non descarto que haxa elementos que fagan mudar as miñas AMBICIÓNS políticas”. Medrinhas sem escrúpulos. Outro ao que, supostamente, lhe regalarom o posto de professor na universidade pública.

4 Fernando G

O de poñer fotos co actual presidente de goberno é tamén pura casualidade, ou non?

3 Luquiño

Non sei como pode estar contento coa representación do PSdeG no Consello de Ministras: zero. Zero Zapatero. Galiza non conta. Gonzalo Caballero non conta para Sánchez. Que haxa unha persoa nada na Galiza, a de Economía, non ten que ver con que represente ao Socialismo galeguista. E o pior: o secretario xeral do PSdeG está contento! Mamaiñaaaaaa! Menudo exemplar. Iso, o seu tío, non o consentiría xamais.

2 Mosqueado

Unha pregunta: é casualidade tanto Caballero no departamento universitario do seu tío?

1 Trangalladas

As casualidades non existen agás no imaxinario popular. Nin a natureza se rexe pola casualidade senón pola CAUSALIDADE (JA, JA,JA)

1 Gamela

O falar non ten cancelas... Pero algúns levamos tempo agardando que o tío resolva dunha vez o tema da Acampada contra a Pobreza sen éxito algún! E mesmo agora vemos unha nova estratexia que consiste en INVISIBILIZAR a pobreza e a exclusión social tecendo unha nova rede clientelar para lavar conciencias Aínda que valoramos calquera iniciativa que redunde na mellora da situación NON é de recibo manter esta DOBLE MORAL no Concello de Vigo https://www.noticiasvigo.es/nace-en... RESEÑA HISTÓRICA DA FARSA SOCIALISTA https://flic.kr/p/ULcmVh